You are hereLonga vida de Galindo excarcerado

Longa vida de Galindo excarcerado


Txisko Fernández
10/09/2012

Vou seguir o exemplo do xornalismo español -fonte inesgotábel para coñecer como non se debe facer xornalismo- para referir a breve historia penal do comandante Galindo. E deixo constancia de que as expresións que irán entre aspas ao longo do texto usáronas nos últimos días xornalistas de orientación política tan dispar como Iñaki Gabilondo e Alfonso Ussía; é máis, algunhas delas veñen repetindo nos titulares de todo o espectro mediático español, xa sexa en «El País» ou en Intereconomía.

Esta é a historia que nunca até agora eses medios e xornalistas se atreveron a contar desta maneira. «O secuestrador» de Joxean Lasa e Joxi Zabala foi durante anos o xefe da Garda Civil en Euskal Herria. «O secuestrador e torturador» de Lasa e Zabala foi condenado a máis 75 anos de cárcere polos tribunais españois. «O secuestrador, torturador e asasino» ordenou que os corpos dos dous mozos tolosarras fosen enterrados en «un zulo» escavado en terra alacantina despois de arroxar cal sobre eles.

Pois ben, «esa alimaña» foi posta en liberdade en 2004, cando cumprira cinco anos de cárcere, porque Institucións Penais considerou que os problemas de saúde que lle afectaban non se podían tratar adecuadamente en prisión. Tendo en conta que non mediou un milagre divino -polo menos non me consta que o Vaticano o certificase así- nin se produciu un avance científico que posibilitase un novo tratamento médico, está claro que o comandante non sufría unha enfermidade terminal, posto que xa transcorreron oito anos desde que o Ministerio de Interior lle concedeu a liberdade vixiada, sendo presidente do Goberno español José Luís Rodríguez Zapatero.

Chegando ás conclusións, non creo que os medios e xornalistas españois que entón non utilizaron nin un só deses adxectivos para referirse ao comandante cambiasen de libro de estilo nestes últimos anos. Simplemente, arquívano na papeleira cando se trata de falar das consecuencias do conflito político e armado en Euskal Herria.

E, para non caer na tentación de usar este caso como un «espectáculo» (que diría Urkullu), non vou pór cualificativos a quen se solidarizaron co comandante excarcerado.

 

www.gara.net/paperezkoa/20120909/361192/es/Larga-vida-Galindo-excarceladoGara