You are hereO arsenal químico de Israel volta à actualidade

O arsenal químico de Israel volta à actualidade


23/09/2013

Infórmase que os funcionarios israelís están cada vez máis nerviosos ante a posibilidade de que os esforzos internacionais para destruír as armas químicas de Siria poidan servir de preludio para esixir a Israel que elimine as súas armas de destrución masiva (ADM) non declaradas.Israel mantén unha postura que cualifica de "ambigua" sobre se posúe armas nucleares ou químicas. Mais a opinión xeral é que Israel ten un gran arsenal de bombas nucleares, ocultas ao escrutinio internacional, e hai fortes sospeitas de que desenvolveu en segredo un programa de armas químicas.

Estas preocupacións intensificáronse despois da revelación, este mes, dun informe confidencial da CIA que suxire que Israel crearía un importante arsenal de armas químicas a comezos dos anos oitenta. Israel negouse a asinar o Tratado de Non Proliferación de 1968, que cobre a regulación de armas nucleares, e a ratificar a Convención de Armas Químicas de 1993, que obriga aos Estados a someterse á supervisión internacional e a destruír os axentes químicos que posúan.

Nos últimos días houbo unha serie de accións doutros Estados de Medio Oriente para atraer a atención internacional ás ADM de Israel.

Estes esforzos tiveron lugar despois da ratificación por parte de Damasco da Convención de Armas Químicas a semana pasada e do anuncio, o fin de semana, dun programa, acordado por Rusia e EE.UU. para desarmar a Siria dos seus arsenais químicos, que durará até mediados do próximo ano.

Agora Israel é un do seis Estados que se negan a implementar a Convención, xunto a Exipto, Myanmar, Angola, Corea do Norte e Sudán do Sur. Este feito suscitou a preocupación de que Israel podería converterse rapidamente nun Estado paria neste terreo.

O xornal Haaretz informou esta semana de que a perspectiva dunha crecente presión internacional sobre Israel para que confese a verdade sobre as súas ADM "mantén a unha boa cantidade de máximos funcionarios da defensa israelís espertos pola noite".

Shlomo Brom, ex-xeneral israelí e actualmente investigador no Instituto de Estudos de Seguridade Nacional na Universidade Tel Aviv, cualificou de "pouco sensata" a política actual de Israel sobre armas químicas:

"A realidade no medio Oriente mudou desde que Israel negouse a ratificar a convención. Xa non existe unha boa razón para que Israel permaneza co puñado de réximes que se opoñen."

Esta semana algúns Estados árabes presentaron unha resolución ao organismo de control nuclear das Nacións Unidas, o Organismo Internacional de Enerxía Atómica, chamando a Israel a colocar as súas instalacións nucleares baixo o réxime de inspección do OIEA como parte dos esforzos para crear unha zona libre de armas nucleares na rexión.

O Tratado de Non Proliferación Nuclear que Israel se negou a asinar estableceuse en 1968, ao ano seguinte do que, segundo crese xeralmente, Israel conseguiu a súa primeira oxiva nuclear.

"Medidas serias"

Un informe de dous expertos publicado o domingo estimaba que Israel construíra un total de 80 bombas nucleares en 2004, o ano no que se cre que detivo a produción. O mesmo informe concluíu que Israel ten existencias de material fisíbel suficientemente grandes como para duplicar en breve prazo a cantidade de bombas.

Con todo os funcionarios estadounidenses rexeitaron a acción dos Estados árabes no OIEA. Joseph Macmanus, o enviado de EE.UU. na axencia, dixo que a resolución "non fai avanzar o noso obxectivo compartido de progresar cara a unha zona libre de ADM no medio Oriente. No seu lugar, debilita os esforzos para un diálogo construtivo cara a ese obxectivo común".

No ano 2010 EUA patrocinaron un plano exipcio que establecía as bases para crear un Medio Oriente libre de ADM a pesar da oposición de Israel. Con todo o ano pasado Washington anunciou que postergaba a acción até unha data non especificada. Mentres tanto, o domingo pasado, o ministerio de Exteriores de Irán instou á comunidade internacional a "adoptar medidas serias" para obrigar a Israel a apoiar a Convención de Armas Químicas.

Despois da ratificación da convención por parte Siria, o seu embaixador na ONU, Bashar Jaafari, dixo que "o principal perigo das ADM é o arsenal nuclear israelí", e agregou que Israel posúe armas químicas pero que a maioría dos demais Estados non están dispostos a falar do tema.Iso podería cambiar. Dise que os funcionarios do Goberno israelí están preocupados porque o secretario de Estado de EE.UU., John Kerry, podería demandar a ratificación de Israel como parte dos esforzos estadounidenses para limpar Medio Oriente de armas químicas. "Agora Kerry podería dicir que EE.UU. necesita a axuda de Israel mediante a ratificación do Tratado que prohibe o uso de armas químicas", informou o xornal Haaretz.

Segundo informacións nos medios israelís, as embaixadas israelís no exterior recibiron directivas para que evadan as preguntas expostas por xornalistas e diplomáticos con respecto ás armas químicas israelís.

O ministerio de Defensa israelí negouse a facer comentarios á oAl-Jazeera, enviando as preguntas á oficina do primeiro ministro. David Baker, un voceiro de Netanyahu, tamén se negou a comentar, cualificando calquera discusión semellante de "especulación". Non estivo disposto a dicir se Israel impartira directivas aos seus funcionarios.

