You are hereUnha de xuíces

Unha de xuíces


25/03/2013

Segundo un inquérito publicado hai sete meses (“El País”, 12 de agosto de 2012) o funcionamento da Xustiza é considerado “malo” polo 69% da cidadanía. O peor resultado dos últimos 25 anos. Dá a pinta, ademais, de que, como en tantas outras cousas, o olfacto da xente fía fino.

Súmome a esa mesma opinión. Acabo de recibir un Auto xudicial en que se acorda o sobresemento e arquivo da denuncia por min formulada polos malos tratos e porradas policiais recibidas no transcurso da folga xeral convocada o pasado 26 de setembro en Euskal Herria pola maioría sindical basca e un grande número de grupos e colectivos sociais.

Durante a mesma dirixinme nun par de ocasións a membros da Policía para solicitar explicacións por unhas actuacións súas que entendín que eran inxustificadas e desproporcionadas. Nas dúas identifiqueime e acreditei ser membro do Congreso español, pero iso non impediu que recibise senllas porradas por entender, penso eu, que como xa no seu día afirmou Manuel Fraga, “a rúa é miña”, é dicir, súa, e que eu, alí, sobraba.

No Auto xudicial afírmase que non cabe falar dun posible delito de atentado contra a autoridade (art. 550 Código Penal) porque “aínda cando o denunciante esgrimiu ante os funcionarios policiais a súa condición de parlamentario español, membro do Congreso dos Deputados, é evidente que non se atopaba realizando ningunha función propia da devandita condición”. É dicir, entendíase que aquel non era lugar nin momento para que un parlamentario andase por alí, nunha folga xeral, exercendo de tal.

Pois ben, supoñamos agora que os sopapos, os porrazos, ou o que sexa, llos desen ao xuíz que ditou o Auto comentado por pedir explicacións similares en circunstancias parecidas, é dicir, fóra do Xulgado e horario de traballo, tras identificarse oportunamente. Arquivaría a súa señoría o expediente ou enviaría a galeras o aguerrido e puntilloso axente da orde que se atreveu a aporrear e violentar, porque si, un representante do poder xudicial?

Na nosa oficina do Congreso adoitamos recibir invitacións para acudir a todo tipo de actos. Algunhas proceden de instancias oficiais (Garda Civil, Goberno Militar, Delegación do Goberno de Navarra en Madrid…) e teñen por obxecto acudir a desfiles, actos e lunch varios. Outras son de bancos, multinacionais e fundacións a eles ligadas, convidándonos a acudir a charlas, seminarios e tamén a algún que outro tipo de acto gastronómico. Pois ben, son funcións propias do cargo acudir a este tipo de actos? É o mesmo a estes efectos acudir de convidado a unha procesión rociera, a un viño benemérito español o 12 de outubro ou a unha concentración de protesta? E cambiando de terzo, estar de charla un par de horas na cafetaría do Congreso no entanto se discuten propostas, emendas e leis, é “función propia do cargo”?

Do exposto parece deducirse que o Xuíz que ditou o Auto ten unha concepción un tanto estreita do que debe ser o papel dun cargo eleito no exercicio das súas funcións, reducindo estas ao terreo estritamente institucional. Penso, pola contra, que a nosa actividade debe ter tamén unha relación directa coa realidade social en que vivimos. É dicir, que acudir a unha concentración de “SOS Desafiuzamentos”, a unha asemblea de traballadoras afectadas por un ERE, a unha marcha ecoloxista ou ao piquete informativo nunha folga xeral, é algo que ten a ver de forma directa coa actividade dun cargo eleito. A razón é moi sinxela: nunha sociedade democrática as “funcións propias” dun cargo eleito débenas definir en esencia os seus eleitores, ou non é así?

No Auto xudicial afírmase tamén que “perante unha carga policial o Sr. Cuadra interferiu a actuación policial exixindo explicacións a un dos funcionarios, o que provocou que este propinase a aquel un golpe na perna coa defensa regulamentaria (léase, unha porrada) para apartalo e dispersalo”. Xustifica así o Xuíz que pedir explicacións —tan só pedir explicacións!— polo que un considera unha actuación inxustificada e desproporcionada da Policía constitúe unha interferencia na súa actuación e, por tanto, é razón suficiente para que este poida golpear, apartar e dispersar o parlamentario preguntón.

Di o artigo primeiro da Constitución que “España constitúese nun Estado social e democrático de Dereito”. O Auto ditado concíbea, con todo, como un Estado en que a autoridade e as súas forzas da orde son un absoluto ao cal debe supeditarse calquera clase de persoa, cargo ou institución, por moi democraticamente elixida que puidese ser esta. En definitiva, na miña modesta opinión, é esta unha concepción profundamente antidemocrática que dá total impunidade e absolutiza o uso da forza policial, condenando os cargos eleitos a seren testemuñas mudas, e cómplices nesa mesma medida, de actuacións que poidan entender inxustificadas ou abusivas.

O mesmo día da folga xeral varias ducias de persoas resultaron fortemente contusionadas polos golpes dados pola Policía. A prensa e as televisións reproduciron imaxes de axentes que, contravindo o propio protocolo policial, dispararon pelotas de goma (90 gramos de caucho macizo a 720 quilómetros/hora) a escasos metros de distancia e mantendo os seus fusís en posición horizontal (non disparando ao rebote, contra o chan, cal é preceptivo), á altura dos ombreiros. Un destes disparos impactou no ollo dun mozo, Aingeru Zudaire, quen se encontra aínda nunha situación médica moi delicada e grave. Pois ben, ante a denuncia presentada, entenderase seica que o policía que disparou fíxoo exercitando as “funcións propias” do seu cargo, mentres que Aingeru, pola contra, non estaba a actuar conforme as súas propias de manifestante.

Volvo ao principio. Hai xuíces para quen o poder e as súas institucións son fonte única de toda xustiza e muro sacro que nunca deberá porse en cuestión. Esa é unha das razóns principais pola cal a opinión cidadá en relación ao poder xudicial é tan negativa. Non é de estrañar.

Tradución para galego: Contrapoder