You are hereMillóns de euros da cidadanía europea para a opaca industria dos drones

Millóns de euros da cidadanía europea para a opaca industria dos drones


Novo relatorio de Statewatch
13/02/2014

O novo relatorio Statewatch, Eurodrones Inc., revela o importante respaldo político e económico que a cidadanía europea presta sen o saber á industria dos drones, insistindo na falta de escrutinio ou consulta públicos sobre o desenvolvemento desta industria en que se confunden os intereses públicos cos beneficios privados.

O relatorio mostra como a política de desenvolvemento de drones é subsidiada con centos de millóns de euros a través do financiamento de proxectos I+D e como esa política é impulsionada  case que exclusivamente pola industria de defensa e seguranza, que tira dela inmensos beneficios. 

A confusión entre  intereses públicos e privados é tan manifesta que  os lobbystas outorgan premios a funcionarios da UE polos seus esforzos en favor dos avións non tripulados e da introdución dos drones no espazo aéreo civil.

No seu estudio, os autores examinan:

- a política da UE en materia de drones, convertida nun plano de acción coherente para eliminar as barrreiras regulamentares e técnicas que na actualidade limitan os seus vóos ao espazo aéreo civil;

- a abertura dunha liña de financiamento de 70 millóns de euros para garantir a xeneralización do vóos de drones no ámbito civil na nova lexislación da UE como "prioridade promovida pola politica", a pesar de non ter habido debate democrático sobre a cuestión;

- a concesión de como mínimo 315 millóns de euros de financiamente para a investigación da UE en proxectos baseados nos drones. Moitos destes millóns van parar ás maiores industrias europeas de defensa e seguranza e van dirixidos ao desenvolvemento e mellora dos medios para a vixilancia de fronteiras e das actividades da policia;

- a concesión de premios a funcionarios da UE --unha ducia polo menos-- polos seus esforzos persoais en favor da integración dos drones no espazo aéreo civil, outorgados polo grupo lobbysta da industria UVS internacional;
o "apoio do Parlamento Europeo ao desenvolvemento dos UAS (sistemas aéreos sen tripulación) para uso civil", referido polo eurodeputado Vittorio Prodi, en reunions organizadas pola Comisión Europea a pesar de o Parlamento non ter aprobado ningunha posición formal sobre os UAS;

- os planos da propia EU, que mostran un "roteiro" mais amplo no ámbito aeroespacial global, elaborado con perspectiva exclusivamente tecnocrática pola Organización da Aviación Civil Internacional (OACI), que pretende garantir a regulación do vóo de drones no ámbito civil global para 2018; e

- a sinatura da UE e os EUA dun acordo formal polo que se comprometen a cooperar en favor da integración dos drones no espazo aéreo civil e da harmonización dos sistemas de xestión do tráfico aéreo.

Por outra parte, o relatorio estudia a maneira en que:

- a Axencia de Defensa Europea investiu unha partida considerábel de fondos para a investigación en tecnoloxía de drones e promove o desenvolvemento de drones militares, en particular a través dun novo proxecto europeo sobre drones Medium Altitude Long Endurance (MALE) dirixido por sete estados membros da UE;

- os drones son considerados vantaxosos para os proxectos europeos de control da inmigración, o que poderia levar a convertelos nun medio fundamental para a FRONTEX, a axencia de fronteiras europea (que pagou por unha demostración dos drones israelitas, descritos como "a solución definitiva para as misións de recoñecemento Over the HIll e as operacións en conflitos de baixa intensidade e en actividade de guerrilla urbana), e nunha peza chave de EUROSUR,o Sistema Europeu de Vixilancia das Fonteiras, que se propón incorporar os drones e outros sensores, radares e imaxes por satélite no seu arsenal para controlar as fronteiras da Europa;

- a UE está aprofundando na súa relación coa Axencia Espacial Europea, que é decisiva para o desenvolvimento da infraestrutura por satélite e de telecomunicacíóns necesaria para os drones poderen voar alén do horizonte visíbel.

Os autores do relatorio pensan que, embora os drones poderían aportar un leque de innovacións e ebeneficios en varios sectores e mercados, o respaldo europeo parece elaborado sobre todo para beneficiar unha industria de defensa que está desesperadamente empeñada en poder competir co crecente mercado global dos drones militares, para despois se diversificar nos mercados civis. A pesar  da prohibición de  que a UE financie a investigación e o desenvolvemento no ámbito militar (excepto a través da Axencia de Defensa Europea), a Comisión Europea, de feito, subsidia o sector da defensa para o desenvolvemento de drones para tarefas de "seguranza interior". O relatorio adverte que isto equivale a unha tácita promoción do aumento na militarización da UE e do impulso continuado para a automatización nas actividades de guerra.

Os autores peden tamén un control democrático adecuado e un debate público acerca da traxectoria da política e da tecnoloxía dos drones. Nun documento de traballo de setembro de 2012, a Comisión Europea afirmou que o "proceso de respaldo das propostas para o desenvolvemento dos Sistemas Aéreos Pilotados a Distancia civis ten de ser transparente e implicar a consulta das partes interesadas, por exemplo órganos como o Grupo Europeo sobre Ética, o Comité LIBE do Parlamento Europeo ou a Axencia Europea para os Dereitos Fundamentais e o Valedor do Pobo para a Protección de Datos". No entanto, no longo proceso que levou ao actual roteiro, ningún destes órganos foi implicado, nen foi consultado  formalmente. A súa ausencia nos debates supón que na práctica foron ignoradas moitas das conversas que cumpriría manter na UE sobre os drones. Por exemplo, en que casos han de ser utilizados e en que casos non. Ou como evitar unha maior militarización da UE e o despregamento de drones armados completamente autónomos.

 "É fácil entender por qué as persoas se interesan tan vivamente polos drones: poderían ser utilizados para moitos fins positivos. Mas hai unha clara orientación no que se refere ao desenvolvemento dos drones para as actividades de guerra de alta tecnoloxía e a vixilancia masiva da populación. A UE ten a obrigación moral e legal de apoiar a innovación responsábel e de garantir que os dereitos fundamentais e as normas do estado de dereito regulen todas as súas politicas.", comenta Ben Hayes, co-autor do relatorio.

 "A política emerxente sobre os drones da UE realizouse despois de varios anos de exitosa actividade de lobbyng por parte das empresas de defensa e seguranza e os seus asociados. En grande medida a política foi dirixida polos mesmos contratistas que tiran os maiores beneficios dela. A pesar das claras implicacións para as liberdades públicas do uso de drones para fins civis, até hoxe non foron consultadas a sociedade e as institucións democráticas.  É fundamental que se debata e que as decisións sexan tomadas de maneira transparente e aberta. E que os responsábeis den conta dos seus actos", subliña Chris Jones, tamén co-autor do traballo.

Ver aquí o relatorio.

Etiquetas