You are hereA embaixada de Israel recrimina selectivamente o Parlamento de Galiza

A embaixada de Israel recrimina selectivamente o Parlamento de Galiza


23/05/2014

Non é a primeira vez que a embaixada de Israel en Madrid intervén contra unha decisión do Parlamento Galego. En marzo de 2008 pretendera cambiar unha condena por asasinatos en Gaza, por un proceso de antisemitismo contra o BNG. A manipulación era visibel e o presunto agraviado foi percibido pola opinión pública como agresor.

Agora, a embaixada volve acusar a Cámara Galega, mais o cargo é contra o pleno. Para o actual embaixador de Israel, lembrar Al-Nabka, a catástrofe de Palestina, é promover o terrorismo. O Parlamento defende a xustiza internacional para máis de 750.000 palestinianos que viven a pobreza e o desarraigo do exilio por mor da ocupación israelí, 14 de maio de 1948.

Para o embaixador, recordar o dereito do regreso dos palestinianos expulsados polas armas é igual que predicar a expulsión dos israelies colonizadores. O funcionario de Israel pretende que os reclamantes de dereito ofenden aos causantes da inxustiza. A alpabarda non honra o seu cargo e a súa invocación contra un acordo plenario da Cámara non aparece matizada por calquer reserva ou respecto pola representación popular.

O Parlamento Galego coincide cun mundo de organizacións e institucións internacionais na súa lembranza da Al-Nabka, 14 de maio, mais é un feito que, a diferenza da alporizada nota diplomática disparada contra o povo de Galiza, ningunha outra apelación mundial á xustiza para Palestina lle merece un comentario. A insistente recriminación selectiva de representantes políticos dunha limpa tradición internacionalista e democrática por parte dun Estado que se arrroga do privilexio de colonización, está a reclamar unha explicación.

Orixinal: Praza Pública