You are hereResistencia Galega na Rive Gauche

Resistencia Galega na Rive Gauche


Resistencia Galega na Rive Gauche
25/06/2013

Esta semana de inicio de verán celébrase na Audiencia Nacional o xuízo contra catro persoas por integración nun grupo, denominado Resistência Galega, que é considerado pola Fiscalía como “organización terrorista”. Este xuízo, verificado mais dun ano e medio despois da detención e prisión provisional dos acusados, presenta algúns elementos extremadamente preocupantes.

    O modelo de criminalización do terrorismo comparte coa criminalidade organizada o grave problema de non poder responder de xeito convincente á pregunta de en que reside a lesividade da mera participación no grupo, á marxe dos feitos ilícitos que eventualmente se cometan

Como é amplamente recoñecido, os modos de criminalización da violencia política e do terrorismo non teñen logrado, varias décadas despois da súa posta en marcha, superar a súa inadecuación ao modelo de Estado Democrático de Dereito, baseado en liberdades e dereitos. En primeiro lugar, aínda non se ten logrado que o elemento central que define que é terrorismo non sexan unhas determinadas finalidades (art. 571 Código penal español, art. 1 Decisión marco 2002/475/JAI, do Consello da UE), sustentadas sobre conceptos indeterminados que posibilitan interpretacións cun forte compoñente subxectivo. En segundo lugar, ese problema de arbitrariedade se acrecenta cando están ausentes feitos concretos que podan afastar a cualificación de terrorismo de meras esexeses subxectivas. En terceiro lugar, o modelo de criminalización do terrorismo comparte coa criminalidade organizada o grave problema de non poder responder de xeito convincente á pregunta de en que reside a lesividade da mera participación no grupo, á marxe dos feitos ilícitos que eventualmente se cometan. En cuarto lugar, e ante todas estas eivas, o modelo non é quen de fundamentar cal pode ser a razón de que a mera participación no grupo cualificado como terrorista comporte unhas penas a todas luces desproporcionadas, de unha gravidade extraordinariamente infrecuente, algo que subxacía mesmo na sentenza de inconstitucionalidade 136/1999 do Tribunal Constitucional español.

Todo isto é ben coñecido, a pesar de que o mais frecuente sexa tender a esquecelo. Seguramente na aplicación deste modelo punitivo reside a última manifestación dunha estraña anomalía hispana, presente ao longo dos dous séculos de Modernidade: a significativa desconfianza cara a modelos de control penal radicalmente sustentados en dereitos ou, no seu caso, pensados desde unha eficiencia xerencialista plenamente neoliberal, a favor do permanente mantemento de expresións punitivas soberanas e autoritarias, de combate ao Inimigo, como unha sorte de residuo premoderno.

    Que ancoraxe material queda para interpretar que algo é terrorismo cando as formas de organización das redes antisistémicas fan pasar aos axenciamentos maquínicos deleuzianos por unha sólida estrutura moderna?

Con todo, nisto non hai nada novo. Xa que logo, o xuízo desta semana podería ser un fenómeno simplemente reiterativo. Por desgraza, hai razóns para pensar que non é así. O que estamos a vivir presenta máis ben elementos para volver a pensar nunha coñecida frase de Marx, recentemente promovida por Žižek, sobre as modalidades dramáticas da Historia e da súa repetición.

En efecto, se ben todo o antedito era preocupante en relación coas expresións de violencia política xurdidas das convulsións dos anos ’60 e ’70, a súa sustentabilidade en relación cos modelos de disrupción política do presente é aínda moitísimo mais feble, ata o punto de que, como fixo EEUU no caso de Guantánamo, o máis coherente –aínda que arrepiante- sería abandonar calquera pretensión de revestir xuridicamente o combate estatal contra estes fenómenos. Dito de xeito sintético, e tal como ten recoñecido a intelixencia militar estadounidense: Que ancoraxe material queda para interpretar que algo é terrorismo cando as formas de organización das redes antisistémicas fan pasar aos axenciamentos maquínicos deleuzianos por unha sólida estrutura moderna? Que consistencia ten afirmar que algo é un grupo armado cando os planos de consistencia do presente se parecen, antes que nada, á dinámica de desterritorialización dos signos propia de Anonymous?

