You are hereA xurisdición militar: o recorte que non chega

A xurisdición militar: o recorte que non chega


Tomás Gisbert
18/12/2012

A pesar da crise e os recortes ninguén, por agora, cuestionou a pervivencia da xurisdición militar.

A xurisdición militar é unha xurisdición especial, pervivencia do pasado, cun forte carácter clasista que ten como actividade fundamental perseguir a fuga de soldados e castigar a indisciplina de soldados e gardas civís, un corpo que debería ser exclusivamente policial e non militar como é agora. No último ano dúas terceiras partes dos procedementos iniciados corresponderon a delitos de abandono de destino ou de presenza, e un 15% a delitos por indisciplina. Nos últimos anos houbo unha diminución do número de procedementos iniciados, no que sen dúbida influíu o aumento nos últimos anos de aspirantes a entrar nas forzas armadas, o que permitiu unha mellor selección do persoal de tropa.

Cumpre salientar que o número de procedementos que tramita a xurisdición militar, en relación coa administración de xustiza en xeral, é absolutamente marxinal. En 2011 iniciáronse 878 procedementos penais e 327 recursos contenciosos-disciplinarios. Xestiona unha poboación recluída, no único centro penal militar de Alcalá de Henares, de 193 persoas internas, 104 delas por delitos militares e o resto por delitos comúns (con datos de 2010).

Para facer fronte a esta inxente actividade a xurisdición militar está estruturada en 18 Tribunais Militares que cobren todo o territorio, cinco tribunais Militares Territoriais, dous xulgados militares centrais e a Sala do Militar -Sala Quinta- do Tribunal Supremo.
Estes datos, en todo caso, exporían un problema de eficiencia, o mantemento dun aparello burocrático tan amplo para tan pouca actividade, mais o principal problema é que a xurisdición militar é unha xurisdición especial que ten gravemente comprometida a súa independencia e imparcialidade.

A falta de independencia radica en que os seus membros, en calquera das súas instancias, son oficiais militares, integrados na estrutura xerárquica das forzas armadas, e por tanto son simples funcionarios do Ministerio de Defensa, de quen dependen para a súa selección, retribucións, ascensos, traslados, cesamentos ou promocións. Nos tribunais militares territoriais e centrais aínda pervive a figura dos chamados vogais militares, oficiais sen formación xurídica, xunto aos vogais togados membros do corpo xurídico da defensa que si teñen formación xurídica. Este feito xustifícase na finalidade de achegar a realidade castrense á decisión xudicial, mais entraña un evidente perigo de parcialidade nos conflitos que os soldados poidan ter coa institución militar ou a superioridade xerárquica.

A xustiza militar limita a tutela xudicial efectiva e reafirma a subordinación xerárquica. Non permite a querela nin recoñece plenamente o dereito á acusación particular, que non é permitida cando existe unha relación xerárquica de subordinación. Un inferior non pode comparecer no procedemento dunha denuncia que interpuxese contra un superior xerárquico quedando os seus intereses exclusivamente en mans do fiscal e do xuíz militares. Igualmente, con diferenza ao resto do sistema xudiciario, non permite a acusación popular, contravindo con iso o artigo 125 da constitución.

A lei procesual militar permite que as denuncias poidan ser feitas tamén perante os superiores xerárquicos, sendo na práctica a vía máis habitual empregada pola tropa. Iso confire á superioridade xerárquica un gran poder para decidir a vía, penal ou disciplinar, que se utilizará para a persecución os feitos denunciados ou, mesmo, a declaración da súa irrelevancia. Así mesmo, iso fará que dispoñan dunha gran capacidade de manobra, baseada na súa situación de poder, para ocultar denuncias polos motivos que for.

A xurisdición militar non respecta os principios de independencia e imparcialidade xudiciais establecidos na Constitución, nin ofrece suficientes garantías para os acusados nin para as vítimas ao non permitir o exercicio da acusación particular e popular sen limitacións. É necesario abolir a xurisdición militar traspasando as súas competencias e funcións, en tempo de paz, á xurisdición ordinaria, correspondendo por tanto a súa aplicación a xuices ordinarios submetidos ao Consello Xeral do Poder Xudicial e non ao ministerio de Defensa.

 

Orixinal: Centre d'estudis per a la pau JMDèlas