You are hereSeguridade privada no mar

Seguridade privada no mar


Teresa Fortuny
07/11/2012

A seguridade marítima converteuse nunha nova área de negocio (suculenta e en expansión) para o sector privado de seguridade e defensa.

O informe Small Arms Survey 2012 afirma que actualmente un 25% dos barcos en áreas de alto risco contratou seguridade privada. E que, ante o despregamento no mar deste sector, non se reglamentou sobre o tipo, a obtención e o uso de armas de fogo. Os piratas somalís continúan usando fusís de asalto, metralladoras lixeiras e lanzagranadas. A seguridade privada utiliza unha gran variedade de armas, metralladoras pesadas, fusís sniper, fusís de asalto totalmente automáticos e outras moitas. Di tamén o informe que o aumento da oposición armada no mar provocou un aumento, por parte dos piratas, da violencia e os malos tratos nos secuestros. E conclúe que a presenza de axentes privados armados a bordo dos barcos que transitan polo Índico, é unha bomba de reloxaría que podería estalar en mans dos presuntos protectores e protexidos.

Tamén no informe (en prensa) do centro Delàs Pirataría en Somalia. Escusa ou oportunidade xeopolítica? sinálase un incremento notable da contribución dos grupos de seguridade privada ao rexeitamento dos ataques dos piratas. De feito, en 2009 representaba o 1,2% do total de ataques frustrados, mentres que no 2010 xa era o 13,3% e no 2011 chegaba ao 49%.

Parece que a seguridade privada está a substituír a tarefa de repelir os ataques que antes asumía a tripulación do barco. Mais cunha diferenza substancial: mentres que a actuación da tripulación era pouco agresiva, os grupos de seguridade privada utilizan armas de longo alcance.

Canto ao Estado español, o goberno promove e colabora no uso de vixilancia privada a bordo. Vexámolo:
En xullo de 2011 a exministra de defensa, Carme Chacón viaxaba ás Seychelles para conseguir o permiso de embarque de metralladoras pesadas de 12,7 mm nos barcos atuneiros no Índico. E obtívoo. Até entón, os barcos só podían embarcar fusís de asalto (os máis modernos das Forzas Armadas) e metralladoras de 7,62 mm, menos potentes e de menos alcance. E os armadores dos barcos presionaron o goberno para conseguir armamento máis potente. As metralladoras utilizadas polos equipos de seguridade privada pertencen ao Ministerio de Defensa e transpórtanse até as Seychelles en avións militares.

Defensa tamén asume a formación dos axentes de empresas privadas e a xestión para o seu traslado.
Ademais, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño subvencionou o 25% do custo de contratación de seguridade privada a bordo. Administracións locais como o goberno vasco ou a Xunta de Galicia achegaban outro 25% adicional.

A empresa Segur Ibérica fornece a protección armada aos atuneiros españois. O ministro de Defensa, Pedro Morenés, foi presidente de Segur Ibérica un ano e tres meses antes de ser designado ministro. No ano 2010 a empresa estaba a ser investigada por facturar horas de vixilancia supostamente non realizadas e por utilizar traballadores auxiliares doutras empresas para facer tarefas de vixilancia, cousa prohibida por lei.

A estafa afecta a administracións públicas como os ministerios de Facenda, Cultura ou de Política Territorial, entes provinciais, autonómicos ou locais, como a Generalitat catalá, o Concello de Barcelona, a Comisión Nacional do Mercado de Valores, a Comisión Europea ou a Universidade Complutense, organismos dependentes do Ministerio de Fomento: ADIF, RENFE, AENA, FEVE... e o museo Reina Sofía. O montante global da estafa en dous anos é de máis de dous millóns de euros.

Outra empresa que perseguía contratos de seguridade marítima (parece, con todo, que sen conseguilo) é Levantina de Seguridade, o presidente da cal, José Luís Roberto, é dirixente da organización de ultradereita España 2000. España 2000 foi denunciada por SOS Racismo por incitar ao odio racial, a violencia e a discriminación nas súas manifestacións, mais o caso acabou sen condena.

A desconfianza extrema que nos provoca este tipo de empresa, fainos preguntarnos se a proliferación no mar de empresas privadas de seguridade non xerará unha escalada de violencia. E se a presenza de axentes armados en portos e augas territoriais non provocará conflitos vinculados ao uso da forza e de armas de fogo.

Orixinal: La Directa