You are hereCando a policía mente e a xustiza é cega, onde fica a cidadanía?

Cando a policía mente e a xustiza é cega, onde fica a cidadanía?


14/02/2013

Persoas agredidas que se converten en agresoras. Denunciantes que se transforman en denunciadas. Prexudicadas que pasan a ser imputadas. Vítimas que se converten en criminais. 

Este é o tratamento que reciben por parte da Administración de Xustiza hoxe en día cidadáns que desgraciadamente foron vítimas dunha actuación policial ofensiva, agresiva e/ou violenta. En definitiva, ilegal. Persoas insultadas, ameazadas, lesionadas ou detidas sen causa legal por parte de axentes da autoridade convértense case automaticamente en denunciadas por falta de respecto ou resistencia a axentes da autoridade, desobediencia ou atentado contra a autoridade, entre outros.

 

O caso máis coñecido actualmente é o de Sergi García, un manifestante agredido polos Mossos mais pendente de xuízo, acusado de tentar agredir os axentes. As redes sociais e algúns medios de comunicación lograron que coñezamos os inxustos detalles deste caso, mais hai moitos máis que permanecen no anonimato.

 

O Servizo de Atención e Denuncias para Vítimas de Racismo e Xenofobia (SAID) de SOS Racisme Catalunya convive con esta circunstancia desde hai demasiado tempo, sendo algo normalizado que os axentes denuncien as vítimas das súas propias agresións. Carlos F.F. foi golpeado nunha manifestación e ameazado polos axentes, “se vas pór unha denuncia podes ter consecuencias”. Finalmente foi condenado a pagar unha indemnización ao mosso d?Esquadra que o agrediu. Amadou B. T. foi mallado por catro axentes. A súa denuncia, con todo, foi arquivada, e entretanto foi condenado por deitar ao chan o policía durante unha suposta pelexa.

 

A modo de exemplo, de 27 casos asumidos polo SAID en 2010 nos que se deu unha conduta irregular e racista dos axentes de policía a persoas inmigradas, unicamente 7 configuráronse como procedementos nos que os axentes mantiñan soamente o papel de denunciados. Dos restantes 20, en 10 deles os policías denunciaran a súa vítima (dándose, por tanto, denuncias cruzadas) e nos outros 10 xulgábanse unicamente denuncias interpostas polos axentes contra persoas que, a pesar de seren vítimas de comportamentos irregulares dos policías, non se atreveron a denunciar.

 

Mais, por que os axentes de policía denuncian as súas vítimas? Neste sentido, chegamos desde o SAID a unha innegábel conclusión: as denuncias e acusacións formuladas por axentes da autoridade son dotadas pola Administración de Xustiza de máis credibilidade que as formuladas por persoas inmigradas, e iso permítelles conseguir a absolución polas súas accións irregulares. No últimos tres anos non levamos ningún caso en que se condenase un axente de policía nin que se solicitase por parte do fiscal a súa condena.

 

Respecto dos motivos deste trato desigual por parte da Administración de Xustiza xoga un papel importante o principio ou presunción de veracidade do que gozan os policías. A atribución que dá este principio consiste en que a palabra (declaración ou testemuño) de quen o goza, presúmese como veraz e, por tanto, prevalece sobre a palabra da persoa que non o goza no caso de que as versións sexan contraditorias e non haxa outras probas. Obvia, con todo, que tal e como sinalou o Tribunal Constitucional en repetidas ocasións, este privilexio non debería darse. Segundo o Constitucional, as actas ou denuncias dos axentes da autoridade non gozan de maior relevancia que as outras probas, por iso, nin deben prevalecer necesariamente fronte a outras probas que conduzan a conclusións distintas, nin poden impedir que o órgano xudicial resolva sobre unha valoración conxunta de todas as probas existentes.

 

A mala utilización deste concepto xurídico, pois, configúrase en múltiplas ocasións como un factor determinante para justificar un trato desigual.

 

Mais, existe unha expresa vontade por parte da Administración de Xustiza de tratar de maneira diferenciada ás persoas inmigradas e aos policías? Actualmente non se observou ningunha instrución ou criterio preestablecido neste sentido. Agora ben, tal e como recolle o sociólogo Michel Wieviorka no espazo do racismo, a característica principal do racismo institucional configúrase no feito de presentarse de forma arraigada nas prácticas rotineiras, no funcionamento das organizacións, configurándose como unha propiedade estrutural do sistema. A característica principal da institucionalización do racismo é a disociación entre o actor e o sistema. Neste sentido, a discriminación institucional non se manifesta de forma declarada, senón que se configura como un conxunto de prácticas que adquiriron una certa autonomía, unha dinámica propia. É aquí, pois, onde aparece a culpabilización do sistema, e a inocencia dos individuos (secretarios, oficiais, fiscais e xuíces), que parecen exentos de responsabilidade.

 

Cales son as consecuencias? O paso que separa o definir a violencia policial contra os inmigrantes, de puntual e extralimitada a aceptada e institucionalizada, depende do comportamento das institucións que teñen entre os seus fins erradicar este tipo de prácticas. A súa correcta actuación é algo determinante para acabaren coas irregularidades e abusos de autoridade dos corpos de seguridade públicos, así como para protexeren a cidadanía destas prácticas. De non ser así, as condutas violentas fican impunes, o que xera unha percepción entre os axentes de policía de lexitimidade respecto de tales actitudes, mentres que os cidadáns, estranxeiros ou non, sentiránse desprotexidos pola xustiza e, por tanto, aínda máis vulnerábeis ás agresións cometidas polos axentes de policía.

 

*Josep Selectos é avogado do Servizo de Atención e Denuncia para Vítimas do Racismo e Xenofobia (SAID) de SOS Racisme Catalunya

 

Orixinal en La Marea