You are here11:30 horas

11:30 horas


21/10/2013

"Teño que dicir, con toda claridade, que hai dereitos humanos que están a ser violados nestes momentos no mundo e que merecen máis atención». Esta foi a brillante argumentación do ministro español de Interior, Jorge Fernández Díaz, ante os seus colegas europeos, en defensa da denominada «doutrina Parot». Resulta significativo que o razoamento sexa cuspido ao de Carmelo Barrio, parlamentar unionista en Gasteiz, ante a visita do Grupo de Traballo da ONU encargado de investigar as desaparicións perpetradas durante a ditadura franquista. Durante o encontro coa comisión de Dereitos Humanos, hai un mes, Barrio veu dicir que decerto terían cuestións máis importantes ás que dedicarse. Nin sequera se deu ao traballo de ficar a escoitar o que tiña que dicir o resto.

 

Ambos os episodios evidencian o estilo propio, herdado dun réxime fascista do que non abdican, co que a actual diplomacia española actúa cando algunha instancia internacional lles afea os desmáns. Tamén son a constatación de que, para eles, existen vítimas de primeira, de segunda e de terceira. Cando o Dereito ampara o inimigo, os sectores máis ultras de Madrid sempre reaccionan con sospeita e desprezo cara a calquera institución foránea. Para eles, os tics garantistas non son máis que vicios bonacheiróns duns tiquismiquis chegados do país da gominola. Circulen, que non hai nada que ver a non ser que viñesen participar na lapidación. No cúmulo da esquizofrenia, a AVT acusaba onte Amnistía Internacional (si, si, Amnistía Internacional!) de ser «máis de ETA», mentres as súas ramificacións mediáticas chamaban á desobediencia no caso de que Estrasburgo ratificase a súa primeira sentenza e tombase o alongamento artificial das penas.

 

Confundir xustiza con vinganza e patrimonializar a dor resultou unha eficaz estratexia de certos ambientes da dereita española. Mais, como sempre repite unha amiga, «a nós non nos van a dar leccións de sufrimento». Neste país moitísima xente pasou as de Caín. En todas as sensibilidades políticas. Por iso, o razoábel sería dar pasos destinados a poder mirarnos á cara, non para profundar nos padecimientos. Escribo estas reflexións nunhas horas que se eternizan, co reloxo avanzando de forma angustiosa, pesada, e acordándome dos millares de cidadáns vascos que contan os minutos até as 11:30 horas. Que sexa a hora dos Dereitos Humanos e das solucións.

 

Original: Naiz