    Os esforzos por presentar un medio político organizado e solidificado cuxo instrumento armado sería Resistência Galega, promovidos desde o servizos antiterroristas e acollidos acriticamente, entre outros medios, por ABC, non poden resultar máis bizarros

Para calquera que quera pensar en serio estas cuestións desde unha perspectiva inescusablemente democrática a resposta a ambas preguntas é bastante obvia: ningunha. Nese sentido, os esforzos por presentar un medio político organizado e solidificado cuxo instrumento armado sería Resistência Galega, promovidos desde o servizos antiterroristas e acollidos acriticamente, entre outros medios, por ABC, non poden resultar máis bizarros. A inexistencia desa estrutura é tan manifesta que ata asusta pensar que quen redacta eses informes poda realmente crer outra cousa.

Desde ese punto de vista, o único lugar onde pode residir Resistência Galega como estrutura organizada de carácter terrorista é na beira esquerda, pero non na de calquera río peninsular, senón na Rive Gauche do Sena. Como é coñecido, nese simbólico milieu intelectual parisiense se produciu boa parte das contribucións que teñen mudado o noso xeito de entender o mundo, en particular aquelas que remiten ao que se coñece como xiro cultural ou pensamento postmoderno. A interpretación de Resistência Galega como organización terrorista remite, seguramente de xeito involuntario, ao máis radical dese pensamento. En concreto, remite ás elaboracións semióticas de Baudrillard, nas que o falecido pensador galo, de xeito especialmente provocativo, afirma que vivimos un tempo no que xa non existe nada que podamos cualificar como real, pois a realidade se ten visto substituída por completo polos simulacros.

Os eventos violentos que, de xeito seguramente moi livián, se atribúen mediática e politicamente a Resistência Galega non son simulacros, porén que Baudrillard opinaría outra cousa. Non obstante, derivar diso que existe un algo estruturado que se chama Resistência Galega e que ese algo é o que xuridicamente se conceptúa como unha organización terrorista é sen dúbida un simulacro, o cal, por certo, non deixaría de outorgar a esta interpretación un innegable pedigrí intelectual.

O problema é que, por desgraza, non vivimos nesa beira esquerda, e que os simulacros teñen efectos preocupantemente reais. Un deles é que os simulacros son incompatibles con nada que podamos chamar control punitivo propio do Estado de Dereito; o xurídico, e en particular o punitivo, ten que ter ancoraxes incontestables no real. Outro aínda máis urxente é que sustentar a cualificación de Resistência Galega como organización terrorista no único plano en que iso é posible, isto é, no do simulacro, vai supor que persoas concretas teñan que sufrir, de xeito máis que cuestionable, penas de prisión gravísimas.

E todo isto, para que? Para protexer bens da poboación? Para garantir a eficacia contra un Inimigo do Estado e da colectividade? Realmente hai aínda moita xente que poda crer iso? Probablemente non, a pesar dos dedicados esforzos do Delegado do Goberno, Samuel Juárez, coa súa batería de desafortunadas declaracións dos últimos meses. O para que reside, en última instancia, na pretensión dun réxime político nunha situación de crise inusitada de recorrer a fórmulas de lexitimación caducas, por moi quimérico que iso sexa cando, segundo o CIS, en 2013 a parte da poboación do Reino que considera ao “terrorismo” como un problema vai do 0’3% ao 0’6%.

Nese último intento de reinvención, unha vez máis mediante o reparto de etiquetas de Inimigo da sociedade, dun réxime político en crise xorde de novo unha perplexidade, que se cadra debería levarnos a ler literatura postcolonial: cando se nos di, con frecuencia, que temos sorte de ser europeos, e que Europa é a patria dos dereitos e liberdades, que é o que se quere dicir?