Nunha excepcional declaración pública Amir Peretz, exministro de defensa, dixo en Radio Israel esta semana: "Espero sinceramente e estou seguro de que a comunidade internacional non o converterá nun problema central e que manteremos o statu quo" A diferenza de Siria, dixo, Israel é un "réxime democrático, responsable".

Uri Avnery, xornalista e expolítico israelí, dixo que os israelís asumen que o seu país posúe secretamente ese tipo de armas. "O Goberno israelí sostivo sempre que Israel é unha excepción, que é un Goberno responsable e que polo iso non necesita someterse a convencións internacionais, sexan nucleares, biolóxicas ou químicas. Os israelís cren que debido ao Holocausto teñen dereito a protección especial, o que na práctica significa acceso a todo tipo de armas".

O segredo que mantén Israel débese, en parte, á promesa de evitar problemas a EUA ao declarar as súas armas de destrución masiva. Washington estaría a violar a lei estadounidense ao dar a Israel os millares de millóns de dólares de axuda que recibe cada ano se Israel posúe armas nucleares fose do réxime de non proliferación.

Posición miope

Cualificando a negativa de Israel de ratificar a convención de armas químicas xunto a Siria de "posición miope de dubidosa utilidade", un editorial en Haaretz dixo que un cambio de política mostraría que Israel está "facendo a súa parte no esforzo xeral para librar á rexión de armas de destrución masiva".

As sospeitas de que Israel poida estar a ocultar un programa de armas químicas aumentaron despois dun informe recente de Foreign Policy, unha revista estadounidense, que revela que os satélites espías de EE.UU. localizaron unha instalación sospeitosa de armas químicas no deserto Néguev, de Israel, por primeira vez en 1982.

Un informe confidencial da CIA de 1983 revelado á revista identificou "unha probábel instalación de produción e almacenamento dun axente neurotóxico [arma química] preto da localidade israelí de Dimona, que se atopa preto do reactor nuclear de Israel". A revista dixo que tamén se cre que as industrias químicas de Israel están involucradas na produción de armas.

Segundo as interceptacións das comunicacións militares israelís que fixo entón a Axencia Nacional de Seguridade de EE.UU., os bombardeiros da Forza Aérea de Israel realizaran misións simulando bombardeos con armas químicas no Néguev.

O informe suxire que "varios indicios conducíronnos a crer que Israel dispón, polo menos, de axentes nerviosos persistentes e non persistentes, un axente de mostaza, varios axentes de control de disturbios e dos sistemas de lanzamento adecuados".

Aínda que non é posible saber se a instalación de almacenamento de armas químicas identificada pola CIA a principios dos anos 80 segue funcionando, existen indicios de que Israel seguiu traballando en axentes neurotóxicos nos anos seguintes.

Sábese que Israel ten un Instituto de Investigación Biolóxica en Ness Zioma, a un 20 km ao sur de Tel Aviv, que se describe como centro de investigación do Goberno. Oficialmente o Instituto realiza investigación médica e de defensa e axuda a que Israel se prepare contra os efectos dun ataque de armas químicas ou biolóxicas.

Crese que o instituto tamén desenvolveu en segredo capacidades ofensivas que se utilizaron, no caso máis famoso, nun intento de asasinato contra un líder de Hamás, Khaled Meshal, en Xordania, en 1997.

Meshal, a quen pulverizaron unha toxina nun oído nunha operación do Mossad, só se salvou porque dous axentes involucrados foron capturados mentres aínda estaban en Xordania. Binyamin Netanyahu, o primeiro ministro israelí de entón, como agora, aceptou entregar un antídoto en troca da liberación dos axentes.

Armas experimentais

Houbo sospeitas de que Israel utilizou unha toxina igualmente difícil de detectar na morte, aínda non explicada, do líder palestino Yasir Arafat en 2004.

A conexión entre Israel e as armas químicas tamén saíu á luz despois da caída dun avión israelí preto de Ámsterdam en 1992.

Os medios holandeses informaron de que o avión do Al levaba cantidades substanciais dun importante compoñente químico do sarín, o axente neurotóxico utilizado no ataque preto de Damasco o mes pasado do que se culpou ao Goberno sirio. A compañía estadounidense que forneceu o produto químico dixo que debía entregarse ao Instituto de Investigación Biolóxica de Ness Ziona.

Unha serie de informes, mesmo da BBC, a principios da segunda Intifada palestina, hai unha década, tamén acusou Israel de utilizar o que parecía unha forma experimental de gas lacrimóxeno que conduciu a severas convulsións a moitas das persoas que o inhalaron.

Máis recentemente, os repetidos ataques de Israel a Gaza levaron a afirmacións de que utiliza municións de Explosivo Metálico Denso Inerte (DIME), unha arma experimental que aínda non está cuberta polos tratados internacionais. A súa explosión causa severos danos internos ás vítimas e deixa trazas de metais carcinogénicos, como o tungsteno, nos corpos dos sobrevivientes.

No inverno de 2008-2009, Israel tamén foi amplamente criticado polo uso de fósforo branco en áreas residenciais de Gaza. Aínda que está permitido para crear unha cortina de fume no campo de batalla, o fósforo branco considérase unha arma química cando se utiliza en áreas nas cales é probable que haberá civís. Os pedazos ardentes do produto químico queiman a través da carne e os pulmóns e son difíciles de extinguir.

Sob presión internacional, os militares israelís prometeron terminar co uso do produto químico a principios deste ano.

Jonathan Cook

Orixinal: Al Jazeera

Tradución a partir do español: BDS-Galiza