You are here Último masacre, crime de guerra

Último masacre, crime de guerra


08/04/2013

O último masacre da OTAN en Afganistán, un entre os varios centos cometidOs, e mesmo algún con fins recreativos, ceifou a vida de polo menos dez crianzas e dúas mulleres que morreron nun bombardeo aéreo na provincia de Kunar, no leste afgán. Esta nova matanza expón cuestións fundamentais acerca da natureza dunha guerra colonial, as prácticas dunha alianza militar atrapada nunha ocupación prolongada --doce anos-- e o carácter dun estado imperial que comete crimes de guerra. E todo iso, como ocorreu en Vietnam, cando o desalento vai contaxiandose ao ver que esa guerra se perde. E pérdese polo simples feito de non poderen gañala despois de anos de continuo esforzo bélico do Estado considerado máis poderoso do mundo.

Segundo se aproxima a retirada da OTAN e as accións da insurxencia afgá se multiplican, dificilmente se pode ocultar a verdadeira natureza da ocupación. Os clientes e colaboradores afgáns xa non poden facer caso omiso dos crimes de guerra contra crianzas e mulleres inocentes e outros persoas non combatentes. De feito, nunha panorámica máis global, Afganistán converteuse nun teatro de operacións militares onde as medidas tradicionais de vitoria ou derrota carecen de pouca ou ningunha relevancia. Unha guerra sen un comezo nin un final facilmente identificabeis, sen declaracións vitoriosas que teñan sentido político ou militar, sen desfiles nin flores para celebralas, cunha liña gris e borrosa para demarcar a paz e un futuro terríbel de incerteza infinita e de conflito prolongado que seguirán pagando coas súas vidas as próximas xeracións daquel país asiático.

A falta dunha maneira concreta para calcular a vitoria nesa guerra de ocupación, sen ser capaz de determinar significativamente os resultados tanxibeis, o futuro non deparará a imaxe dun inimigo que se rende. Nin sequera a exasperante retórica baleira poderá maquillar as expectativas estratéxicas erradas dos ocupantes, manifestamente obsoletas e inútiles. Só parece segura a persistencia dun sufrimento masivo dunha poboación que vive xa décadas de guerra.

Orixinal: Naiz