You are hereQue pasa coa práctica da liberdade de expresión en Occidente?

Que pasa coa práctica da liberdade de expresión en Occidente?


Esam Al-Amin
26/09/2012

Os gobernos e as institucións da sociedade civil de Occidente afirman que a liberdade de expresión e asociación son o fundamento para manter o seu carácter democrático. Cando alguén, de forma deliberada, se propón inflamar as sensibilidades dos musulmáns cara ao seu profeta ou o seu libro sacro, invócase a liberdade de expresión para defender a causa do alboroto e desprezar os seus efectos tachándoos de resposta irracional. Aínda que, por suposto, en circunstancia algunha a violencia debería ser unha resposta aceptábel a ningún ataque, sen que importe o infame ou atroz que este sexa.

Mais a un nivel máis básico, cre realmente Occidente na liberdade de expresión ou aplica diferente  medidas en canto se refíre ás sensibilidades musulmás? Revisemos os antecedentes.

No sector privado, cando a Google se lle pedíuse que eliminase ese vídeo tan incendiario de YouTube, de forma inmediata e correcta referiuse á súa política, establecida desde hai moito tempo, de apoiar a liberdade de expresión, incluíndo calquera expresión despreciativa (aínda que de mala  gana aceptou suspendelo en Exipto e en Libia). Mais, como informaba o Jewish Press o 1 de agosto, Google non tivo problema en eliminar 1.710 vídeos e pechar as súas contas afiliadas porque "unha cifra importante deses vídeos negaban o Holocausto e defendían a quen negaban o Holocausto". Segundo o informe do xornal, Google "pechou a conta do usuario 24 horas despois" de recibir a queixa dun grupo que controla o antisemitismo en Australia.

En xullo de 2011, as autoridades israelís presionaron Facebook para que pechase as contas de moitos activistas palestinos. Israel queixábase de que os activistas estaban a coordinar planos para viaxaren a Israel e crearen incidentes. En realidade, os activistas estaban a tratar de ofrecer online un duro comunicado político. Nin será preciso dicir que o goberno israelí podería cancelar facilmente calquera visado que tivese emitido para eses activistas e impedir que calquera destas persoas entrase no país, se é que en realidade pensaban viaxar alí. Non houbo chamamento nin incitación á violencia por parte dos activistas que puidese justificar que as as súas contas fosen pechadas.

Quizá a xente en EEUU non sexa moi consciente deses incidentes nos que se manifesta odio ou expresións de rexeitamento. mais moita xente do mundo musulmán é consciente de que esas intervencións van en contra dos principios establecidos. E pregúntanse con razón se estranxeiros como o Fiscal Xeral de Israel ou un grupo de control australiano pode conseguir que Google ou Facebook eliminen vídeos ou pechen contas, como pode ser que o Presidente ou a Secretaria de Estado non poidan facer peticións similares? Tamén lembran que en 2009, a Secretaria de Estado Clinton interveu e impúxose aos executivos de Facebook e Twitter en nome dos activistas do chamado Movemento Verde en Irán. Este non é un argumento para defender que se pechen contas ou se eliminen vídeos senón para ilustrar simplemente a hipocrisía e as dúas medidas que utilizan funcionarios públicos e conglomerados empresariais cando se trata de temas musulmáns.

Ademais, moitos países europeos promulgaron leis no tres últimas décadas que criminalizan calquera expresión ou escrito que cuestione os relatos oficiais sobre o Holocausto. En 1996, o filósofo francés Roger Garaudy publicou o seu libro Os Mitos Fundacionais do Moderno Israel. Foi acusado de negar nese libro o Holocausto e, en consecuencia, o goberno francés procesouno e os tribunais prohibiron pouco despois calquera edición  futura do texto. En 1998, Garaudy foi xulgado e sentenciado a varios anos de cárcere, pena que finalmente se suspendeu, e a pagar unha multa de 40.000 dólares.

En 2005, o escritor inglés David Irving foi detido en Austria por unha orde de procura e captura de 1989 que o acusaba de negar o Holocausto. Foi posteriormente acusado de "trivializar, minimizar en gran medida e negar o Holocausto" e foille imposta unha pena de tres anos de cárcere.

