You are herePoñamos fin á pena capital

Poñamos fin á pena capital


09/06/2013

A próxima semana terá lugar en Madrid o 5º Congreso Mundial Contra a Pena de morte. Durante tres días, a sociedade civil internacional, personalidades políticas e xuristas reuniranse para elaborar as estratexias abolicionistas dos próximos anos, e para recordar ao mundo que a abolición universal é unha necesidade. Neste contexto, o mércores 5 de xuño os activistas estadounidenses Ray Krone (supervivente do corredor da morte) e Cheryl Naill visitaron Galicia (Santiago de Compostela e Ourense) para falar sobre a súa experiencia. A pertinencia (e urxencia) de actividades e foros que, como nos propostos, vaian na procura de saídas para acabar coa pena de morte a nivel internacional resulta indiscutible, nun mundo no que case un terzo dos países (58 concretamente) contemplan aínda esta forma de castigo entre as súas prácticas.

China é o país que máis execucións leva a cabo en todo o mundo. É probable (aínda que imposible de confirmar, pois non existen cifras oficiais ao respecto) que durante o ano 2012 máis de 1.000 persoas fosen executadas. Con todo, a pena de morte en China segue rodeada de segredo, e a falta de estatísticas oficiais publicamente dispoñibles só permite facer cálculos moi por baixo do número real de execucións e condenas. Arabia Saudita, Irak, Irán e Estados Unidos completan o top5 de países executores no mundo.

A pena capital é a negación máis extrema dos dereitos humanos: un homicidio premeditado a mans do propio Estado e en nome da xustiza. Viola o dereito á vida, proclamado na Declaración Universal de Dereitos Humanos, e implica a vulneración doutro dereito humano fundamental: o dereito de todas as persoas a non ser vítimas de tortura. A pena de morte é o castigo máis cruel, inhumano e degradante que se pode inflixir a unha persoa, sexa cal for a forma que adopte.

Nunca pode haber xustificación para a tortura nin para o trato cruel. Do mesmo xeito que a tortura, unha execución constitúe unha forma extrema de agresión física e mental contra unha persoa. A dor física causado pola acción de matar a un ser humano non se pode cuantificar, nin tampouco o sufrimento mental que para unha persoa supón saber cando e de que forma morrerá. Pero que non se poda cuantificar non significa que non sexa real. De feito, numerosos tribunais e órganos internacionais e rexionais, así como varios tribunais nacionais, determinaron que a duración da reclusión dos condenados a morte pode considerarse, dalgún xeito, unha forma de tortura.

A pena de morte é discriminatoria, e utilízase a miúdo de forma desproporcionada contra as persoas economicamente desfavorecidas, minorías e membros de comunidades raciais, étnicas ou relixiosas. Nalgúns países é empregada como medida represiva para silenciar á oposición política. Noutros, os erros dos procesos xudiciais vense agudizados pola discriminación, a conduta non axeitada do ministerio fiscal ou a inadecuación da asistencia letrada. Un dos argumentos máis poderosos contra a pena de morte é o risco moi real de executar a unha persoa inocente. Errar é humano, e non existe un sistema de xustiza penal no mundo que non reflicta as nosas carencias. Esta posibilidade, e o carácter irreversible da pena de morte, obrígannos a todas e todos a reflexionar ben nas implicacións de apoiar un sistema deficiente que pode conducir á morte de alguén inocente.

Debemos ter en conta, ademais, que a pena de morte non constitúe unha práctica disuasoria. Ningún dos estudos realizados puido nunca atopar probas convincentes que demostren que a pena capital ten un maior poder disuasorio fronte ao crime que outros castigos. Nin sequera os estudos sobre a relación entre a pena de morte e os índices de homicidios, elaborado para a ONU en 1988 e actualizado no ano 2002. Desta forma, a pena de morte nega a posibilidade de rehabilitación e reconciliación, fomentando respostas simplistas a problemas humanos complexos, no canto de buscar explicacións que poidan dar forma a estratexias positivas.

Por todos estes motivos, Amnistía Internacional oponse totalmente á pena capital en todos os casos sen excepción, con independencia da natureza e as circunstancias do delito; da culpabilidade, inocencia ou outras características da/o delincuente; e do método empregado polo Estado para realizar a execución. A pena de morte é o síntoma dunha cultura da violencia, e non unha solución a ela.

Orixinal: Praza Pública