You are hereA deriva autoritaria de Rajoy

A deriva autoritaria de Rajoy


08/12/2013

Na España desta fin do 2013, a seguranza cidadá na rúa, que constituiu un problema de discreto nível de preocupación social hai uns vinte anos, non lle preocupa xa á cidadanía, agás manifestacións delictivas concretas como os roubos nas casas habitadas ou determinados secuestros “express”. Porén, o Goberno do Estado, consciente da súa total falla de creto e de “auctoritas”, vai tipificar a xeito de infraccións administrativas moi graves condutas perfectamente comprensíbeis nunha sociedade democrática avanzada, moito máis cando  son os Gobernos e Institucións os responsábeis do malestar social, do recurte dos servizos públicos e do empobrecemento colectivo.

 A xogada está, ademáis, maquiavélicamente estudada, pois que sanciona as infraccións administrativas graves da seguranza cidadá con multas de 1001 a 30.000 € e as moi graves con multas de 30.001 a 600.000 €. E estas infraccións serán obxecto de denuncia policial dotada de presunción de veracidade a respecto das condutas denunciadas. Malia confíarmos na profesionalidade democrática dunha moi ampla maioría dos policías, o certo é que a centralización das competencias (agás Catalunya e Euskadi) no Ministerio do Interior determinará que só os máis submisos ás autoridades políticas serán promovidos a cargos policiais, vencellándose a emisión de denuncias áo devengo dos complementos salariais de produtividade .

Esta centralización das competencias en Madrid determinará tamén que sexan os órganos centrais do Ministerio os que impoñan as sancións máis graves, o que  obrigará á cidadanía galega a recorrer perante os Tribunais contenciosos da Audiencia Nacional, que constitúe auténtica excepción ao principio constitucional de que nos xulguen os xuices ordinarios legalmente predeterminados.

 Alén diso, a interposición de recursos contencioso-administrativos contra as sancións administrativas do Ministerio do Interior obrigará aos recorrentes a aboar elevadas taxas  e ao pagamento das custas procesuais no caso de perder o recurso, o que vai ocorrer moitas veces pola complexidade, para os avogados da defensa, de propór proba a xeito para destruir a presunción de veracidade das denuncias policiais. 

Semella propio da Rusia de Putin. Pero vai ocorrer aquí.