You are hereA loita polos dereitos humanos non se suspende

A loita polos dereitos humanos non se suspende


06/10/2013

Cada vez que alguén é conducido desde Euskal Herria a Madrid en contra da súa vontade, o habitual é que da vila castelá cheguen malas noticias de volta. En demasiadas ocasións en forma de relatos de tortura, e case sempre coa confirmación de que outro cidadán vasco coñecerá a dura experiencia de ser encarcerado. Por iso, cando onte se coñeceu que o xuíz Eloy Velasco ordenaba a posta en liberdade de catorce dos detidos na operación contra Herrira e decretaba prisión eludíbel con fianza para os outros catro, a moita xente resultou imposíbel non esbozar un sorriso. Imposible, aínda cando sobre os arrestados pesa a imputación inicial e aínda que a agresión sufrida por Herrira é permanente. Que dezaoito persoas poidan eludir a prisión é motivo suficiente para felicitarse, aínda que sexa durante un breve espazo de tempo.

Agora, despois do carrosel de emocións que viviu este pobo nos últimos días, cabe preguntarse que é o que buscou o Estado con esta batida e que motivou que os que eran presentados como un «tentáculo de ETA» fosen liberados. E non queda menos que constatar que a razón principal desta operación foi cortocircuitar o traballo desenvolvido por Herrira en favor dos dereitos dos presos e presas vascas e sacar este tema das rúas. Máis aló de imputacións persoais, inexistentes no informe policial, o obxectivo era a solidariedade cos represaliados.

Por ese motivo decretou o instrutor da Audiencia Nacional a suspensión de actividades deste movemento popular, precisamente, cando se dispuña a acometer importantes iniciativas nos próximos meses. Con todo, Velasco esquece que Herrira é só a forma que adoptou nun momento concreto un sentimento profundamente arraigado na sociedade vasca, e que a súa función era simplemente articular unhas demandas que son compartidas pola maioría deste país. Herrira son os millares de persoas que cada sexta-feira poboan as nosas prazas, Herrira é a marea humana que no principio do ano colapsou o centro de Bilbo. Decenas de millares de pingas forman ese mar azul, e ninguén pode suspender a súa actividade en favor dos dereitos humanos. Seica, conseguiron que se multiplique.