You are hereCárceres na Galiza: zona de non-direito

Cárceres na Galiza: zona de non-direito


07/06/2013

Falar de cárceres e dereitos fundamentais pode parecer, prima facie, unha contradición interna dado que o estatuto xurídico da persoa presa foi configurado como o dun cidadán de segunda categoría (Rivera Beiras). Para contextualizar o sombrío mundo penitenciario baste citar unha noticia recente: O Ministerio do Interior restrinxiu por falta de orzamento un tratamento que duplica as opcións  de curación para os pres@s que sofren hepatite C, unha doenza que afecta case o 25% do populación reclusa. En escritos remitidos aos responsabeis médicos das prisións, a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias asume que non hai diñeiro para tratar todos os reos que poderían beneficiar dos novos fármacos e establece un “cupo”, e a correspondente lista de espera, de doentes que poderían ser tratados en función da disponibilidade orzamentaria. Neste contexto, falar de dereitos fundamentais é un cruel sarcasmo.

Asumamos no entanto o perigo ainda que só sexa para desvelar, con feitos documentados, a inmensa estafa ética que a xerarquía penitenciaria perpetra cando afirma que nas cadeas son respectados os dereitos dos reclusos.

O que é posíbel documentar

Un primeiro feito documentado é a práctica sistemática da dispersión penitenciaria. Das 3.066 persoas presas de orixe ou residencia habitual na Galiza que hai actualmente no estado español, 538 están  internas en cárceres de fora do país, 84 delas en situación de prisión preventiva e 454 penadas. O goberno español non xustifica as razóns en que basearon os responsábeis de Institucións Penitenciarias a decisión de dispersar persoas nacidas ou arraigadas en Galiza por diferentes cadeas do Reino de España e resolve a cuestión argumentando que “o destino dos internos a un determinado centro penitenciario está condicionado por diversos criterios que veñen previstos na normativa penitenciaria e que están ligados á resolución da clasificación penitenciaria”. Afirmación que en absoluto esclarece unha das cuestións centrais que motivaron a pregunta parlamentar da que deriva esta información : por qué son afastadas estas persoas do seu contorno familiar e que medidas pensa tomar o goberno para correxir esa situación. É importante salientar que esta política non se xustifica por falta de disponibilidade de prazas na Galiza  xa que o total de persoas penadas ou preventivas de orixe ou residencia galega que están actualmente en prisión  non ultrapasa a capacidade teórica dos cárceres ubicados no país (3.105 prazas) e é claramente inferior á ocupación real (un mínimo de 4.861 persoas). Non existindo razóns estruturais , a única xustificación desta política penitenciaria non é outra que un castigo engadido á privación de liberdade.

Un segundo feito igualmente documentado é o que revela a dureza do réxime de vida nos macrocárceres ubicados no país, Teixeiro e A Lama. Os dous sitúanse entre os mais duros do estado, segundo confirman presos que pasaron por outros de recoñecida dureza como Puerto 1, e en ambos son frecuentes as denuncias por malos tratos (eufemismo por tortura en prisión).

Entre as denuncias mais recentes temos constancia de dúas en trámite nos xulgados  de Betanzos por episodios acontecidos en Teixeiro no mes maio de 2012. Nun deles o grao de brutalidade foi tan extremo que a vítima tivo de ser submetida a unha operación de urxencia para lle estipar o bazo. No outro, o preso denunciou ter sido vítima dunha segunda agresión no mes de xuño.

Canto ao cárcere da Lama, as últimas denuncias por tortura de que se ten constancia son tres presentadas perante os xulgados de instrución de Pontevedra en xaneiro de 2013. Constan tamén outras dúas presentadas xunto da Defensoría del Pueblo, neste caso por defectuosa asistencia sanitaria en relación a medicación psiquiátrica.

A resposta xurisdicional a esta situación non é mais alentadora. Cando non existe acusación particular ou popular, a práctica mais frecuente é o arquivo sen solicitar ao menos recoñecemento médico forense. Alén dun xuízo por faltas que foi sentenciado sen celebrar por prescipción, dende 2008 temos documentados catro arquivos. O mais recente baseado exclusivamente en informes médicos que contradin non só a versión da alegada vítima senón tamén os testemuños de persoas que presenciaron os feitos, cuxas declaracións, ainda que coherentes, parecen carecer de convición indiciaria, o que supón un nefando (e ilegal) prexuizo nos instructores.

A sensación de impunidade que trasladan estas resolucións xudiciais facilitan a    reiteración destes graves feitos, e converten as prisións, nomeadamente nos módulos de isolamento, en lugares onde a eliminación da tortura semella un obxectivo lonxano e difícil , tendo que concluir que non responde a feitos illados senón a unha práctica reximental coñecida pola institución penitenciaria e non sancionada pola xurisdicción.
Outro deshonroso galardón que conquistou o penal da Lama nos seus quince anos de existencia é o de figurar entre os tres centros penitenciarios do Reino de España que concentran maior número de suicidos, xunto con Zuera e o Psiquiatrico de Alacant. Entre mediados de 2011 e mediados de 2012 morreron neste penal un mínimo (documentado) de oito persoas.


… e o que permanece oculto

Contodo, a pesar da súa gravidade, os feitos documentados son apenas parte do que acontece no interior das cadeas. A opacidade que rodea o mundo penitenciario impede aos grupos de apoio a persoas presas ou asociacións de dereitos fundamentais saberen cal é a situación real e non é infrecuente que os propios funcionarios do centro procuren activamente impedir o esclarecemento dos feitos. Un exemplo apenas: nos xulgados de Betanzos está agora mesmo en trámite unha denuncia formulada contra varios funcionarios de Teixeiro por dificultaren a asistencia letrada a un preso na entrega á súa avogada da documentación precisa para o plantexamento dun recurso contra sanción. 

Por outra parte, a propaganda oficialista que presenta os cárceres como hoteis de luxo esconde unha realidade ben diferente. Existen documentadas serias queixas en relación á alimentación (fría, escasa e pouco saludábel) , á falta de asistencia odontóloxica e psiquiátrica adecuada, á ausencia de actividades para presos de primeiro grao (A Lama) e a graves deficiencias nas infraestruturas.

E a resposta da dirección politica da institución penitenciaria ás reclamacións das persoas que non renuncian a defender os seus dereitos nesta zona obscura que son as cadeas atinxe un grao de dureza extremo.

Dende hai mais de un ano , un importante colectivo de persoas presas mantén unha protesta pacífica e continuada dentro das prisións contra a tortura por medio de xexúns ou folgas de patio. A pesar do carácter non violento da súa actuación, varias destas persoas foron xa sancionadas por teren nas súas celas material documental da campaña, o que amosa até que ponto o dereito á liberdade de expresión é vulnerado no interior das prisións. Paralelamente , as familias dos pres@s , dende diferentes sensibilidades e visións , organízanse e crean grupos para denunciar a inhumanidade do sistema penitenciario. Esa é unha moi digna loita se queremos vivir nunha sociedade decente.

 

Orixinal: Sermos Galiza (ed. papel)