You are hereA Audiencia Nacional, a unidade Precrime española

A Audiencia Nacional, a unidade Precrime española


27/09/2013

O pasado 12 de setembro coñeciamos a sentenza pola cal a sala 3 da Audiencia Nacional (AN) condenaba a penas de entre 10 e 18 anos de prisión a 4 independentistas galegxs, acusados de participación en organización terrorista e falsificación en documento oficial con fins terroristas. Dous deles, ademais, estaban acusados de tenencia de explosivos con fins terroristas.

A Audiencia Nacional española é sobradamente coñecida desde a súa fundación, inmediatamente logo da desaparición do Tribunal de Orde Pública do Franquismo. Tal contigüidade non é banal, pois esta seguiu comportándose como Tribunal de excepción ao longo da súa dilatada carreira, especialmente soada no que refire á persecución do movemento independentista vasco. Parece que agora chegou o momento de cambiar a dirección do seu enfoque e apuntar ao noroeste peninsular.
Cando en 2005 se levou a cabo na Galiza a operación Castiñeira empezamos a intuír cal ía ser o camiño polo que ían discorrer as tentativas da AN por criminalizar o movemento independentista galego e os movementos sociais de contestación política, pero esta sentenza supón un enorme salto cualitativo respecto da represión das ideoloxías soberanistas.
Os antecedentes ao xuízo eran xa significativos, desde o momento no que se nomea presidente do Tribunal ao xuíz Félix Alfonso Guevara Marcos, especialmente coñecido pola agresividade coa que leva a cabo os seus cometidos profesionais. A propia semana anterior ao xuízo Guevara foi sancionado polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) por dicirlle a un procesado no ano 2012: «si yo soy mi escolta, ayer [....] el culatazo que se lleva [es tal que] hoy tiene la cabeza “vendá”. [...] Vamos, si yo llevo ayer arma, ¡un culatazo!».
Á designación de Guevara úneselle a consideración dos informes de intelixencia da Policía Nacional española como informes periciais (rexeitados como tales polas sentenzas do Tribunal Supremo 119/2007; 556/2006 e 1029/2009) e a consideración así mesmo de peritos xudiciais a axentes da Garda Civil española (GC) que quizais non sexan, como se esixe, profesionais con coñecementos especializados recoñecidos a través dos seus estudos superiores e nos que se teñen que basear para asesorar aos tribunais de xustiza sobre materias nas que estes non son especialistas. O asunto chega á máxima transparencia cando no xuízo oral un perito policial recoñece que na súa análise «non hai probas científicas, só a miña experiencia profesional». Pola contra, os peritos da defensa foron un profesor de Ciencias Políticas da Universidade Autónoma de Madrid, Carlos Taibo, e un Catedrático de Instituto de Historia, Bernardo Maiz, en calidade de expertos na Historia do nacionalismo galego.

Malia, ou precisamente por este desequilibrio, o Tribunal vulnera patentemente o dereito de defensa ao impedir aos peritos da mesma a realización da súa proba pericial por «impertinencia ao Ministerio Fiscal», segundo a expresión literal do xuíz. Noutras verbas, o Tribunal prohibe manifestamente dubidar da veracidade dos informes da GC nos que se baseaban os peritos policiais.

Pero é a sentenza xudicial a que resulta un auténtico despropósito. Nela cualifícase como feito probado nº 1 a existencia dunha organización terrorista en base á publicación o 20/07/05 na Internet dun “Manifesto pola Resistencia Galega” de autoría anónima. O maxistrado considera probada a continuidade no tempo da súa actividade debido a que o 03/10/11 ten lugar a publicación do “Segundo manifesto pola Resistencia galega”, de novo de autoría anónima. Estes son os feitos que sustentan a acusación, obviando con iso o que a definición de terrorismo leva consigo, a saber, polo menos, o obxectivo de atemorizar á poboación, a realización de atentados contra a vida, a integridade física ou a liberdade de membros da poboación, e, por suposto, a existencia dunha estrutura organizada. Ningún destes obxectivos tomou corpo na Galiza, onde non houbo delitos de sangue, secuestros nin danos económicos graves, como se ocupou de salientar o profesor Taibo. A defensa chamou a declarar aos representantes dos partidos políticos parlamentarios e ao director do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), en calidade de testadores da percepción social da poboación. Ningún deles afirmou que na Galiza houbese alarma social por motivos terroristas. A sentenza, con todo, afirma que isto «no implica o supone nada a la hora de determinar si se han producido actos terroristas o no; pues una asociación que persigue fines terroristas puede estar silente en un momento y dispuesta a actuar en cualquier otro momento, pasando a la acción independientemente de la percepción que de ello tenga la ciudadanía». É dicir, é posíbel que unha organización terrorista exista silente sen antes dar sinais de vida... Como facilmente se pode constatar, só hai un paso de aquí á instauración dun tribunal Precrime, ao modo do relato Minority report de Philip K. Dick, onde as probas dun delito eran as visións que tiñan un grupo de seres con poderes psíquicos, chamados precogs, antes de que os feitos tivesen lugar.

