You are hereQuen censura a internet?

Quen censura a internet?


04/06/2014

O potencial da internet para a comunicación directa entre persoas é incuestionábel. De aí que a cibercensura teña pasado nos últimos tempos a ser unha preocupación real e, grazas aos relatos das principais axencias de comunicación do mundo, se estexa a apresentar como uma prova do autoritarismo de determinados gobernos. Porén, unha revisión máis demorada sobre o tema termina ofrecendo conclusións do máis interesante, que en moitos casos contradín o discurso das liberdades do «mundo libre».

O discurso do control totalitario

O aumento do control gobernamental sobre a rede é unha preocupación crecente desde o inicio do século XXI. En 2007, un estudo das universidades de Oxford, Harvard e Toronto concluía que a cibercensura aumentaba a un ritmo descontrolado. As principais axencias de comunicación do mundo, en mans de grandes corporacións económicas que controlan por esa vía a maioria da información que é consumida macizamente através da rede e en formato físico, alertaban cinicamente para o fin da liberdade de expresión e apontaban para os «vicios totalitarios» de países como Cuba, Irán, Corea do Norte e China por limitaren o acceso á internet e por vixiaren os usos das persoas que utilizan a rede nos seus respectivos territorios.

Os recentes vazamentos de información sobre espionaxe revelados por Wikileaks e, mais recentemente e de modo máis claro através do caso Snowden, deixaron claro xa que todos os gobernos, na medida das súas posibilidades técnicas, monitoran e espían as comunicacións das persoas, non só no seu país, como tamén noutros. A relación desta práctica co imperialismo non é, tampouco, casual. Mais alén diso, o certo é que o relato que relacionaba esa espionaxe co totalitarismo se revelou, finalmente, como unha mentira cunha clara intencionalidade política. Ocultar que todos os países, na medida das súas posibilidades, monitoran, espian e censuran a internet. E non só a internet, claro.

A ese respeito, un repaso da «lista negra» debería revelar rapidamente a súa propria intencionalidade. Non porque algo (ou moito) haxa de certo nalgúns dos casos de censura massiva na internet, senón porque, alén diso, a lista en si serve para ocultar ou relativizar a censura exercida por países amigos das grandes potencias occidentais, como a Arabia Saudita ou Omán, que bloquean portais con información favorábel aos direitos da muller ou dos homosexuais, por exemplo, ou con conteúdo que denuncia os reximes autoritarios desas monarquías feudais.

A selección interesada non para aí. A construción do relato do totalitarismo na rede faise non só acusando determinados países de censura política, senón tamén ocultando as prácticas censoras de países considerados invariabelmente como democráticos como Turquía, que no proprio 2007 tiña cortado o acceso a Youtube por un vídeo que ridiculizaba a figura de Ataturk, e que recentemente bloqueou Twitter após o ultradereitista Recep Tayyip Erdogan ter asegurado nun discurso eleitoral recente que «acabaremos con todos eses servizos» por teren permitido a convocatoria das masivas mobilizacións arredor do parque Gezi e doutros escándalos do seu goberno.

Ao mesmo tempo, tampouco se verifica a información relativamente a países como Cuba, acusada de bloquear o acceso á internet, mais desde cuxo territorio figuras como Yoani Sánchez, recoñecidamente financidas pola CIA, manteñen blogues coa mesma liberdade coa que se move por medio mundo convidada por organizacións do espectro da ultradireita, sendo apresentada cinicamente como vítima do totalitarismo dun goberno cubano que impide xustamente a saída de persoas da illa ou a publicación libre de contidos na net (!).

A existencia de presos na China ou Irán por «ciberdisidencia», ou a existencia de redes paralelas e intranets xerais que funcionan en diversos países en substitución da internet que o capitalismo promove a ben dos seus lucros costuman non só ser amplificadas e deformadas até níveis ridículos, como no caso da Yoani Sánchez. Ademais, serven tamén para ocultar as prácticas censoras de Estados como o español, o alemán ou o francés, cuxos peches selectivos de diversas webs e até páxinas da coñecida e «libre» wikipedia non poden ser consideradas menores, notadamente nun escenario de continuo alarde de promoveren a liberdade de expresión.

Liberdade sen diversidade?

Mais o relato da censura na internet non só esquece deliberadamente as prácticas censoras de países do chamado «mundo libre» e exaxera oportunamente as prácticas de intervención na rede de países do «eixo do mal», senón que, ao centrar o debate na cantidade de información que pode ser consumida ou eventualmente emitida desde eses países, furta no outro lado da ecuación a calidade desa información.

Non estraña esa táctica se levarmos en conta a relación íntima e indisolúbel entre calidade e diversidade, e tamén o feito de que o relato do totalitarismo na rede procede principalmente das grandes axencias, que controlan e deciden o que se le, o que se ouve e o que se ve na internet grazas á súa capacidade económica para apareceren nos primeiros lugares dos motores de pesquisa ou, enfin, para se converteren en referencias informativas fronte á multitude de webs e blogs cuxos accesos non poden, nen de lonxe, ser comparados en número co que receben esas grandes axencias.

Cabe a pregunta, portanto, sobre que calidade de información hai realmente — na práctica — disponíbel nese «mundo libre» que «non censura» internet cando, segundo denuncia o Forum Internacional da Globalización, só unha presada de empresas controlan 70% da comunicación en xornais, radios, televisións, nos portais web máis visitados, no cinema, etc.

Non cabe dúbida de que controlar a información antes de que sexa publicada, isto é, no seu proprio proceso de elaboración, evita en grande medida a necesidade de a intervir posteriormente e, por esa vía, de aparecer nas listaxes de censura na internet.  E non só. Tamén ofrece inmellorábeis oportunidades para deitar a culpa sobre outros e se escandalizar con grandes trexeitos e exaxeros.

Orixinal: contrapoder.info