You are hereReformar o Código Penal para criminalizar a disidencia

Reformar o Código Penal para criminalizar a disidencia


Olalla Rodil
16/09/2012

A reforma do Código Penal aprobada polo Consello de Ministr@s a pasada sexta, introduce elementos novos no ordenamento xurídico español. Para alén da prisión permanente revisábel –que supón unha cadea perpetua encuberta--, o proxecto promovido polo Ministerio de Xustiza español pretende tipificar como delitos penais cuestións até o de agora consideradas como faltas.

Malia non coñecermos o contido da proposta –o ministro presentou informes perante o Consello, mais non un anteproxecto de lei--, o certo é que as declaracións de Alberto Ruíz Gallardón a pasada sexta, anuncian un endurecemento do Código Penal e a incorporación de novas disposicións que restrinxen os dereitos civís e fundamentais das persoas.

En SermosGaliza quixemos botar a ollada á reforma anunciada polo goberno español e avaliarmos as principais implicacións da mesma desde distintas perspectivas.

Criminalizar a mobilización social

Héctor López é avogado da CIG, con el abordamos a cuestión desde unha óptica sindical. A priori, recoñece que por mor de non coñecer o contido real das reformas previstas polo ministro de xustiza , todas as afirmacións que tiremos responderán á valoración das declaración feitas após o Consello de Ministros a pasada sexta. Porén, asegura que as cousas que alí se dixeron son “preocupantes”. Non só a aparición da cadea perpetua a través da incorporación da prisión permanente revisábel, senón pola “desaparición das faltas, que poderían pasar a ser consideradas como delitos ou multas”.

Esta cuestión afecta directamente ás mobilizacións sociais e folgas pois “queren tipificar [coa reforma] condutas que promovan a violencia”, afirma Héctor. Neste senso, calquera situación na que se puideran producir disturbios –nalgúns casos provocados polas propias forzas de seguridade— pode repercutir directamente sobre @s convocantes. “Queren tratar a movilización social coma un problema penal”, asevera Héctor, asemade considera incoherente que se criminalice a protesta e non os recortes ou a perda de dereitos por mor da crise.

Sara Carou, xurista e directora de Lex Galaica, subliña que unha das principais modificacións que pretende incorporar a reforma é a da tipificación do delito de “desorde pública” mudando a até agora falta –infracción leve sen pena de cadea—polo “endurecemento da represión penal”, asegura, e non dubida en aseverar que a reforma promovida por Gallardón “é claramente unha aposta pola represión do movemento social” cuxo obxectivo é parapetar as mobilizacións futuras empregando o endurecemento do código como elemento de disuasión.

Unha reforma "oportunista"

López  tilda, asemade,  a reforma anunciada de “oportunista” e cre que responde máis a unha demanda social mediatizada que a unha verdadeira necesidade xurídica. Programas de televisión matinais cunha importante cota de pantalla inzaron o espazo mediático coa visceralidade de familias vítimas dalgún asasinato a menores. En pouco tempo, casos como os de Marta del Castillo ou as crianzas de Córdoba, espertaron demandas sociais que exixían a cadea perpetua –que agora recolle a reforma do goberno--. A prisión permanente preventiva dirixirase principalmente a casos coma os anteriores –asasinatos a menores—amáis do magnicidio –asasinato dunha persoa polo seu cargo ou poder—e do terrorismo. Porén,Carou,  considera que as demandas sociais que exixían un endurecemento do dereito penal español contra determinados delitos, “constitúen a coartada perfecta para introducir outras modificacións” que non serían apoiadas socialmente. “De cara a galería aproveitouse a oportunidade”, afirma. 

Como avogada e xurista, Sara recoñece que o código penal español é “indubidabelmente un dos máis duros da UE”, mesmo antes de se aprobar a reforma,  e emprega como comparativa o caso alemá, “a poboación penitenciaria [referíndose ao número de persoas reclusas] é moito maior que o de Alemaña malia posuír un número de habitantes menor”.  Carou lembra asemade, as reformas introducidas xa polo goberno socialista e asevera que “todos os gobernos adecúan os códigos penais ás súas necesidades”, máis aínda nunha realidade social coma a actual.