You are hereOutravolta sobre o "canon policial" de interpretación xurídica: a propósito dos interrogatorios por policías encarapuchados

Outravolta sobre o "canon policial" de interpretación xurídica: a propósito dos interrogatorios por policías encarapuchados


14/01/2013

Aquí temos un novo exemplo do "canon policial" de interpretación do ordenamento xurídico: aquel que opta por aquela interpretación que menos garante os dereitos dos cidadáns.

Na comisaría de Moratalaz, policías encapuzados vestidos á paisana e sen ningunha identificación tomaron declaración aos detidos nas protestas contra a reforma laboral de febreiro de 2012. Algo que tamén sinalou Alfonso Fernández, «Alfon», detido durante a folga do 14N que recentemente foi posto en liberdade.

Estas prácticas foron denunciadas pola Comisión Legal de Sol-15M e pola Asociación Libre de Avogados. Como de escandalosa lle pareceu á Adxunta Segunda do Defensor do Pobo esta práctica, que formulou unha recomendación na que considera que debería prohibirse expresamente que os policías vaian co rostro cuberto dentro das comisarías. Porque é unha práctica que vulnera o dereito de defensa, parte integrante do dereito á tutela xudicial efectiva que recoñece o artigo 24 da nosa Constitución. Ademais, o uniforme regulamentar da policía non recolle ningunha peza que cubra o rostro (véxase a Orde INT/2160/2008).

Segundo o Ministerio do Interior non está prohibido legalmente este tipo de interrogatorios por policías encarapuchados, vestidos á paisana e non identificados. O que pon de manifesto o escaso valor que outorgan ao dereito de defensa os responsábeis últimos da actuación policial.

Este tipo de interrogatorios é unha práctica máis propia de estados totalitarios que daqueles que se gaban de ser estados democráticos de dereito. Tamén pon de manifesto o carácter clasista da actuación policial: como actúa fronte aos de abaixo e como o fai fronte aos de arriba. (Se algo bo ten esta crise é que está a deixar claras moitas cousas). Non son capaz de imaxinarme a Gerardo Díaz Ferrán ou a Inaki Urdangarín interrogados por policías encarapuchados.

En fin, estamos diante dun caso máis de loita polo dereito. Neste caso temos que agradecer á Comisión Legal do 15M e á Asociación Libre de Avogados que estean a traballar por deslexitimar a arbitrariedade da actuación policial. Unha parte importante do noso Estado democrático de dereito está en xogo.

 

Orixinal: Sin Permiso