You are hereA instrución de Pokémon

A instrución de Pokémon


Carlos Martínez Buján
02/10/2012

De novo unha operación xudicial con nutridas ramificacións políticas s acomete en Galicia ás portas dunhas eleccións, o que con certeza influirá no resultado dos comicios. Neste contexto rexorde, ante todo, nos cidadáns a consabida interrogante de se esa coincidencia podería ser evitada.

Naturalmente, todos coñecemos a resposta politicamente (no dobre sentido da palabra) correcta, á que se apresou a recorrer hábilmente o presidente Feijóo, isto é: os tempos da xustiza e da política non teñen por que coincidir. E digo "hábilmente" porque calquera observador imparcial convirá comigo en que a quen menos prexudica a posta en marcha da Operación Pokémon (polo que xa coñecemos e polo que se adiviña para os próximos días) é ao PPdeG, do mesmo xeito que, por nos remontarmos unicamente aos antecedentes máis próximos, a Operación Campión e a Operación Autovía do Barbanza beneficiaron claramente o devandito partido político nas últimas eleccións xerais e autonómicas. De feito, en diversas enquisas efectuadas nos últimos días o impacto inmediato da Operación Pokémon cifrouse nun aumento de tres escanos para o PPdeG.

Se do político pasamos ao xurídico, temos que recoñecer que non existe norma algunha que limite a actuación dos xuíces instrutores dunha causa penal neste aspecto, polo que fica ao seu libre arbitrio decidiren cando e de que modo se debe citar a declarar uns cidadáns en calidade de imputados. Iso si, á parte da sindérese que lle é exixible a todo xuíz no exercicio da súa función, contamos coa recomendación xenérica do noso Tribunal Supremo sobre a conveniencia de que os xuíces non interfiran innecesariamente na vida política, recomendación posta en práctica polo noso alto tribunal en reiteradas ocasións. Hai que supor, pois, que a xuíz Pilar de Lara considerou que no caso que nos ocupa a investigación estaba xa totalmente concluída e que podería verse malograda se as detencións dos implicados eran adiadas un mes máis. De non ser así, a súa actuación sería merecedora de crítica, por máis que resultase legalmente correcta.

En ocasións anteriores xa me pronunciei sobre a necesidade de regular a actividade dos xuíces de instrución neste punto, no sentido de que polo menos se visen obrigados a motivar cumpridamente a urxencia de determinadas actuacións realizadas nos días previos á celebración de eleccións, co fin de afastar toda sospeita sobre unha (auto) xudicialización innecesaria da vida política.

Así mesmo, engado agora, debería estudarse a conveniencia de regular con precisión, á luz do principio constitucional de proporcionalidade, outros aspectos do omnímodo e exorbitante poder do que gozan os xuíces de instrución en España, singularmente cando o exercicio de devandito poder afecta dereitos fundamentais. Así, tendo en conta que a investigación penal non é, desde logo, un valor supremo, poderían establecerse límites máis estritos á interceptación das comunicacións persoais en función da gravidade dos delitos imputados; límites á forma en que se practica a detención e o detido é conducido ao xulgado (sobre todo cando é evidente que non existe risco de fuga e, con todo, o detido comparece alxemado); límites á duración e condicións da privación de liberdade despois da detención e previa á declaración ante o xuíz (á vista da súa finalidade, posto que non é máis que unha medida cautelar); límites, en fin, á utilización da prisión provisoia (que constitúe a máis grave intromisión que pode exercer o poder estatal na esfera de liberdade do individuo).

Polo demais, o desenvolvemento da Operación Pokémon volve lembrarnos a necesidade de protexer debidamente o segredo sumarial, evitando as filtracións, e a conveniencia de regular restrictivamente o acceso dos medios de comunicación á instrución, co fin de impedir que a presunción de inocencia se converta nunha mera formalidade externa vacía de contido e evitar que se permita un verdadeiro "linchamento" público das persoas imputadas (e neste caso, por extensión, do partido político ao que representan), que depois en moitos casos van ser absoltas ou, mesmo, nin sequera chegan a ser axuizadas.

 

Orixinal: El País