You are hereA democracia de Deus

A democracia de Deus


08/05/2014

O Goberno de Rajoy eleva o número de indultos concedidos a presos por Semana Santa. 16 dos 21 liberados en 2014 estaban recluídos por delitos de narcotráfico. Vicente Molina, secretario do Cristo da Columna : “Pedimos un católico. Non imos pedir un musulmán, iso que o pidan os musulmáns”.

Miguel Anxo Campos levanta o brazo esquerdo enerxicamente. "El foi quen mirou por vós", espeta baixo o teito de madeira dunha austera parroquia do polígono San Pablo (Sevilla). A súa man sinala unha talla humana, de 1,85 metros de altura e ollos verdes, vestida cunha túnica morada e as mans atadas por un cordón dourado. Miguel Anxo, irmán maior da confraría do Cativo e Rescatado, apunta á representación de Xesus Cristo que procesiona cada Segunda-Feira Santa con eles. "Liberouvos El", insiste o home. E ao pé del, as reclusas Santiana Alicerces e Adela Silva mal poden aguantar a emoción. "Só me ocorre dicir grazas", balbucia a primeira co ollar enlevado e despois de obter “como a súa compañeira” un dos 21 indultos concedidos este mes polo Consello de Ministros con motivo da Semana Santa.

Estas medidas de graza son solicitadas cada ano por irmandades de distintas rexións do país. E, aínda que o Ministerio de Xustiza non aproba todas as peticións que lle chegan, unhas 90 segundo unha das confrarías afortunadas esta vez; todos os Gobernos da democracia rubricaron algunha, con independencia da súa cor política e a pesar de non estaren obrigados por Lei. Iso si, desde a súa chegada ao poder, o Executivo de Mariano Rajoy elevou o número de liberacións: 21 en 2014 e 2013; e 19 en 2012. Fronte ás 17 que, como máximo, outorgaron José Luís Rodríguez Zapatero (PSOE) e José María Aznar (PP); segundo as referencias da Moncloa.
Unha repetida tradición que, para a organización Europa Laica, evidencia a inexistente separación entre o Estado e a Igrexa. "Estes indultos son un disparate político e xurídico. Non se respecta a neutralidade en materia relixiosa", critica o colectivo, que salienta como se privilexia os devotos dunha determinada doutrina". Visión que, por suposto, non compartillan as entidades católicas. Estas defenden a utilidade social dunhas iniciativas que elas tramitan; mais nas que, segundo engaden, non elixen realmente o preso que as recibe. De feito, segundo insisten as confrarías, os candidatos son seleccionados polos centros penais.

"No noso caso, os nomes foronos facilitados polo CIS de Sevilla", apunta José Luís Pérez, secretario da irmandade do polígono San Pablo. Unha idea en que insisten en Elxe, na confraría do Perdón. "Nós non facemos distinción á hora de solicitar este beneficio. Non coñecemos as crenzas do preso", remata o seu presidente, Matías Mollá. Aínda que non ocorre así no Cabanyal. Vicente Molina, secretario do Cristo da Columna “asentada neste mariñeiro bairro valenciano”, sentencia: "Pedimos que sexa católico. Non imos pedir un musulmán, iso que o pidan os musulmáns".

O párroco da igrexa San Ignacio de Loyola, sede da confraría do Cativo e Rescatado, ergue a voz no humilde templo de tixolo branco. Sobre o retábulo, neste domingo de Ramos, xa locen as insignias da irmandade. Procesionará no día seguinte. Mais antes, a confraría organizou un sinxelo acto simbólico para outorgar ás dúas presas o indulto. O sacerdote, vestido cunha túnica tamén branca e coa cruz trinitaria serigrafiada no peito, fíxose co micrófono. E observa Santiana Alicerces. Para ela, o cárcere quedou atrás.

O xulgado do Penal número 4 de Palma de Mallorca condenouna en xuño de 2013 a seis meses de prisión por narcotráfico. Mais o Consello de Ministros perdoou esta granadina de 24 anos, nai dunha pequena de tres, na primeira quenda de 21 indultos concedidos este 2014 “anunciáronse 19 o 4 de abril e, unha semana despois, sumáronselles outros dous”. "É que nós, desde un primeiro momento, estipulamos que sexa unha nai para quen pedimos o indulto", explica o secretario da irmandade sevillana. Un requisito ao que, neste caso, se engaden outros que comparte coa maioría de confrarías: que non se trate de delitos de sangue ou de violencia machista.
Así que a gran parte dos beneficiados están presos por "menudeo " de droga. En 2014, foron 16 dos 21 agraciados polo Goberno. O cinco restantes cometeron un delito de lesións; de falsificación de moeda; de falsidade en documento oficial e intrusismo; de falso testemuño; e de apropiación indebida: “o director dunha oficina de banco que roubou 30.000 euros a un cliente, segundo denuncia a Fundación Civio”. O mozo Iván Rubio pertence ao primeiro grupo.

"Nada máis saber que me indultaban díxenllo á miña nai. Ela foi a primeira en enteirarse", comenta o mozo, condenado en 2010 a tres anos de cárcere por "unha parvada" cometida en 2007. "É que non lle quería dicir nada até ser seguro. Non quería darlle falsas esperanzas". Restaba aínda un ano por cumprir, segundo especifica Joan Payà, presidente de Lles Set Paraules de Torrent (Valencia), a irmandade que solicitou a medida de graza. "Supón unha axuda a quen practicamente está xa reinsertado", engade.

Coas mans encadeadas e o rostro oculto atrás dun capirote negro, Iván desfilou en procesión esta terza-feira xunto á confraría. O ex recluso --"son católico, mais non moi practicante"-- percorreu as rúas do municipio valenciano. O mesmo ten pensado facer, aínda que coa cara descuberta, Francisco Suárez, tamén indultado polo Executivo. "Non teño nada que esconder", sinala este veciño de Alboraya, de 40 anos, condenado a tres anos e medio por narcotráfico. Xa cumpriu 18 meses. E agora leva oito fóra coa pulseira telemática. Sairá esta sexta-feira coa Boa Morte de Valencia. "Faleino coa muller e non me importa saír destapado. Eu cumprín a miña condena".


"En cumprimento do privilexio outorgado polo Rei Carlos III"

A tradición do indulto en Málaga vén de hai séculos. De mediados do XVIII, cando o rei Carlos III asinou unha pragmática que permitía á confraría do noso Pai Jesús o Rico libertar un preso cada ano na súa procesión de Cuarta-Feira Santa. "E así o fixemos desde entón, a excepción do período da Guerra Civil", subliña Antonio Martínez Piñar, o irmán maior. Esta tradición plásmase no propio BOE, onde o Ministerio de Xustiza escribe a respecto da concesión desta medida de graza: "En virtude de exposición elevada en cumprimento do privilexio outorgado polo Rei Carlos III". "Nós tivemos, neste tempo, todo tipo de delitos. Tamén de sangue", apunta o representante da entidade católica. Ao preso beneficiado este ano, Sergio Carneiro, condenárono en 2005 a tres anos de cárcere por un delito de lesións perpetrado en 2002. "Este home, de 30 anos, cometeuno con 19. O ingreso en prisión agora truncoulle a vida, xa refeita. Casou e ten un fillo", apostila o irmán maior, que explica que Sergio entrou o pasado novembro no centro penal.

 

Orixinal: El País.

Tradución para galego: EsCULcA