You are hereDereito Penal e bruxas

Dereito Penal e bruxas


12/11/2012

Advertía Marvin Harris nun ensaio xa clásico dos anos 70 que o resultado principal do sistema de caza de bruxas instaurado a partir do século XV consistiu basicamente en que os pobres chegaron a crer que as súas miserias proviñan da actuación de bruxas e diaños no canto de príncipes e papas. Desta forma logrouse desviar a atención da maioría da poboación cara outros asuntos, por exemplo delatar o veciño, deixando os poderosos exerceren libremente o seu dominio. É máis, grazas a eles perseguíase e controlábase a bruxaría para ben dese pobo, que en troca debía sentirse agradecido e someterse tranquilamente ás demandas da Igrexa e do seu señor que tan eficientemente os protexían.

Xorde a reflexión a raiz do Anteproxecto de Reforma de Código Penal promovido polo ministro de Xustiza, Sr. Ruiz Gallardón, e aprobado polo Consello de Ministros do 11 de outubro de 2012. Hai que advertir que non se trata dunha reforma máis das vinte e oito sufridas polo Código Penal desde a súa aprobación en 1995, senón que neste caso ten a particularidade de que derruban as bases dun Dereito Penal propio do modelo de Estado social e democrático de dereito que consagra a nosa Constitución.

Esta reforma penal, que contén un notábel endurecemento do castigo, modifica de maneira moi importante o sistema de imposición das penas e as medidas de seguridade establecendo un maior control social e entronizando o perigo como fundamento da intervención do Estado. Como exemplo, permite que unha persoa que for condenada por un delito con violencia, poñamos unhas lesións nunha noite de festa, poida estar presa até 10 anos máis se hai un xuízo de perigo. Tal reforma non se basea en criterio científico algún nin esgrime estudos que avalen a elección desta política criminal. A taxa de criminalidade do Estado español é das máis baixas de Europa, mentres que a taxa de encarceramento é das máis altas. Tampouco aquí, como no século XV, podemos ver ao demo por ningunha parte.

Por tanto, debemos pensar que o único obxectivo desta reforma é o de facer crer á poboación na existencia dunha inseguridade xeneralizada que faga necesaria precisamente a intervención dramática do Estado a fin de restablecer a orde. Desvíase así a atención das verdadeiras causas da inseguridade, que son precisamente a existencia dunha crise económica, política e social provocada polos que máis teñen, e que ten como obxectivos ideolóxicos o desmantelamento das estruturas tradicionais do Estado do Benestar e como consecuencia a guerra entre pobres, incluída xa a clase media, por recursos cada vez máis escasos. De aí o reforzamento novamente dos castigos relacionados cos delitos contra o patrimonio e a orde socioeconómica.
Como consecuencia do anterior, e en combinación coa actuación das forzas de seguridade do Estado, o novo Código Penal vai servir de base a unha seria limitación do exercicio dos dereitos e liberdades básicas como expresión ou manifestación, especialmente evidente na modificación dos delitos contra a orde pública, concibido este de forma autoritaria, nun contexto que está a se revelar como unha fonte de conflito social continuado.

Doutra banda, a aposta do Executivo polo tratamento dalgúns delitos que poidan xerar alarma social mediante a cadea perpetua, calquera que sexa a súa denominación, a custodia de seguridade e a liberdade vixiada non se axustan aos valores de protección dos dereitos humanos comunmente admitidos nos países da nosa contorna e non é eficaz aos efectos de protexer á sociedade ou previr o delito. A súa aplicación só producirá un desbordamento do sistema penal español, xa de seu ao límite, o empeoramento das condicións de vida dos reclusos e por tanto unha menor eficacia no obxectivo constitucional de reinserción. E o máis grave é que é absolutamente innecesaria, porque o noso Código Penal xa contén penas elevadísimas "até 40 anos" para abordar os conflitos para os que está prevista.

O Ministerio de Xustiza ignora na súa proposta que a política criminal debe ir da man doutras políticas que aseguren a inclusión de todos, rendas mínimas familiares, acceso á vivenda, á calidade de vida. En tempos de penuria, cando maiores deben ser os desvelos dos responsábeis políticos por protexeren os sectores sociais máis débiles, está a camiñarse na dirección contraria por medio dunha política criminal que só contempla a resposta ao delito aumentando o rigor punitivo como única forma de prevención da criminalidade. No fondo subxace unha filosofía que culpa os pobres de seren pobres e, en consecuencia, de seren delincuentes mediante a súa estigmatización penal.

En último termo, como sinalaba o Fiscal Xeral do Estado na apertura do ano xudicial (2012), «a lección que nos fornecen a ciencia do dereito e a criminología é que o Dereito Penal non soluciona problemas, simplemente sae ao paso de conflitos insolúbeis noutras instancias mediante o emprego da forma máis extrema de coerción lexítima, a pena. Reflictamos sobre iso cada vez que se aborde unha reforma, pois non sempre o incremento linear das penas retorna á sociedade o rédito dunha diminución equivalente da criminalidade».
Alleo a toda ciencia, adito ao pensamento máxico, o poder vai acumulando leña para o seguinte Auto de Fé.

 

Orixinal en Naiz