You are hereA tortura: unha visión non de parte

A tortura: unha visión non de parte


21/06/2013

En outubro de 1984 unha moción no Parlamento Europeu pretendia condicionar “a adhesión de España ao Mercado Común Europeo” á supresión total da práctica da tortura, nunha posición moi similar coa que hoxe se mantén fronte a Turquía. Os representantes españóis, sen distinción de signo político, respostaron con berros e esperneos, palmas, socos sobre a mesa e voces desaforadas: “Fora, fora”.

Vemos pois que é difícil realizar unha análise desapaixonada, sosegada, sobre a cuestión da tortura, ainda nun ámbito que parece idóneo para iso: o internacional. Cando defendemos o testemuño do torturado ou, ao contrario, a dignidade do policía que practica o interrogatorio, adoptamos posicións de parte. Situámonos a favor do denunciante ou do denunciado. Asi pois, compre acudir a presuncións, avaliacións, constatacións imparciais. Imparciais porque non as move unha determinada proximidade cara un ou outro dos protagonistas do maltrato, senón porque son impelidas polo apego aos instrumentos de salvagarda dos dereitos humanos. Esa visión independente que nos ofreceu a comunidade internacional nos últimos anos é o que nas seguintes liñas queremos repasar.

Por suposto, non podemos facer unha recompilación exhaustiva de todos os posicionamentos de organismos internacionais. Quen desexar dispor desta información pode a encontrar con facilidade na web. Fagamos un sucinto repaso de como se aproximaron a esta materia no Reino de  España.

O prestixioso Comité para a Prevención da Tortura realizou doce visitas ao Reino de España. A primeira delas decorreu en abril de 1991. O relatorio das súas conclusións foi remitido ao goberno, convidándoo a o facer público, prerrogativa que só lle corresponde a el. Chegaron a facerse outras dúas visitas oficiais ao estado español sen que se tivese publicado o primeiro relatorio: unha visita ordinaria de abril de 1994 e unha con carácter especial en xuño de 1994 despois da entrega e torturas de Joxe Domingo Aizpurua. Acumulábanse tres relatorios no haber español mentres a paciencia del CPT se consumía. Non se daría a coñecer o contido dos relatorios acumulados até Felipe González perder as eleccións xerais e deixar a José María Aznar o agasallo envenenado. Foron publicados xunto con outro mais o 5 de marzo de 1996, cinco anos despois da primeira visita.

As posteriores oito visitas deixaron importantes recomendacións. A última que o Comité realizou foi en xuño de 2011. Na nota de prensa enviada, o CPT expresa que se realizaron visitas a comisarías da Ertzaintza en Arkaute, así como á Xefatura da Garda Civil da rúa Guzmán el Bueno e á Comandancia de Tres Cantos, en Madrid, alén de a varias prisións. O relatorio permanece ainda secuestrado polo goberno, ainda que a vocal do CGPJ Margarita Uría realizou unha análsie en que adiantaba que o actual sistema español non cumpre cos últimos requerimentos deste prestixioso comité.

Desde que o Reino de España asinou a Convención Internacional contra a Tortura de Nacións Unidas, tamén desde esta institución choveron as críticas. O primeiro relatorio da ONU que recolleu casos de tortura concretos foi o elaborado polo Relator especial contra a Tortura, o holandés  Peter Kooijmans, en 1988. A respecto das torturas sofridas por Ramón Rojo catro anos mais tarde El País revelaba que o goberno español ocultou ao Relator os informes forenses relativos a este caso, aseverando que “non hai 'constancia de que [os forenses] apreciasen lesións'”

A partir daí, a relación do goberno español cos sucesivos relatores non foi mellor: nos escritorios do británico Sir Nigel Rodley, do holandés Theo van boven, ou de Mandfred Novak, austríaco, amontoábanse denuncias de vascos. O segundo deles realizou unha importante visita no terreo para coñecer de primeira mao a existencia da tortura no Reino de España. O seu nome ven vinculado a recomendacións de calado para erradicar a tortura. Nunha entrevista recente, van Boven lamentábase: “Ainda teño mal sabor de boca pola intensa campaña diplomática para desacreditar o meu relatorio”.

Posteriormente retornaría a España un Relator Especial con outro mandato: a Promoción dos Dereitos Humanos na Loita Antiterrorista. O finlandés Martín Scheinin expresa despois da súa visita do 7 ao 14 de maio de 2008 a necesidade de “se erradicar definitivamente por completo a figura da incomunicación e exhorta a España a examinar francamente a posibilidade de adoptar iniciativas nesa dirección”. A paciencia esgótase.

Mais, alén dos relatores individuais, tamén comisións de expertos valoraron a materia. O Comité contra a Tortura, órgao que emana da Convención para garantir o seu cumprimento, tamén se dedicou ao tema, xa sexa nas suas sesións periódicas ou en denuncias particulares tales como a de Enkarni Blanco, Kepa Urra, Josu Arkauz -referente ao Estado francés na súa entrega a maos da Garda Civil- ou o mais recente de Orkatz Gallastegi (2011), referido á falta de investigación da súa denuncia.

Pola súa parte, o Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas no primeiro relatorio de 1994 xa mostraba “a súa inquietude polo incremento de denuncias de torturas e malos tratos […] e pola inmunidade dalgúns autores de torturas”. O antigo Relator contra a Tortura Sir Nigel Rodley, agora experto deste Comité, reuniuse con ONGs previamente á análise de 2008: “Non me teñen que convencer da existencia da tortura en España, denme simplesmente datos en que basear as miñas intervencións”. Intervencións que, xa na sesión, foron afiadas: “Por qué dan tantos rodeos en lugar de facer o que se lles recomenda?”, espetou aos responsábeis gobernamentais. Tal vez desta diatribe procede unha recomendación final: “O comité non compartilla a opinión do Estado parte canto á necesidade de manter o réxime de incomunicación, xustificado en beneficio do “interese da xustiza”. O Comité entende que este réxime pode propiciar os malos tratos e lamenta que se manteña, a pesar das recomendacións de diversos órgaos e expertos internacionais para que sexa suprimido”

Non podemos terminar este repaso sen nos referir a, seguramente, una das opinións de maior calado: as sentenzas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos a propósito da renuncia do Estado español a investigar os casos de tortura. O precedente é a condena despois da denominada “Operación Garzón” contra independentistas cataláns en 1992. Posteriormente e en referencia ao caso vasco, Estrasburgo condenou o Reino de España en tres ocasións en apenas dous anos. No caso Mikel San Argimiro (setembro de 2010) o TEDH denuncia: “as xurisdicións internas rexeitaron as probas que terian podido contribuir ao esclarecemento dos feitos”; en referencia a Aritz Beristani Ukar (marzo de 2011) valorando as lesións do detido pedia “unha investigación mais en profundidade”; por último, no caso Martxelo Otamendi (outubro de 2012) Estrasburgo indicaba que o Xulgado da Audiencia Nacional española que recebeu a denuncia do director de Egunkaria “ficou pasivo”.

Un breve repaso da intervención internacional, unha opinión prestixiosa e non de parte sobre a existencia da tortura no Estado español Tiremos as nosas propias conclusións. Algúns preferirán respostar con berros e esperneos, palmas, socos sobre a mesa e voces desaforadas: “Fora, fora”.