Unha vez asegurada a existencia da organización é necesario argumentar en base á pertenza dos acusados a devandita organización. A interpretación do Tribunal causa verdadeiro pavor, pois tómase en consideración a pertenza dos acusados á organización independentista AMI, en cuxas accións de protesta abundan as pintadas en carteis de partidos políticos como o PSOE ou o PP, sendo estas, en palabras da sentenza xudicial, «un cumplimiento de las estrategias comunes marcadas por Resistencia Galega, siendo los partidos políticos, uno de sus objetivos prioritarios de atentados». Dito doutro xeito, se alguén mantén un discurso ou realiza unha serie de actos con puntos en común coa ideoloxía dunha suposta organización, queda demostrada a súa pertenza a devandita organización. É dicir, calquera que defenda a independencia da Galiza ou realice actos de boicot a determinados partidos políticos é susceptíbel de ser acusado de terrorismo e pertenza a banda armada. Este estilo de ditar sentenza, tristemente célebre en Euskal Herria, roza literalmente o delirio e asusta pensar que alguén poida tomarse as súas conclusións con seriedade.

Ademais diso, acéptase como proba o informe dos peritos policiais nos que se xustifica a existencia da organización na suposta continuidade histórica entre as actividades do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) e Resistencia Galega (nun fío que parte da UPG de Moncho Reboiras e pasa por AMI) sen ningún dato científico ou especializado que confirme dita sospeita, mentres se rexeitan as palabras de Carlos Taibo respecto de como o EGPGC «bebe da mitoloxía do marxismo», mentres que os textos titulados Resistencia Galega deixan ver «unha visión do mundo e da organización que bebe do pensamento libertario, da asemblea de base, da autoorganización».

Especialmente flagrante é o caso do acusado Antom Santos, profesor de Historia contemporánea da USC, cuxos indicios de culpabilidade son a posesión de numerosa literatura revolucionaria, fotografías de accións reivindicativas («y violentas del independentismo radical de Galicia», di a sentenza) e unha garrafa de 8 litros de gasolina, que o acusado xustificou como uso de combustíbel para o seu vehículo. A sentenza, pola súa banda, afirma: «referente a la explicación dada por ambos acusados de porqué se encontró esa garrafa de gasolina, no parece muy verosimil [sic], pues no es muy lógico que se posea simplemente porque se tiene un vehículo (coche)».
Polo delito de participación en organización terrorista aos acusados aplícaselles unha pena de 8 anos de privación de liberdade.

En canto á acusación de falsidade documental, o perito policial afirma que dos 20 puntos analizados para dilucidar se a firma aparecida nun carné falsificado a nome da acusada María Osorio é da súa autoría, «omitimos 16», e que tales omisións tiveron lugar porque «estamos en crise». A sentenza aclara: «si la firma falsa del permiso de conducir ha sido realizado o no por la acusada Maria Osorio Lopez, es una discusión baladí, en orden al tipo penal de la falsedad, ya que aunque no pusiera la firma lo cierto es que aparece su fotografia en un permiso de conducir que no le corresponde, lo cual ante la explicación poco creible dada por la acusada en el juicio oral de porque aparecia su fotografia en este documento (Dijo no tener ni idea, quizá es porque repartia su currículo buscando trabajo) lo que hace que con dicha explicación poco razonable se le pudiera atribuir la autoria de falsificación pues lo probable, lógico y razonable es pensar que lo mismo que aportó directamente la fotografia, plasmó su firma en dicho documento; por lo que este Tribunal otorga mayor veracidad a la prueba pericial de la acusación que a la de la defensa» [sic]1. Dito doutro xeito, a acusada precisa demostrar a súa inocencia con credibilidade ao Tribunal, aínda que este non teña ningunha proba que acredite a súa participación nos feitos que se lle imputan. En base a este despropósito aos acusados se lle aplican 2 anos de privación de liberdade.

«A verdade é filla do poder», dicía Nietzsche. O filósofo alemán tamén advertía que «a primeira representación que nos permite recoñecer que o descoñecido nos é coñecido produce tanto benestar que a consideramos verdadeira ao momento. Proba do pracer (“da forza”) como criterio de verdade». Tal é o funcionamento do aparello represor exercido polo poder da forza e a forza do poder. Unha vez máis, o estado español mantense no lado máis escuro da realidade política contemporánea, mantendo con boa saúde a un Tribunal formado por un grupo de precogs ocupados en adiviñar os sucesos futuros e en xulgalos anticipadamente. Todo isto ocorre mentres os parlamentos e os media miran cara a outro lado. Será capaz o Tribunal Constitucional español de ratificar semellante disparate? Terá de novo o Tribunal de Estrasburgo que emendar os delirios da AN?