You are hereDesarmar

Desarmar


Mª Xosé Queizán
21/10/2012

 un policía británico confundiu un bastón dun cego cunha espada samurai, deulle o alto e disparoulle cunha pistola eléctrica.

O do bastón do cego lémbrame unha anécdota dun home moi querido, non só por min, un científico de esquerdas, oculista e creador do Vigoscopio. Falo de Antón Beiras. Era moi despistado. Viaxaba, nos anos 50, nun tranvía de Vigo. Ao baixar, confundiu o bastón dun cego, que ía na plataforma dianteira, coa barra de madeira para suxeitarse ao subir ou baixar do vehículo. Marchou pola beirarrúa co bastón na man, mentres o cego berraba que lle levaran o caxato. O despiste solucionouse de contado e sen problemas porque ninguén tiña un arma.

Un dos maiores negocios do mundo, ademais da prostitución e a droga, é a fabricación de armamento. Acabo de saber que en España había unha empresa, Instalaza; que vendía armas, tamén ao propio Estado. Entre o armamento sobresaían as bombas de “acio”, esas que, abandonadas polos campos que foran de guerra, son recollidas por criaturas incautas que morren ou quedan mutiladas, sen brazos ou pernas. Un horror!

Cando España, logo do Tratado de Dublín, asinou un convenio contra esas bombas, rescindiu o contrato coa empresa constructora. O seu representante reclamou ao anterior goberno 40 millóns de euros que non pagou.

Agora ven a Bomba. O novo Goberno do PP nomeou ministro de Defensa ao representante de dita empresa, a Morenés, un home de armas tomar. Dada a súa nova situación cabe a posibilidade que volva reclamar os 40 millóns do antigo contrato que pagaremos, vostedes e máis eu, como contribuíntes.

Cando vexamos, con indignada dor, esas criaturas que nos mostran ás veces na TV, o escándalo será maior se pensamos que tal vez a causa dese estrago foi unha bomba pagada por nós.Un contubernio infernal contra o que non temos poder.

Podemos, iso si, e debemos, mobilizar a cidadanía, a todo o mundo, a favor do desarme.

 

Orixinal: Sermos Galiza