You are hereO gulag americano

O gulag americano


José Ignacio Torreblanca
15/10/2012

EE UU ten 731 reclusos por cada 100.000 habitantes fronte aos 144 de España e os 66 de Noruega. Se todos os presos fosen agrupados, a súa poboación sería a segunda cidade de Estados Unidos.
Saben de que non falarán Obama e Romney na serie de debates que están a manter estes días? Do sistema penal de Estados Unidos. Porque, como explicar aos estadounidenses, e de camiño ao resto do mundo, que o país adail da liberdade e da democracia mantén nos seus cárceres máis de seis millóns de persoas, unha cifra que supera o número de persoas encarceradas por Stalin na época máis dura do arquipélago Gulag. Se todos eses presos fosen agrupados nun mesmo centro penal, sería a segunda cidade de Estados Unidos.

Un gulag americano? Parece a típica acusación procedente dunha China resentida pola extrema presión que se ve obrigada a soportar por parte de Estados Unidos en razón da súa penosa marca de dereitos humanos. Mais non é o caso: o demoledor dato provén dunha arrepiante reportaxe de investigación publicada pola revista New Yorker. Non se trata só dun problema de cantidade, senón tamén da extrema dureza e crueldade das condicións penais que imperan no devandito sistema. Uns 50.000 deses reclusos viven en condicións de illamento permanente, sen contacto con ninguén e con dereito a só unha hora diaria de exercicio en solitario. A vida non é moito mellor para o resto: segundo varias estimacións, uns 70.000 reclusos son violados cada ano, un problema endémico do que as autoridades se desentenden. O sistema tamén ofrece outra vergoñosa marca: os centos de adolescentes condenados a cadea perpetua, algo sen equivalente no chamado mundo libre que Estados Unidos aspira a liderar.

Sen dúbida que Estados Unidos gañou a guerra fría, mais parece coma se, entretanto, iniciase unha guerra contra a súa propia poboación. En 1980, o ano en que Ronald Reagan gaña as eleccións e decide asfixiar a Unión Soviética vía combinación dunha custosísima carreira de armamentos e a presión selectiva mediante operacións encubertas en varias frontes (de Nicaragua a Afganistán), a poboación carceraria era de 220 persoas por cada 100.000 estadounidenses.

Dúas décadas máis tarde, en 2010, a potencia triunfante da guerra fría triplicara a poboación carceraria até 731 reclusos por cada 100.000 habitantes. Para facermos unha idea da magnitude relativa destas cifras: a poboación carceraria norueguesa é de 66 persoas por cada 100.000 e a de España, de 144 por 100.000. A dimensión racial, por sabida, non deixa de constituír tamén un escándalo de inmensas proporcións. O presidente de Estados Unidos que protagoniza os debates electorais é negro, si, mais a probabilidade de estar no cárcere se dos negros é sete veces superior á dos brancos. A escravitude terminou, sen dúbida, mais as estatísticas dinnos que sumando a poboación negra en prisión, liberdade provisional e liberdade condicional, a cifra resultante é maior que o número de escravos que había en Estados Unidos cara a 1850.

E igualmente escandalosa é a dimensión económica pois o sistema penal, en mans de compañías privadas, léase con ánimo de lucro, converteuse nun inmenso negocio e un grupo de interese cun enorme poder de presión nos corredores (lobby) do Congreso en contra da relaxación das disposicións legais (especialmente en relación coa venda a varexo de droga) que garanten un fluxo de “clientes” estábel. Véxase o caso do Estado de California, en falencia orzamentaria, que gasta 50.000 dólares ao ano por recluso, unha cifra sete veces superior ao que investe en cada estudante de primaria. As prioridades están claras: hai dúas décadas, o gasto en universidades de California duplicaba o gasto en prisións. Hoxe, pola contra, o gasto en prisións (10.000 millóns de dólares para atender os case 150.000 reclusos), duplica o gasto universitario.

Dise que a “maternidade e o pastel de mazá” (motherhood and apple pie) definen a identidade americana. Tamén, como di a Declaración de Independencia, “a vida, a liberdade e a procura da felicidade”. Esta semana, despois de inumerábeis presións, o candidato Romney desvelou por fin a súa declaración da renda correspondente a 2011. Agora sabemos que ingresou 13,7 millóns de dólares mais que pagou só dous millóns de dólares de impostos. O soño americano, a estatua da liberdade, a cidade no outeiro. Financiar todo iso cun tipo marxinal do 14% si que é un milagre.

Debe ser por iso que nos billetes estadounidenses pon In God we trust (Confiamos en Deus). Mais, polo si ou polo non, para aqueles que non atopen o camiño ou se extravíen, nada como un sistema penal de primeira. Calquera cousa antes que os impostos progresivos.

Sígueme en @jitorreblanca e no blog Café Steiner no país.com

 

Orixinal en: El País