You are hereLiberdades na rua. A loita polo dereito

Liberdades na rua. A loita polo dereito


23/06/2013

Pode parecer pretencioso comezar un artigo descriptivo do estado na Galiza do exercicio dos dereitos de reunión, manifestación e folga (esencialmente) citando o traballo de Von Ihering. Mais son estes dereitos, que se exercen en lúgares públicos, os que amosan que exorbitantes son as facultades das forzas policiais nun espazo non regulamentado como é a rúa ao abeiro da ambigüa normativización na Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Lei de Seguridade Cidadá. Alén das restricións políticas adicionais da Delegación e Subdelegacións en forma de prohibición de manifestacións ou sancións económicas.

Non é esta unha situación aparecida ao socairo da intensa movilización social con que a sociedade galega responde ao duro axuste económico a que se ve submetida. Mais é verdade que esta nova realidade está permitindo ver públicamente o que as capas mais activas do noso país viñan sufrindo no que se ten chamado “estado de dereito de baixa intensidade”.

Exemplo paradigmático destas políticas son as restricións sofridas polo movemento de apoio a pres@s en Galiza. Así, a Marcha á Teixeiro, por exemplo, que xa foi prohibida por motivos tan escasamente respectuosos co dereito constitucional como a comunicación do acto ter sido presentada con antelación inferior a dez días, ainda que a Garda Civil tivese tempo de preparar o seu dispositivo policial. Durante anos, os asistentes a esta marcha soportaron controis da garda civil con equipamento como fusís de asalto e foron despois sancionados por infraccións á lei de seguridade cidadá. Nos últimos dous anos EsCULcA enviou observadores a esta marcha e pudo constatar o seu carácter pacífico e a ausencia de incidentes.

Tamén foron impostas sancións ás persoas que participan noutras dúas convocatorias anuais: a Marcha pola Liberdade e a Concentración en Arteixo en apoio a Diego Viña. Neste último caso con mais dunha decena de activistas imputados desde hai mais de tres anos por inxurias a garda civil. No entanto, tamén por observación directa, EsCULcA pudo comprobar que o acto decorre sen incidentes.

No Día da Patria , en Compostela, prodúcense asi mesmo restricións politicas e policiais ao dereito de manifestación. En 2012, a Delegación do Goberno (Delegado Sr. Juárez) prohibiu  manifestacións con xustificacións xenéricas que deron lugar a que o TSX de Galiza revocase a prohibición. Todos os anos a cidadanía ten de suportar controis policiais excesivos de actos pacificos, que se basean na pura arbitrariedade (o “profile”) e limitan o dereito á libre circulación, asi como frecuentes cargas policiais inxustificadas. Existe documentación dunha destas cargas contra un grupo de persoas tan reducido (Briga, 2011) que nen sequer podía ser calificado legalmente como reunión (L.O.9/1983 de 15/07). E sempre con incumprimento da obriga de identificación dos policías actuantes amparado políticamente pola Delegación de Goberno que non adopta medidas disciplinares como lle foi requerido por escrito.

Obviamente, a función real destes dispositivos e actuacións policiais (e da súa planificación politica) non é o alegado mantemento da seguridade cidadá senón a desmotivación do exercicio do dereito por medio da “blindaxe policial”.


Nos relatorios elaborados por EsCULcA recóllese un caso que confirma esta tese: a manifestación anual de Siareir@s Galeg@s.

No ano 2011 a marcha decorreu por zonas de poboación dispersa, non obstante contou cunha desproporcionada presenza da garda civil que estivo a piques de provocar incidentes ao esixir o responsábel do operativo requisitos ilegais para autorizar a saída. No ano 2012, a marcha atravesou o centro da cidade de Pontevedra en datas e horas de gran presenza de veciños na rúa (Nadal). En troca, a reducida presenza policial, axentes municipais cuxo único obxecto era garantir a seguridade vial, non impediu que a manifestación decorrese sen incidencia algunha. Non hai portanto razón  para criminalizar e tensionar o exercicio do dereito de manifestación.

Tamén están documentadas outras actuacións policiais de dubidosa legalidade que coartan o dereito de reunión e mesmo o dereito de folga dos sindicatos. Ainda que non podemos abordar aqui a análise dos supostos derivados da máis que estrita posición das Fiscalias Provinciais, que exercitan accións penais (por delito e falta) contra integrantes de piquetes, non queremos deixar de citar o procedemento por falta de danos e por delito seguido contra catro sindicalistas da CIG na folga do servizo de limpeza municipal de Ourense, os procedementos contra sindicalistas derivados da folga do metal do 2007 ou da pretendida ocupación da Estación Marítima de Vigo en 2009, o xuízo penal contra sindicalistas na folga do comercio de alimentación en 2009, e una chea de xuizos de faltas, entre outros contra a integrante dun piquete en Ourense pola participación na folga xeral do 29-M, e a recentísima , por xuizo rápido en Ourense no conflito de Amencer Reciclado SLU, pendentes de saber en que acaba a exótica reabertura das actuacións penais contra militantes da CUT e CNT pola folga do 14-N.

Mais, alén desta aplicación excesiva do procedemento penal, están tamén documentadas actuacións desproporcionadas das forzas policiais que restrinxen o dereito de folga e de reunión en conflitos laborais. Asi , a agresión a un xornalista da CIG na folga do 29-M, a denuncia da CCOO e CIG contra un garda civil por ameazar con desenfundar a arma regulamentar na folga do 14-N , e incidentes menores como interrupcións arbitrarias do dereito dos piquetes a informaren os traballadores e traballadoras, seguimentos e identificacións arbitrarias., etc. Incidentes que resulta dificil recoller en relatorios dado o carácter xeral da conflictividade laboral ao longo do país.

A estes excesos non é allea a dirección política das forzas policiais, como demostran as declaracións de Samuel Juarez, Delegado de Goberno en Galiza, avalando a actuación policial contra o responsábel comarcal da CIG en Ferrol en outubro de 2012, quen posteriormente denunciou os policías actuantes por delito de torturas e trato degradante.

Fonte. A Fondo (Sermos Galiza)