You are hereTecendo redes solidarias

Tecendo redes solidarias


17/09/2013

Desde hai meses existe un blog, para min admirable, De volta para Loureda, que constitúe un espazo solidario con Carlos Calvo Varela e, por extensión, cos presos e presas políticas que se achan na súa mesma situación. Así o considerou o xurado que lle outorgou no mes de maio o Premio Vidal Bolaño das Redes Escarlata, por ser este un lugar de reflexión “sobre os presos nacionalistas galegos cuxa situación é contraria ás garantías ás que todos/as os/as Humanos/as teñen dereito”.

Despois da sentenza que desde a Audiencia Nacional filtraron aos medios de comunicación españois e que condena a 18 anos de cadea a Eduardo Vigo, a outros tantos a Roberto Fiallega, e a 10 anos a Maria Osorio, os mesmos que a Antom Santos, parece aínda moito máis necesario manter vivo ese espazo.

Naturalmente, sen excluír ningún outro dos existentes ou dos que se poidan crear no futuro, coas mesmas ou con características diferentes, sen excluír o apoio que Sermos Galiza e outras publicacións galegas lles prestan á problemática dos presos independentistas galegos, así como as variadas manifestacións de apoio cada vez máis numerosas, que, felizmente, nos demostran que a sociedade civil consciente se rebela ante esta represión de persoas independentistas, dunha inusitada dureza.

Os que fomos testemuñas de como se desenvolveu o xuízo, recibimos asombrados a sentenza. Despois de asistir a unha exhibición pública de vulneración de dereitos elementais, como o de defensa, por parte dunha Sala onde na práctica só se escoitaron os argumentos da acusación, e á análise duns confusos feitos por parte dos mesmos funcionarios policiais que instruíran o proceso, despois daquel espectáculo ninguén podería crer que a sentenza podería chegar a tales extremos: 56 anos de prisión. Que desproporción entre a sentenza e uns feitos en absoluto probados!

Asistimos atónitos á invención xudicial dunha banda terrorista en Galicia, á aplicación da contestada e excepcional lexislación española para estes delitos. É evidente que se trata de perseguir ideas, é evidente que o Estado español está a reprimir o pensamento de quen cuestiona a súa sacra unidade, o seu nacionalismo de imperiais aires reaccionarios. Como nos fai reparar Xabier Cordal nunha excelente entrada no seu blog Centeás,”(…) unha horda fascista entrou no local madrileño da Generalitat e agrediu persoas alí presentes, incluída unha nena, valéndose ademais de gas tóxico. (O que en Siria se cualifica de Crime potencial contra a Humanidade, no relaxing Madrid de los Borbones non pasa de vandalismo). A condena mediática evitou os termos terrorista, banda armada, atentado.”

Para apoiar as vítimas galegas desta desproporcionada represión política, e volvo ao título deste artigo, precisamos reaccionar, e faise ao meu xuízo imprescindíbel tecer redes solidarias comunais, que acaden, ao cabo,  a liberdade d@s nos@s pres@s politic@s. Creo que todas e todos o temos moi claro.

Mais permitídeme unha última reflexión. Algo que me anda pola cabeza estes días, cando aínda non me recuperei do forte golpe que significou para min esta desproporcionada condena. Estou a me lembrar agora da multitude que, nunha inédita sardana lineal, ocupou 400 quilómetros de terras catalás e que foi moito máis alá das expectativas de quen convocaba a inmensa celebración desta Diada da independencia. A véspera desta grande mobilización, Lluís Llach fixera un chamamento: que ninguén caia en provocacións, por favor.

Lembreime desta recomendación o mesmo 11 de setembro, cando souben que un provocador helicóptero da cadea de televisión Intereconomía sobrevoaba a cadea humana, ben armado de consignas e de bandeiras nacionalistas españolas. Ocorréuseme pensar que se cadra a alguén non lle faltaron ganas de facer o chiste de lle tirar unhas pedras simbólicas a ese helicóptero. De se producir isto, imaxinádesvos cales ían ser os titulares dos medios de comunicación tan expertos en manipulacións?.

Pois iso. Non fiquemos impasibles. Defendamos con firmeza os dereitos e a liberdade das persoas presas, procuremos comunalmente camiños intelixentes que os traian para a casa. Mais non caiamos, por favor, en provocacións: semella que é o que desexa quen ditou a sentenza.

Despídome cunha aperta solidaria que choute por riba dos muros das cadeas, e coa palabra perseguida na boca: independencia.
Orixinal: Sermos Galiza