You are hereCadea perpetua revisábel?

Cadea perpetua revisábel?


Xaquín Campo Freire
24/09/2012

 Cadena perpetua revisable, para agravala, Señor Gallardón? Levan tempo berrando ese “santo e seña”. D. Federico Trillo deixoulle o camiño “trillado”. Teñen vostedes un público moi afervoado. Nas mortes da Inquisición a xente ía presenciar as piras e berraban a coro consignas parecidas. No Coliseo Romano: “Panem et circenses”. E o polgar para abaixo. Necesitábase morbo. Agora tamén.
 
Hai días presenciei isto.Un funcionario, gran persoa por certo, díxome: Acompáñote ata a saída. Nisto, saen dous obreiros dunha empresa que están a reforzar un muro que repisou e vaise esbarroar. (Será isto unha alegoría dun muro que se rebela e non  quere ser outro de tantos muros de cerramentos: Berlín, Israel, EE. UU.-México, campos de concentración, campos de refuxiados, de inmigrantes, etc.?). Recordei o canto “¡Abajo la muralla!” ou  “¡A desalambrar!”  E botei de menos a Labordeta.
 
Saudámonos. O máis novo, expresouse así: Viven como Dios, e cagouse nese Señor para reforzar o enunciado. Comen, visten, fuman, toman café. Que máis queren. Non fan nada. Con nós son moi educados, eh! Incluso se desviven por botarnos unha man. E tamén hai que dicilo, está todo moi limpo. Nin unha cabicha polo chan. Eu é a primeira vez que traballo aquí. (Non sabían que estaba nun módulo de Respecto, nin que o cárcere non é todo así. Estaban a ver a parte máis “suave”). O funcionario escoitou atentamente. Ao final, moi digno, só lle dixo: Se se vive como Dios, por que non aproveita vostede. Pódense esgotar as prazas e pode perder unha oportunidade. Fique xa aquí. E que eu teño familia, respostou. Fóronse.
 
O funcionario, apesarado, díxome: Con esta mentalidade non se pode cumprir a Constitución que fala de reeducación e reinserción. E isto non é todo. A meirande parte dos políticos, e mesmo dos profesionais das leis, nunca viron un cárcere, nin un recluso, salvo para facérense unha foto e encheren a boca. Estes polo menos falan con eles.
 
Fixen unha tesiña sobre o cárcere nun posgrao de Humanización. Digo isto para acreditar que tiven de ler libros abondo dos mellores xuristas. Concordan nisto: O Código Penal español é un dos máis ríxidos de Europa e estase aplicando con dureza, cando o índice delitual é dos máis baixos. Non fai falta reformalo coa cadea perpetua porque, na práctica, iso xa está facendo. Corenta anos non son xa unha cadea perpetua?  Sen contar que a maioría dos penados son patoloxías psiquiátricas e sabendo que nos cárceres están só os pobres, os dunha escala social para abaixo.  
 
Se a vostede, señor Gallardón, e aos que o seguen, os pechan corenta anos, cando saian para onde van? Para que serven? Quen os recibe? É ese o modelo de sociedade que de verdade nos propoñen? Un pixama de pino cos pés para adiante?
 
Xa sei que hai vítimas. E hai que atendelas de verdade e non xogar con elas. Non electrizalas con máis dor e odio. Xa teñen abondo. Non vale o que estamos a facer con elas. E falo en primeira persoa. Estou en contacto con elas.
 
Póñolle un exemplo para rematar. Un interno, (é máis eufónico que chamarlle preso), pediume: Podes ir ver á miña nai e estar con ela unha miguiña? Cando volvín de vela entendín a cadea perpetua. Aqueles nenos cheos de lama e esfarrapadiños xa estaban na cadea perpetua. Só lles falta medraren un pouco máis ou que vostedes rebaixen a idade penal, do que xa están a falar. O do cárcere remitíalles cen euros/mes.
 
Sinceramente, Don Gallardón, téñolle pánico. Non tanto á cadea perpetua, nin ao de “revisábel”. Téñolle autentico terror ao modelo de sociedade que vostede, vostedes, nos están creando. Volvemos á selva. Ao espírito vindicativo. De aí a Viva la muerte!, en tempos dunha crise socio-económica tan forte que nós non creamos, non hai máis que deixar pasar dous anos.
 
Na  próxima tolemia tipo das dos Estados Unidos e un programa máis de telebasura, xa reinauguramos as leis que nos legou o que en paz descanse: E hanlle chamar “Reinserción!” Que lle vai bonito!, don Alberto.

Orixinal: Galicia Confidencial