You are hereNo país de Jorge non se poden facer fotos

No país de Jorge non se poden facer fotos


José Ángel Brandariz
22/10/2012

Cando Manuel Fraga, entón emerxente ministro de Información y Turismo, comezou a popularizar a expresión Spain is different non podía imaxinar que útil seguiría sendo, tantas décadas despois, para caracterizar o modelo hispano de garantía de dereitos e liberdades. Mesmo mais: o segundo adxectivo que de forma implícita, latente, acompañaba aquela proclama (Spain is different….and cheap) continua tamén sendo especialmente apropiado para empregar o logo en materia do paradigma de tutela de dereitos.

Esta mesma semana o Ministerio do Interior, dentro da batería contraditoria de medidas policiais que leva anunciando nos últimos seis meses, deu un paso máis para honrar aquel singular lema turístico. No país no que cre –ou quere- vivir Jorge Fernández Díaz, ministro do interior, está prohibido tomar imaxes de policías, na medida en que se entende que poden poñer en perigo a súa seguridade, a súa honra, ou o normal desenvolvemento das súas funcións.

Esta intención, anunciada polo director xeral Ignacio Cosidó, non por acaso nunha xuntanza de sindicatos policiais, tense analizado nos pasados días desde dúas perspectivas que seguramente non son as mais acaídas. Por unha banda, tense salientado a colisión desta proposta co dereito á información. Non está mal reclamar a presenza de tal liberdade, mais o problema é que nunha época de difusión masiva de aparellos portátiles de captación de imaxes e de redes sociais, a interpretación xurídica dese dereito parece lastrada por unha certa rixidez obsoleta. Por outra banda, o Ministerio ten afirmado que a prohibición de captar e difundir imaxes de policías pretende evitar que estes sexan aldraxados ou mesmo ameazados en páxinas de internet. Por moi plausible que poda parecer esa intención, xorden en relación con ela dúas preguntas: a) Por que razón os policías deben contar con semellante protección preventiva, cando carecen dela outras persoas, sinaladamente outros funcionarios públicos? b) É isto necesario, é dicir, temos que crer que realmente os formidables medios dispostos para a persecución da delincuencia en entornas telemáticas non ten recursos para depurar as eventuais responsabilidades?

O dubidoso de ambas as perspectivas obriga a encadrar a materia desde outro punto de vista. Non hai dúbida de que nos medios policiais existe unha elevada preocupación polas inxurias e ameazas en internet. Mais hai algo máis. No tempo dos smartphones e das redes sociais o principal quebradeiro de cabeza é o monitoreo xeneralizado dos excesos.

Nun Reino coñecido internacionalmente pola pobreza dos esquemas de depuración de infraccións polas extralimitacións policiais (ausencia de verdadeiras responsabilidades  disciplinarias, ausencia de institucións independentes non xurisdicionais con capacidade sancionadora, xeneralización dos indultos en casos de condena, etc.) é moi sorprendente, mais real, que unha das maiores preocupacións dos membros das forzas policiais sexa a posibilidade de seren sancionados e, no seu caso, inhabilitados, polos abusos no emprego da coerción e da forza. Precisamente por iso, na cultura policial  tense afirmado desde hai tempo a idea de que non poden ser captadas as súas imaxes, a pesar de que tal idea carece por completo de base lexislativa ou xurisprudencial. Até o momento a policía viña impoñendo esa idea con denuncias por desobediencia ou mesmo por atentado contra quen quebrantase esa norma non escrita. Mais isto faise cada vez mais difícil cando todo manifestante leva un móbil con cámara e vídeo.

Por iso o Ministerio quere agora sancionar esa captación de imaxes, realizada en xeral para garantir o control mais diseminado e democrático posible dos eventuais excesos. E quere facelo, non por acaso, na tantas veces xustamente criticada Lei de Protección da Seguridade Cidadá. En realidade, o Ministerio traballa nesa proposta urxido por dúas necesidades propias, ningunha das cales ten nada que ver, obviamente, coa mellora da garantía dos dereitos e liberdades (da poboación).

En primeiro lugar, nun momento en que o Executivo central é plenamente consciente de que estamos no corazón da crise, e de que está en xogo nada menos que o reparto inequitativo da pobreza dunha sociedade que camiña irremisiblemente cara á Periferia do Sistema-mundo, a súa preocupación polo goberno do descontento social é da máxima preeminencia. Nese cadro, lograr restrinxir as posibilidades de que a poboación poda cortocircuitar o modelo do recorte de dereitos, neste caso mediante o control das vulneracións da libre expresión do descontento social, é da máxima utilidade.

En segundo lugar, para que o Ministerio poda seguir implementando o seu plano de imposición dunha determinada -e nova- orde social é necesario facer concesións a quen está encargado de executala. Dito con suma claridade: se os recortes de fondos e de salarios tamén alcanzan ás forzas policiais, é preciso garantir a súa adhesión á nova orde emerxente mediante outro tipo de atribucións. Nese plano, que mellor que facer norma a aprehensión policial ás imaxes das súas actuacións, agora que as cámaras son ubicuas?

Con todo, do mesmo xeito que en materia de débeda, na redefinición da orde de dereitos e liberdades que prefigura ese novo país imaxinado desde o Ministerio, o Goberno camiña sobre o fío da navalla. A innovación política nestes campos ten notables custes. Non precisamente porque o modelo hispano de garantía de dereitos teña amosado unha especial capacidade para previr os excesos gobernativos, como podería ser o caso, por exemplo, dos esquemas anglosaxóns. A razón ten que ver con instancias internacionais. A intención ministerial de continuar restrinxindo os dereitos de expresión do descontento colectivo ante o reparto da pobreza atópase cos límites da imaxe externa. Unha novidade especialmente chamativa do 2012 é a apresurada depreciación da suposta “marca España”, un dos assets que peor cotiza hoxe nos mercados internacionais da acumulación secundaria. Aos que non queremos vivir nese novo país que se imaxina desde o Goberno se cadra non nos queda moita esperanza nun modelo de dereitos e liberdades que, fronte ao que pensaría Kelsen, está cheo de lagoas de protección. Mais tal vez podamos ter algunha expectativa no monitoreo internacional da profundísima crise política e democrática que acompaña á Grande Recesión. Pola miña banda, voume poñer agora mesmo a tentar traducir isto ao inglés.

 

Orixinal: Praza Pública