You are hereDoentes mentais e presos para sempre?

Doentes mentais e presos para sempre?


20/04/2014

Encerro perpetuo ou perigo social son expresións que remiten a tempos pretéritos ao falar de doenzas mentais. E, con todo, non fan referencia ao pasado, senón ao futuro. Ambas figuran no proxecto de lei de modificación do Código Penal deseñado polo Ministerio de Xustiza que dirixe Alberto Ruiz-Gallardón, que nestes momentos se tramita no Congreso dos Deputados, e que introduce mudanzas en materia de medidas de seguridade (internamentos, liberdade vixiada) aplicábeis a persoas afectadas por unha patoloxía mental (esquizofrenia, trastorno bipolar) ou por unha discapacidade intelectual (Síndrome de Down, trastornos autistas).

A reforma levantou unha forte oposición entre as principais asociacións de pacientes e familiares, como a Confederación Española de Agrupacións de Familiares e Persoas con Doenza Mental (Feafes) ou a Confederación Española de Organizacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual (Feaps).

Tamén na Asociación Española de Neuropsiquiatría (AEN), que cualifica as novidades que se pretenden introducir como unha involución cargada de “efectos hostís” e “estigmatizantes” para unha poboación especialmente vulnerábel. A reforma “incide de modo severo no factor seguridade en detrimento notábel do factor reinserción e rehabilitación social”, engade a AEN, asociación interdisciplinar que agrupa 2.000 profesionais relacionados coa saúde mental (psiquiatras, enfermeiras, traballadores sociais, psicólogos, terapeutas) e que deixou patente o seu rexeitamento nunha pormenorizada análise do proxecto.

O Ministerio de Xustiza sostén, con todo, que o que se fai é introducir garantías adicionais nas medidas de seguridade a través das cales se pretende “mesmo restrinxir a adopción” de iniciativas como os internamentos.
Un dos aspectos que despertou maiores críticas consiste na posibilidade de privar de liberdade indefinidamente, mediante o encadeamento de medidas de internamento, persoas con doenza mental, algo que agora a lei non permite.

Se unha persoa comete un delito e é considerada por motivos de saúde mental non imputábel (é dicir, non responsábel dos seus actos) o habitual é que se lle sexa aplicada unha medida de seguridade que consiste xeralmente no internamento nun centro psiquiátrico en lugar de ir a prisión. Mais, de acordo co actual Código Penal (de 1995), esa perosa non pode estar ingresada máis tempo do que teria que cumprir se tivese de ir ao cárcere por ese delito. E ese internamento cúmprese nunha das tres instalacións psiquiátricas penais que hai no reino de España, situadas en Alacante, Sevilla e Barcelona.

Con todo, a reforma do Goberno contempla a posibilidade de que o encerro nun destes centros poida ser perpetuo. E a última palabra tería o xuíz, non o psiquiatra. En principio, non podería ser superior a cinco anos “aínda que o xuíz podería impor esa duración mesmo se a pena prevista fose inferior”, mais, unha vez cumprida a duración da medida, ábrese a porta a que o xuíz poida prorrogala por períodos sucesivos de cinco anos sen límite, se o cre oportuno. Ao fin de cada un destes períodos de cinco anos a autoridade xudicial, previa proposta da xunta de tratamento do centro penal, debe decidir se “o internamento continúa sendo necesario para evitar que o suxeito que sofre a anomalía ou alteración psíquica cometa novos delitos a causa do mesmo”.

É certo que este proceso se someteu a maiores garantías respecto da redacción inicial. O Ministerio de Xustiza destaca que a prórroga debe ser solicitada polo equipo terapéutico do centro en que se está o interno. A petición será presentada polo fiscal ante un xuíz ou tribunal que deberá decidir nunha especie de xuízo en que intervirá o propio afectado,  que será defendido polo seu avogado. Tamén é verdade que esa prórroga de cinco anos (que por súa vez poderá ser prorrogada) será aplicada no caso de delitos de “gravidade relevante”. Os que a lei define como penados con tres ou máis anos de prisión. O Ministerio de Xustiza destaca que o feito de que un xuíz ou tribunal teña a decisión final sobre a prórroga, “lonxe de ser un problema, é unha garantía de seguridade”. E destaca que se introduciu unha nova condición. Non basta con cometer un delito; para internar unha persoa con doenza mental, ademáis se esixe que poida cometer outras accións puníbeis “de especial gravidade”.

O problema é que, ao deixar en mans dos xuíces a decisión última sobre o internamento e a súa prórroga, estes sempre poderán curarse en saúde e manter o doente mental encerrado por temor de, caso unha vez liberado volva cometer algunha infracción penal, seren sinalados como responsábeis. Por iso, segundo varios expertos, este tipo de decisións deberían corresponder aos especialistas nestas doenzas, non aos xuíces.
Estes mesmos expertos subliñan que doentes mentais e as infraccións que poidan cometer son un problema de batas brancas -médicos- que a reforma deixa en mans de togas negras -xuíces-. E iso pode situar aos inimputábeis fóra das garantías constitucionais: deixalos sen a presunción de inocencia que rexe para calquera outro cidadán.

Segundo a AEN, esta fórmula para decidir os ingresos sucesivos nunha penitenciaría psiquiátrica sería contraria á seguridade xurídica, “pois introduce a inconcreción da duración da medida” e é discriminatoria “porque só se aplica a persoas con trastorno mental ou discapacidade intelectual”. Que hai detrás desta medida? Para as persoas con doenza mental, familiares e a AEN, unha estratexia de encarceramento preventivo perigosa ligada a unha falsidade: o perigo social dos afectados por este problema de saúde.

A norma, na súa exposición de motivos, xustifica a prórroga do internamento “cando resultar imprescindíbel por existir unha probabilidade elevada de comisión no futuro de delitos de especial gravidade”. O proxecto ilustra esta circunstancia cun exemplo. Sinala que no caso de “unha persoa que sofre unha grave patoloxía psiquiátrica que a levou a cometer reiterados delitos contra a vida ou a liberdade sexual”  serían tomadas estas medidas “cando as valoracións psiquiátricas disponíbeis confirmaren que continúa existindo unha elevada probabilidade de comisión de delitos de especial gravidade”.

Iso complétase coa opinión de que as medidas de seguridade deben ser proporcionais “non só á gravidade do feito delituoso, senón tamén á daqueles que se prevexa que se puider cometer, e por iso, ao seu perigo”.

Orixinal: El País

Tradución: EsCULcA