You are hereEstrasburgo: unha sentenza previsible

Estrasburgo: unha sentenza previsible


23/10/2013

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) ven de resolver, de xeito inapelábel, que a chamada "doutrina Parot" é incompatíbel coa Convención Europea de Dereitos Fundamentais e, xa que logo, coa propia Constitución, pois que, dacordo co seu artigo 10.2, a normativa constitucional relativa a dereitos humanos ha ser interpretada consonte cos tratados internacionais asinados por España neste eido. Asemade, o TEDH constitúe o interprete auténtico da lexislación de dereitos fundamentais común a todos os Estados da UE. É evidente, xa que logo, que as súas sentenzas definitivas, coma ésta, vencellan totalmente aos Poderes Públicos e Tribunais españois.

Compre resumirmos a escea. O Código penal (CP) do 1973, vixente para delictos cometidos até fins de maio de 1996, permitía a redención de penas polo traballo, cun límite máximo de cumprimento de 30 anos (sempre que o triplo da pena máis elevada non for inferior). O CP do 1995 suprimiu de vez toda posibilidade de reducir condena a medio dos beneficios penitenciarios polo traballo.

Xa que logo, a "doutrina Parot" e a sentenza do TEDH aplícanse só a delictos xulgados ao abeiro do CP de 1973, polo que só poden cumprir un máximo de 30 anos. Os beneficios de redución das súas penas están xa recoñecidos por resolucións xudiciais ou da Administración penitenciaria irrecurríbeis. Até a sentenza do Tribunal Supremo do 2006 que resolveu a liquidación de condena do etarra Henri Parot, as reducións polo traballo descontábanse dos 30 anos de máximo cumprimento. Mais esa nova doutrina xurisprudencial determinou que a quita había que facela sobre o total da condena: é dicir, se un individuo foi condenado a 60 anos de cárcere por catro mortes penadas con cadanseus 15 anos cometidas entre 1993 e 1995, os seus 9 anos redimidos, por exemplo, non convirten a súa pena efectiva en 21, senón nos 30 anos de máximo, xa que a conta teórica ficaría en 51.

Se estas regras xurisprudencias fosen incorporadas ao CP vello no seu día, o TEDH nada tería resolvido contra do Estado español. Mais do que estamos a falar é dunha xurisprudencia que, na práctica, modifica o CP e agrava as súas penas retroactivamente. Baixo a presión dunha lexítima opinión pública, pero dun xeito incompatíbel co principio de legalidade propio da liberdade e da democracia.

O grave problema é que os maxistrados do TS e do Tribunal Constitucional aplicaron esta doutrina coñecedores da alta probabilidade desta sentenza do TEDH (adoptada por 15 maxistrados a prol e só 2 en contra). Aplicárona conscientes de que podían estar a vulnerar a regra de que os delictos cometidos baixo o imperio dunha lei han ser xulgados baixo esa mesma lei e non baixo unha lei agravada posteriormente.

Claro é que poderíamos, de nos quixer, castigar os delictos dun xeito moito máis severo, sen atender aos requirimentos do principio de legalidade e do Estado de Dereito. Mais non viviríamos xa nun réxime de liberdades, porque éste esixe cumprir a irretroactividade das leis penais.

Velaí, pois, a sentenza, plenamente vinculante, do Tribunal europeo, que non ten volta de folla ningunha.

* O autor é avogado
Orixinal: El Correo Gallego