Ademais, o musulmán británico Ahmed Faraz foi sentenciado en decembro de 2011 a tres anos de prisión en Londres tras ser acusado de "difundir unha serie de libros que se consideraban publicacións terroristas". A publicación da que se acusou Faraz de distribuír na súa libraría era un libro de 1964 titulado Milestones, escrito polo falecido autor exipcio Sayyed Qutb.

Mais o historial recente do goberno estadounidense é moito máis alarmante. De feito, desde o 11-S emitironse sentenzas draconianas polo que tradicionalmente eran consideradas actividades protexidas pola Primeira Emenda.

En 2004, os fiscais federais acusaron dous operarios da televisión por satélite, Javed Iqbal (un veciño de Nova York duns 25 anos) e Saleh Elahwal de "proporcionar apoio material a unha organización terrorista estranxeira" por transmitir o canal por satélite de Hizbollah, Ao-Manar, aos seus clientes de EEUU. O FBI rexistrou tamén a empresa de Iqbal e a súa casa "por sospeitar que se ocupaba do mantemento das antenas de satélite". En 2008, Iqbal foi procesado e sentenciado a 69 meses de prisión.

En moitos procesamentos criminais celebrados desde o 11-S, os musulmáns foron acusados e sentenciados até a cadea perpetua por expresaren as súas opinións políticas, emitir fatwas (opinións relixiosas), alimentar nenos, proporcionar material educativo, traducir documentos, descargar vídeos en páxinas de Internet e mesmo por cantar nunha banda.

Nun caso en que se viu envolto Tarek Mehanna, nacido en EEUU, o profesor de Yale Andrew F. March escribiu no New York Times: "Como científico político especializado en dereito islámico e na guerra, con frecuencia leo, almaceno, comparto e traduzo textos e vídeos de grupos yihadistas. Como filósofo político, debato acerca da ética de matar. Como cidadán, manifesto puntos de vista, pensamentos e emocións acerca de matar outros cidadáns. Como ser humano, ás veces sinto alegría (dáme vergoña admitilo) ante o sufrimento dalgúns seres humanos e rabia ante o sufrimento doutros". Escribiu ademais: "No xuízo do Sr. Mehanna, vin como esas mesmas accións poden constituír delitos federais, porque a acusación ao Sr. Mehanna baseábase en gran medida nas cousas que dixo, escribiu e traduciu".

O que estes exemplos e moitos outros máis pon de manifesto é que a protección das liberdades de expresión e asociación constitucionais utilízase selectivamente en EE UU en función de determinados xuízos políticos. As autoridades, os intelectuais e os creadores de opinión estadounidenses deléitanse invocando a Primeira Emenda como principio inviolábel cando se ataca ao Islam ou os seus símbolos sacros, e despois son capaces de porse a buscar racionalizacións e lacunas xurídicas cando os musulmáns estadounidenses se dedican a actividades reprensíbeis en virtude da liberdade de expresión. No entanto, á maioría das persoas do mundo musulmán e de todo o planeta non lles pasan por alto estas dúas medidas.

O criterio para xulgar se unha sociedade valora e respecta a liberdade de expresión é cando os membros máis vulnerábeis da sociedade, aqueles que poderían converterse en branco da maioría, poden sentirse seguros e libres para dicir o que pensan cando queiran sobre calquera asunto sen temor, intimidación ou repercusións negativas. É dicir, para saber se Estados Unidos respecta hoxe a liberdade de expresión uno debe facer esa pregunta a cen activistas musulmáns elixidos ao acaso para poder chegar á resposta real .

En poucas palabras, EEUU só terá credibilidade como campión e gardián das liberdades de expresión cando os pensamentos, discursos, escritos, fatwas, traducións, poesía e consultas á páxina en Internet de Mehanna e os seus colegas non sexa un acto criminal. Só cando se sintan libres poderá Estados Unidos recuperar as súas credenciais.
 

Do artigo publicado en Rebelión: La realidad que subyace tras la discusión alrededor de la "libertad de expresión"

Esam Al-Amin é un escritor independente colaborador de numerosas páxinas en Internet. Pode ser contactado en: alamin1919@gmail.com
Fonte orixinal en inglês: http://www.counterpunch.org/2012/09/14/america-and-the-muslims/