You are hereNin a delincuencia aumenta nin o Código Penal é brando

Nin a delincuencia aumenta nin o Código Penal é brando


Albert Sales i Campos
15/10/2012

Os mesmos que hoxe se refiren ao código penal como un texto do pasado non adaptado á realidade delituosa do século XXI e anunciaron o seu endurecemento, xa lideraron unha reforma do mesmo durante o goberno de Aznar e con Mariano Rajoy como Ministro de Xustiza.

En 2003, o PP aprobou unha reforma do código penal co apoio do PSOE. As forzas políticas maioritarias despregaron unha retórica chea de clichés do populismo punitivo importado do outro lado do Atlántico, recordando á cidadanía a necesidade de man dura coas crecentes mostras de violencia urbana e cos delincuentes multirreincidentes, e de facer fronte aos novos perigos derivados da inmigración e da ameaza terrorista. Os socialistas afirmaron que se vían obrigados a apoiar a reforma por responsabilidade e pola imperiosa necesidade de loitar contra a inseguridade cidadá.

A reforma supuña, entre outros cambios, a ampliación da capacidade dos xuíces para decretaren prisión preventiva, a incorporación de medidas para promover a "xustiza rápida", introducindo incentivos para que as persoas inculpadas asinasen declaracións de culpabilidade para evitar trámites xudiciais e conseguiren beneficios penais; o aumento da contía penal máxima, que pasaba dos 30 aos 40 anos, e condicionaba a concesión do 3er grao ao pagamento efectivo de responsabilidades civís, o que introducía un claro elemento de discriminación económica.

O código penal español parece estar moi ao día coas tendencias punitivas imperantes no discurso neoliberal. O marcado incremento da poboación penal, que en todo o Estado español pasou de 41.903 persoas en 1996 a 76.079 persoas en 2009, débese máis á dureza do código penal de 1995 e da reforma de 2003 que a un aumento da delincuencia.

Hai un elevado consenso na sociología e a criminología a considerar as enquisas de vitimización, con todos os seus defectos, as mellores ferramentas para valorar a evolución da comisión de delitos e do seu impacto entre a cidadanía. Con todo, non hai no Estado ningunha administración que asuma o desafio de realizar periodicamente unha enquisa de vitimización e os únicos datos con que se conta proceden das dúas participacións de España na International Crime and Victimisation Survey (ICVS), en 1989 e en 2005, e da enquisa realizada en 2009 polo Observatorio da Delincuencia (ODA) do Instituto andaluz Interuniversitario de Criminología. A partir dos escasos datos disponibeis non só non se pode inferir un incremento da delincuencia, senón que se observa un retroceso na vitimización en case todas as formas de delito. Mentres que en 1989, o 47,2% da cidadanía (cunha marxe de erro do 2,5% para un nivel de confianza do 95,5% e p = q) fora vítima dalgún delito nos 5 anos anteriores á realización da enquisa, en 2005 a proporción reduciuse o 42,7% e en 2009 ao 38,7% (cunha marxe de erro do 2,62% para un nivel de confianza do 95,5% e p = q).

Tanto os roubos de coches, como os de obxectos no interior dos vehículos, os roubos en vivendas, as agresións sexuais, ou as agresións físicas, reduciron as súas taxas de vitimización. Tamén se reduciron os roubos con violencia e intimidación que teñen gran impacto na sensación de seguridade da cidadanía. Dunha taxa do 9,2% en 1989 pasouse a un 5,6% en 2009.

Se non existe evidencia empírica que o xustifique, por que ten tanto éxito o populismo punitivo? Probabelmente, o incremento doutros tipos de inseguridades derivadas da precarización dos mercados laborais ou da extensión do risco de pobreza entre amplas capas da poboación, xera sensibilidade a discursos que ofrezan respostas rápidas, fáciles de explicar e que trasladen a culpabilidade a persoas e colectivos con comportamentos que se desvíen dos maioritarios.

Os discursos da dereita pódennos facer pensar que nos rodean millares de seres perigosos dispostos a provocar toda clase de males para se apoderaren das nosas cousas, para facerense co noso diñeiro ou, o que é peor, para sentiren puro pracer. O peor deste argumentario punitivo despregado por políticos e medios de desinformación é que se basea en mitos que non se sustentan en evidencia empírica e que non hai unha resposta clara, valente, informada e contundente, da chamada esquerda parlamentaria.

O acoso penal e policial de colectivos tan diversos como as persoas sen lar, as prostitutas da rúa, os pequenos traficantes de drogas ou os vendedores ambulantes, clasificados xuntos no saco dos excluídos que non queren seguir camiños de inserción, ten unha finalidade moralizante: facer aceptar ás maiorías que caen na nova pobreza o seu destino de precariedade laboral a risco de seren consideradas parásitos sociais.

Esta visión conservadora da estratificación social pretende atribuír a exclusión social a factores individuais, descargando de culpa a sociedade maioritaria. É neste paradigma ideolóxico onde se encuadran políticas como a de retirar o subsidio de desemprego ás persoas que non acepten un posto de traballo, a de fiscalizar a vida das persoas beneficiarias do PIRMI, ou a imposición de multas a persoas sen lar por incumprimento da ordenanza de civismo na cidade de Barcelona.

 

Orixinal: www.grupotortuga.com