You are hereAínda moita relixión

Aínda moita relixión


22/04/2014

Nesta Semana Santa (había que lle buscar outro nome que tampouco pasaba nada; esa Sagrada Constitución Intocable que tanto veneran di que este é un estado aconfesional) o ministerio de xustiza indultou, seguindo unha tradición relixiosa impropia dun estado, repito, aconfesional, a 21 persoas, entre outras, un director de banco que roubara unha boa cantidade de diñeiro falsificando a sinatura dun cliente. E algo así (ritualizar relixiosamente o que en todo caso debería decidirse e executarse dun xeito "civil") non debería acontecer.

En España é perfectamente posible xurar -manda truco de aconfesionalidade- un cargo público diante dun crucifixo. E algo así (o posicionamento descarado do aparato do estado á beira dunha relixión concreta) non debería acontecer.

En España é perfectamente posible atopar centos de aulas presididas, tamén, por crucifixos. Curiosamente as persoas que mandan ás súas crianzas a estudar a ese tipo de centros, adoitan ser as mesmas que dicían que as Galescolas non debían existir (de feito, xa non existen) porque a escola non está para adoutrinar. Como se non se adoutrinase nos centros confesionais que tolera este estado que, definíndose constitucionalmente aconfesional, non se cuestiona se a escola non debería ser máis neutral... Decididamente algo así non debería acontecer.

Ademais, neses mesmos centros "explícase", daquela maneira, teorías como a da evolución ou o Big Bang ao carón doutras acientíficas e irracionais sobre a creación, Adán e Eva e todo iso que, como calquera outra cousa cientificamente demostrada, contan igual para nota e o curriculum. Algo así non debería acontecer porque o que cómpre explicar nas escolas é ciencia, teorías validadas pola razón, nas as crenzas relixiosas sexan esas as que sexan e sexan cridas pola cantidade de xente que as siga.

En España é perfectamente posible que as leis muden en función da opinión de determinados colectivos relixiosos que manteñen teorías sobre o bo e o malo que arrincan do século V e que, en todo caso, se nelas cren, deberían circunscribirse á esfera do comportamento privado e íntimo e de portas para adentro mais nunca transcender á esfera do público nin moito menos converterse en obrigatorias. Pero pasa. E algo así non debería acontecer.

En España é perfectamente posible que se organicen funerais de estado católicos para homenxear vítimas dun atentado, dun accidente ou o pasamento dun expresidente do goberno.  Enténdese como "natural" cederlle a palabra a un sacerdote para que fale en nome de todo un colectivo. Nun estado aconfesional.

Algo así non debería acontecer.

E logo, os curas, dicindo que a relixión está perdendo forza en España.

Mágoa non a perdese toda...

Orixinal: Praza Pública