You are hereEspaña. O dereito a decidir ameazado

España. O dereito a decidir ameazado


10/06/2014

O dereito á liberdade de reunión pacífica, xunto aos dereitos, estreitamente relacionados, á liberdade de asociación e de expresión, está consagrado en tratados de dereitos humanos nos que España é parte, como o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP) ou o Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (Convenio Europeo). Tamén está contido na Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea. Os Estados teñen a obrigación de respectar, protexer e facilitar o exercicio destes dereitos, é dicir, de garantir que os seus propios axentes non os violan, e que estes dereitos non son obxecto de restricións, salvo as que sexan demostrablemente necesarias e proporcionadas para un fin lexítimo permitido polo dereito internacional.

Tamén están obrigados a protexer o exercicio destes dereitos fronte á inxerencia de terceiros, e a garantir que as persoas dentro da súa xurisdición poden exercer estes dereitos na práctica. Tal como subliñou o relator especial sobre os dereitos á liberdade de reunión pacífica e de asociación, Maina Kiai, isto significa que os Estados teñen unha obrigación positiva, en virtude do dereito internacional, non só de protexer activamente as reunións pacíficas, senón tamén de facilitar o exercicio do dereito á liberdade de reunión pacífica.

Aínda que o dereito internacional permite que o exercicio do dereito á liberdade de reunión pacífica, á liberdade de asociación e a liberdade de expresión, sexa obxecto de certas restricións, esas restricións só son admisibles se, en primeiro lugar, están establecidas por lei. En segundo lugar, serán admisibles se teñen como finalidade protexer certos intereses públicos (a seguridade nacional ou pública, a orde pública, a protección da saúde ou a moral públicas) ou os dereitos e liberdades doutras persoas. E en terceiro lugar, serán admisibles se son demostrablemente necesarias para lograr ese fin. Toda restrición que non cumpra estes tres requisitos constitúe unha violación dese dereito.

O último informe publicado por Amnistía Internacional, titulado España. O dereito a protestar, ameazado, incide nas preocupantes restricións impostas ao dereito á liberdade de expresión e de reunión pacífica no contexto das manifestacións celebradas nos últimos anos. Tamén inclúe algunhas conclusións ás que chegou a organización respecto ao uso da forza por parte da policía neste contexto, e conclúe que a policía utilizou en moitos casos forza excesiva, incluído o emprego indebido de material antidisturbios durante manifestacións, ou ao practicar detencións. Así mesmo, documenta algúns casos de malos tratos a detidos baixo custodia policial, e algúns motivos de preocupación respecto do inadecuado das investigacións levadas a cabo polas autoridades sobre as violacións de dereitos humanos cometidas por axentes das forzas e corpos de seguridade.

Que está ocorrendo entón en España? A crise económica e financeira que afectou a numerosos países, especialmente en Europa, empezou a sentirse en España en 2008. A destrución constante de postos de traballo e o elevado índice de desemprego, as medidas de austeridade e os recortes en servizos sociais básicos, unidos ao que se percibe como falta de transparencia por parte das autoridades ao adoptar estas medidas, fixeron saír a miles de persoas á rúa a protestar nos últimos anos: segundo os datos facilitados polo goberno, en 2012 celebráronse máis de 14.700 manifestacións en toda España, na súa inmensa maioría sen incidentes violentos. Con todo, pese ao carácter pacífico da maioría destas protestas, houbo denuncias frecuentes de uso excesivo da forza e de malos tratos por parte de axentes das forzas e corpos de seguridade durante as actuacións policiais relacionadas coas protestas. Ademais, non se levaron a cabo investigacións internas e xudiciais adecuadas sobre as denuncias formuladas. Tamén houbo noticias de conduta agresiva por parte de policías contra xornalistas e fotógrafas/os que informaban sobre as manifestacións.

Nos últimos meses, recibiuse información que indica que a policía someteu a comprobacións colectivas de identidade a manifestantes pacíficas/os durante as manifestacións ou ata antes delas, e tamén se informou dun aumento das multas administrativas impostas a persoas por asistir a protestas ou reunións similares.

Desde que aumentaron as protestas sociais no noso país, Amnistía Internacional recibiu un número crecente de informes sobre sancións administrativas impostas polas autoridades en relación coa participación en manifestacións. En xeral, as autoridades xustifican esas sancións sobre a base da alteración da orde pública ou a desobediencia a ordes da policía: por exemplo, desobedecer a orde de abandonar unha concentración ou manifestación que non se notificou, aínda que non se produciu ningunha alteración da orde pública.

Hai moitas persoas que sofren problemas económicos e non poden pagar as multas. Existen indicios claros de que as sancións impostas a persoas por participar en actos de protesta poden estar tendo un efecto disuasorio, desalentando á xente de participar en protestas públicas e exercer o seu dereito á liberdade de reunión pacífica.

Ademais, as autoridades fixeron numerosas declaracións sobre a suposta necesidade de impoñer restricións adicionais á celebración de manifestacións, por medios que inclúen a modificación da lexislación pertinente. En 2013, o goberno iniciou un procedemento para reformar o Código Penal e para introducir un anteproxecto de Lei Orgánica para a Protección da Seguridade Cidadá. Ambos textos afectan directamente ao exercicio do dereito á liberdade de expresión e de reunión.

Ao utilizar certas disposicións da lexislación española relativas á celebración de reunións, e ao impoñer de xeito xeneralizado multas a quen participan en protestas públicas, as autoridades españolas restrinxiron o goce dos dereitos humanos en España, en especial o dereito á liberdade de reunión pacífica, de asociación e de expresión, dun xeito que é contraria tanto ás normas internacionais de dereitos humanos como ás obrigacións contraídas por España en virtude do dereito internacional.
 

Orixinal: Praza Pública