You are hereA exclusión sanitaria

A exclusión sanitaria


Pablo Vaamonde
02/11/2012

No mes de abril o goberno de Rajoy publicou, sen debate parlamentario previo, o polémico Real Decreto Ley 16/2012, que representa unha auténtica contrarreforma sanitaria. Co presunto obxectivo de aforrar suprimiu o dereito cidadán á atención sanitaria para convertelo nunha prestación aos “asegurados”; tamén deixou sen cobertura sanitaria aos inmigrantes en situación irregular (arredor de 150.000 persoas) mais no futuro afectará progresivamente a outros colectivos.A e

Modificou os requisitos para acceder ao Sistema Nacional  de Saúde (SNS). Desde 1986 (Ley General de Sanidad) a única condición requirida para recibir atención sanitaria era estar empadroado; agora é preciso estar afiliado á Seguridade Social, ben como traballador, pensionista ou desempregado. A norma provocou unha grande controversia política. Numerosos colectivos sociais e profesionais mobilizáronse contra deste decreto que entrou xa en vigor a primeiros de setembro. Este modelo, imposto de forma autoritaria,  representa un retorno ao pasado que, segundo o profesor Joan Benach, vai producir graves problemas de saúde e desigualdades. Tratan de volver a “unha sanidade mercantilizada, inxusta, que racha o concepto de cidadanía e solidariedade social, abre paso ao clasismo e a desigualdade e ven ser o fin do dereito universal á sanidade e á saúde”.

Ante as protestas o Ministerio de Sanidade propuxo no mes de outubro ao  Consello Interterritorial do SNS a aplicación dun Convenio especial para que os inmigrantes en situación irregular poidan ser atendidos na rede pública. Plantexa un mecanismo similar ao aseguramento privado: mediante o pago dunha póliza de 710 euros anuais (ata os 64 anos) ou de 1865 (para os maiores de 65) os inmigrantes poderán acceder “ás prestacións da carteira básica dos servizos asistenciais do SNS”. A oferta, polo tanto, redúcese ás prestacións básicas, polo que os contratantes desta póliza terán que pagar o custe íntegro dos servizos incluídos nas carteiras suplementaria e accesoria así como o cen por cen dos medicamentos.

Parece obvio que esta medida non está ao alcance da capacidade adquisitiva deste colectivo. Semella mesmo un sarcasmo que fagan este plantexamento. Debemos lembrar que estas persoas chegaron aquí na busca de pan e traballo, nunha situación económica precaria, adoitan alimentarse nos comedores sociais e van a pé por non ter con qué pagar o billete do metro. A primeiros deste ano había en España 5,7 millóns de estranxeiros. A crise está golpeando de xeito brutal a este colectivo: a taxa de paro entre os inmigrantes elévase ate o 35%, hai moitos parados de longa duración e cada vez máis familias teñen a todos os seus compoñentes no paro. Ademais, para moitos inmigrantes, a perda do posto de traballo leva consigo a perda do permiso de residencia.

    Son razóns ideolóxicas as que conducen a este goberno a adoptar estas medidas. Porque a realidade é que a utilización dos servizos sanitarios por parte dos inmigrantes é inferior á da poboación autóctona

A proposta ministerial non foi aplicada por todas as autonomías. Asturias, País Vasco e Cataluña seguen a atender a toda a poboación sen  condicións. Outras comunidades non van negar a asistencia pero emitirán unha factura ao inmigrante ou ao seu país de orixe. En Galicia optaron por unha solución hipócrita: a Xunta non nega a asistencia mais esixe que a persoa leve máis de seis meses empadroada e deberá acreditar debidamente a falta de recursos. Estas condicións son incumpribles para a maioría, por razóns legais e mesmo culturais. Cómpre saber que para solicitar ou renovar un permiso de residencia é preciso estar ao día nos pagos á Seguridade Social e Facenda. Encadear impagos e non poder saldar a débeda impide abandonar a condición de irregular: representa unha auténtica morte civil da persoa.

E todo isto para que? Son razóns ideolóxicas as que conducen a este goberno a adoptar estas medidas. Porque a realidade é que a utilización dos servizos sanitarios por parte dos inmigrantes é inferior á da poboación autóctona cun gasto sanitario per cápita moi baixo, polo que a repercusión económica desta medida é irrelevante. Pero o impacto social si que é intenso. A eliminación do acceso á sanidade e á educación en condicións de igualdade ven representar a anulación do principal elemento de integración, favorece a exclusión e a marxinación social. Os expertos afirman que os sistemas de acceso universal son mellores que os programas específicos para os inmigrantes que, mesmo cubrindo as necesidades asistenciais, acaban por estigmatizar.

Os inmigrantes seguen a chegar ás nosas costas. De que inferno escapan para arriscar así as súas vidas? Buscan o seu porvir á nosa beira. Se cadra non saben que agora aquí non hai traballo. Ninguén lles contou que, ademais, os nosos gobernantes están a elaborar leis para excluílos da protección sanitaria e social, para deixalos á intemperie, mentres os causantes deste estropicio continúan nos despachos forrados de moqueta, engordando o seu patrimonio sen importarlles o inmenso dano que provocan a tanta xente á que lle negan o futuro.

 

Orixinal. Praza Pública