You are here"A noite mais escura" sempre foi antes

"A noite mais escura" sempre foi antes


Alberto Pradilla
13/01/2013

"Se mentes,máncote". A frase, pronunciada polo interrogador da CIA a un detido que, atado cos brazos en cruz, apenas mantén a consciencia, resume a primeira media hora da película "A noite máis escura". O filme relata a investigación que levou Estados Unidos a executar Osama Bin Laden e constitúe un frío e inhumano retrato dunha das lóxicas máis abxectas: o diálogo entre un torturador e a súa vítima. A súa directora, Kathryn Bigelow, achégase aos malos tratos dunha forma case descritiva, documental, sen evitar un tenebroso verniz utilitario. Isto xerou unha onda de críticas por considerar a longametraxe unha "apologia da tortura". Claro, que moitos dos hipócritas que se escandalizan co filme son os primeiros que defenderon as atrocidades de Intxaurrondo sen pestanexar.

Nada máis fascista que os superheroes americanos, que nos ensinaron que dous músculos e unha boa execución sumaria era a mellor forma de loitar contra "os malos", ben fosen árabes ou soviéticos. Nada máis fascista que considerar que afogar un detido pode ser xustificábel para preservar uns valores ou unha sociedade que se corrompe con cada maltratado. Con todo, tampouco podo pasar por alto o feito de que, aínda que sexa a través dun filme, os yankies mostraron as súas atrocidades. O horror xa foi consumado e non pretendo darlles un premio por recoñecelo. Mais tamén é certo que aínda estamos à espera de algo que se pareza a este recoñecemento en relación co ocorrido en Euskal Herria. Aínda que sexa a través da gran pantalla.

Despois de ver a peli e sen poder tirar o mal corpo de encima, non deixaba de preguntarme: veremos algún día no Estado español unha longametraxe que se achegue aos seus esgotos?

Nos EUA, a estrea reavivou a discusión sobre o que todo o mundo sabe: que Washington torturó en cárceres secretos cidadáns secuestrados nos seus países de oríxe co obxectivo de obter información. Todo iso, dentro dun contexto histórico o suficientemente próximo como para podermos pór nomes e apelidos aos responsábeis políticos de todas estas barbaridades. E eu, novamente, pregúntome se sería posíbel esta mesma discusión ante unha película ambientada nos sinistros calabouzos de Intxaurrondo ou nos sotos da comisaría central de Canillas.

Charlando sobre esta cuestión con persoas con longa traxectoria na loita contra a tortura chegabamos á conclusión de que, a día de hoxe, nin sequera a simples exposición tornaría verosímil un guión cinematográfico. O debate sobre a tortura no Estado español só se achega a unha conversa real cando os malos tratos ocorren a millares de quilómetros. Cando os cadáveres e os sangues están tan lonxe que non cheira a podre. Para todo o que se desenvolve no seu patio das traseiras, o establishment aplica a receita do " iso era antes", un pretérito indefininido que comeza e termina no momento en que un se pode permitir eludir as responsabilidades. "Antes" era o franquismo cando os anos 80 abarcaban o "agora". Esta década pasou ao limbo da omisión cando alguén decidiu que xa se podía escorrer o vulto. Despois chegaron os 90, baixo a mesma lóxica hipócrita. E logo, o inicio do século XXI. Sempre era "antes" e nunca ocorreu, porque eran tempos escuros onde había intereses en xogo que prevalecían.

 

Fonte; Naiz