You are hereA lexislación antiterrorista

A lexislación antiterrorista


15/04/2013

Confésolles que nunca acreditei na utilidade nin na xustiza da lexislación antiterrorista. Son dos que creo que compre acusar, xulgar e, se é o caso, condenar  terroristas ao abeiro da mesma lei que rexe para os restantes delincuentes. Dez días de detención, no canto de tres, constitúen unha barbaridade xurídica. O mesmo ca o espallamento dos presos lonxe da súa contorna familiar e vital. Ou o mantemento dese Tribunal de excepción que é a Audiencia Nacional, que sucedeu ao Tribunal de Orde Pública franquista e vulnera, todos os días, o dereito constitucional ao xuiz ordinario legalmente presinalado.

 O alto o fogo de ETA é unha realidade  obxectiva e a sociedade civil está preocupada por outra caste de problemas. Velaí unha boa oportunidade para derrogar esta lexislación excepcional que, nos últimos anos, foille aplicada  a varios mozos galegos. É evidente que calquera violencia política non pode xustificarse e  ha ser castigada penalmente. Mais o que resulta un grave exceso son as longuísimas penas impostas e a duración da prisión preventiva atendendo á natureza dos feitos,  a presunción automática da existencia dunha banda orgánicamente xerarquizada, o afastamento dos presos de Galicia ou a criminalización das entidades sociais ás que pertencen estas persoas. Porque o feito de que alguén cometa un delicto non autoriza para incriminar  automáticamente ás entidades sociais e políticas ás que o devandito individuo pertenza, como está a acontecer neste País.

En democracia compre perseguirmos o delicto por medios proporcionais e compatíbeis cos dereitos humanos. Mais na persecución de determinados actos de violencia política en Galicia-non máis admisíbeis nin menos delictivos polo feito de non causar danos persoais- hai tempo que se sobardou toda medida e proporcionalidade.