You are hereA culpa é da vítima. Rachel Corrie

A culpa é da vítima. Rachel Corrie


Rachel Corrie
10/09/2012

O martes [28 de agosto] o xuíz Oded Gershon, do xulgado da audiencia de Haifa, desestimou a demanda civil contra o Estado de Israel presentada por min en nome da familia de Rachel Corrie polo homicidio da filla, activista estadunidense pola paz, defensora dos dereitos humanos, que entrou de forma legal en Gaza para convivir con familias palestinas de Rafah cuxas vivendas estaban ameazadas de demolición.   

Aínda que non resulta sorprendente, a sentenza é outro exemplo máis de que prevalece a impunidade por encima da xustiza e a responsabilidade de render contas fronte ao principio do Dereito Internacional humanitario: que en tempo de guerra as forzas militares están obrigadas a adoptar toda clase de medidas para evitar danos tanto á poboación civil como aos seus bens.

Non é a primeira vez que os tribunais negan ás vítimas de accións militares israelís o dereito a unha reparación efectiva. Non hai máis que preguntar aos moitos palestinos que tiveron que enfrontarse a multitude de obstáculos legais e loitaron durante décadas simplemente para conseguir chegar un día até os tribunais. Continúan denegándose millares de lexítimas reclamacións baseándose na controvertida teoría legal - adoptada polo xuíz Gershon – de que os soldados deben ser absolvidos de responsabilidades civís, debido a que están comprometidos en actividades militares operativas nunha zona de guerra.

O caso de Rachel é único, dado que se trata da primeira cidadá estranxeira morta mentres protestaba contra a ocupación israelí, aínda que nin moito menos a última. Tom Hurndall, un activista pola paz británico, recibiu un tiro na cabeza do francotirador israelí que o matou menos de tres semanas despois de que Rachel fose asasinada. E menos dun mes máis tarde, James Miller, un cámara británico resultou morto por un disparo da Forza de Defensa Israelí en Rafah.

Ao chegar a esta decisión no caso de Rachel, o xuíz Gershon aceptou practicamente todos os argumentos legais do goberno, ignorando ou distorsionando datos cruciais á hora de ditar sentenza. Chegou á conclusión, por exemplo, de que Rafah constituía unha zona militar pechada, de acordo coa declaración do mando militar israelí do sur (sen que importase que dita orde non chegase a presentarse xamais ante o tribunal nin que o comandante da unidade sobre o terreo testificase que non era consciente da designación da área como zona pechada). E esa conclusión tiña as súas implicacións.

Cando testificou o coronel Pinhas (Pinky) Zuaretz, antigo comandante da Brigada Sur da División de Gaza, que estaba ao mando en 2003, confirmou que o protocolo de combate na época en que Rachel resultou morta consistía en “disparar a matar a calquera adulto na rota [de Philadelphi]“. Tal como expresou outro coronel israelí que tamén prestou declaración: “Nunha zona de guerra non hai civís”. Ao aceptar este testemuño de Zuaretz e outros, o xuíz Gershon aceptaba esencialmente que era admisible a orde de “tirar a matar”, o que viola principios fundamentais do Dereito Internacional humanitario, que estipula que se ha de distinguir entre combatentes e civís.

Sabiamos desde o principio que sería unha batalla costa arriba chegar á verdade e á xustiza, mais estamos convencidos de que este veredito non só distorsiona as probas contundentes presentadas ante o tribunal senón que tamén contradi principios fundamentais do Dereito Internacional relativos á protección dos defensores dos dereitos humanos.

Ao denegar xustiza no caso da morte de Rachel Corrie, este veredito súmase ao fracaso sistemático á hora de esixir contas ao exército israelí polas súas continuadas violacións de dereitos humanos básicos. Como dixo o ex-presidente norteamericano Jimmy Carter: “A decisión do tribunal confirma un clima de impunidade, o que facilita as violacións de dereitos de civís palestinos nos Territorios Ocupados”.

A familia Corrie recalcou sempre que a finalidade desta demanda ía máis aló da compensación pola súa perda. Para eles tratábase de comprender que aconteceu exactamente a Rachel e denunciar as inxustizas a que se resistiron a filla e os seus amigos do Movemento Internacional de Solidariedade. Presentaron unha demanda seguindo o consello de Lawrence Wilkerson, antigo xefe de gabinete do Secretario de Estado norteamericano, Colin Powell, que, en nome do Departamento de Estado, comunicou á familia que os Estados Unidos non consideraban que a investigación sobre a morte de Rachel fose “concienzuda, crible e transparente”.

O goberno norteamericano repetiu reiteradamente a súa postura respecto da errada investigación e, despois de case sete anos de presentar cada vez máis evidencias, quedou aínda máis claro que os militares levaron a cabo a investigación co fin non de descubrir a verdade do que sucedeu senón de exonerarse de toda culpa.

Na súa decisión, o xuíz Gershon concluía que debido a que Rachel se puxera a si mesma en perigo, debía recaer sobre ela a culpa da súa propia morte. Esa conclusión pon en grave risco a vida dos defensores dos dereitos humanos e crea outro perigoso precedente máis no que di respecto á protección dos civís na guerra. Non é de sorprender que o tribunal evitase calquera análise das obrigacións xurídicas internacionais.

O veredito garante que continúe a cultura israelí de impunidade. Rachel Corrie perdeu a vida resistindo sen violencia xunto a quen se viu sometido á sistemática política de Israel de destrución e demonización. Como os Freedom Riders, que nos Estados Unidos da época do movemento de dereitos civís se uníron ás comunidades negras oprimidas na loita pola igualdade, Rachel e os seus amigos representaban un novo desafío e un modelo novo de activismo non violento, solidariedade e resistencia á máis longa ocupación da historia moderna.

Nun país no que o sistema xudicial permitiu a ocupación durante case 50 anos, supoño que non resulta sorprendente que o sistema xudicial culpe da súa propia morte á vítima.

Hussein Abu Hussein, é avogado de Dereitos Humanos e cofundador da Arab Association for Human Rights, asociación ao servizo da  minoría árabe palestina en Israel (www.arabhra.org), representou á familia de Rachel Corrie nas súas accións legais contra o goberno israelí e o Ministerio de Defensa israelí.

 

Traducido a partir da versión en español de Lucas Antón (Sin Permiso)