You are hereCódigo Penal Gallardón: la criminalización de la resistencia social

Código Penal Gallardón: la criminalización de la resistencia social


Carlos Sanchez Almeida
18/09/2012

 “A distribución ou difusión pública, a través de calquera medio, de mensaxes ou consignas que inciten á comisión dalgún dos delitos de alteración da orde pública do artigo 558 CP, ou que sirvan para reforzar a decisión de levalos a cabo, será castigado cunha pena de multa de tres a doce meses ou prisión de tres meses a un ano.”

O Ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, presentou o pasado venres as liñas fundamentais da futura reforma do Código Penal. Tal presentación non foi máis que unha manobra publicitaria, dado que non veu acompañada pola publicación do Anteproxecto na web do Ministerio, onde só pode atoparse un simples resumo do futuro texto legal.

Perante a falta de transparencia do Ministerio, tiven que mergullar na rede até poder ter acceso a un exemplar do anteproxecto, de data 16 de xullo, disponíbel na web do Departamento de Dereito Penal da Universidade de Barcelona. Este texto experimentará mudanzas antes de ser remitido ás Cortes en forma de proxecto de lei, mais en calquera caso permite ter unha idea obxectiva da reforma, non condicionada pola propaganda ministerial.

O Código Penal proxectado representa un novo retroceso con respecto ao chamado Código Penal da democracia, aprobado no ano 1995. Os tratadistas de dereito penal costuman referirse ao Código Penal como “Constitución en negativo”: alí onde a Carta Magna establece dereitos fundamentais, o Código Penal establece os límites das liberdades, as liñas vermellas que non deben ser ultrapasadas.  E neste sentido, o Código Gallardón deixa en números vermellos, en negativo, moitas das liberdades que tanto custou conseguir.

O establecemento da cadea perpetua revisábel é, sen dúbida, o maior retroceso penal desde a transición, e é de todo punto incompatible co actual texto constitucional, que establece que as penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas cara á reeducación e reinserción social.  Pero non quero analizar aquí exhaustivamente algo que, con toda seguridade, será debatido en profundidade durante toda a tramitación da reforma. Prefiro centrarme nun aspecto moi preocupante do proxecto: a criminalización das novas formas de resistencia social.

O proxectado artigo 559, citado ao comezo deste artigo, constitúe toda unha declaración de guerra contra o ciberactivismo en redes sociais. Criminalízase a difusión de “mensaxes ou consignas” que inciten á comisión dos delitos do artigo 558, “ou que sirvan para reforzar a decisión de levalos a cabo”. Por se non causase inquietude a indefinición destes termos, obsérvese a que delitos fai referencia o vixente artigo 558:

    Serán castigados coa pena de prisión de tres a seis meses ou multa de seis a 12 meses, os que perturbaren gravemente a orde na audiencia dun tribunal ou xulgado, nos actos públicos propios de calquera autoridade ou corporación, en colexio electoral, oficina ou establecemento público, centro docente ou con motivo da celebración de espectáculos deportivos ou culturais. Nestes casos poderase impor tamén a pena de privación de acudir aos lugares, eventos ou espectáculos da mesma natureza por un tempo superior até tres anos á pena de prisión imposta.

De entrar en vigor a reforma proxectada, poderán ser obxecto de proceso penal todos aqueles que envíen por Twitter, ou calquera outra rede social, consignas “que sirvan para reforzar a decisión” de perturbar a orde en calquera acto público de calquera autoridade.

A reforma non queda aí. A nova redacción dos artigos 550 e 554 fai desaparecer as palabras “resistencia activa” do Código Penal. Con iso ábrese a vía a que a resistencia pasiva como a desenvolvida polos colectivos de “Yayoflautas” ou “Rodea o Congreso” poida ser criminalizada, unha intención que queda meridianamente clara ao ler o texto do resumo facilitado polo Ministerio:

    A reforma do Código Penal esclarece a definición do delito de atentado que inclúe todos os supostos de acometimiento, agresión, emprego de violencia ou ameazas graves de violencia sobre o axente. Mais non se equipara coa acción de resistencia meramente pasiva que, xunto á desobediencia, mantense, como até agora, penada con entre seis meses e un ano de cárcere.

Por se todo isto fose pouco, a reforma derroga o Libro III do Código Penal, e con iso desaparecen as faltas, para converterse ou ben en delitos leves, ou ben en infraccións administrativas. Algo que no que se refire aos delitos contra a propiedade ten consecuencias regresivas: os furtos e os delitos contra a propiedade intelectual inferiores a 400 euros, que até agora eran faltas, convértense en delitos leves que xeran antecedentes penais.

Accións de protesta como as protagonizadas en supermercados pola Plataforma de Afectados contra a Hipoteca, ou o menudeo coñecido como “Top Manta” non quedarán nun simple xuízo de faltas, senón que conducirán ao banco dun xuízo penal por delito.

O malestar social causado polos recortes de dereitos fundamentais foi en aumento nos últimos anos, e atopou nos novos movementos xurdidos á luz do 15-M formas de expresión novas, que xogaban ao límite coas liñas vermellas do Código Penal. A reforma Gallardón pretende ultrapasar tales liñas vermellas, para situar ao activistas a prol dereitos humanos na situación de marxinalidade dos proscritos.

Orixinal: El Diario (Zona Crítica)