You are hereAqueles partidos na rua

Aqueles partidos na rua


23/07/2014

Leo que no Proxecto de "Ley Orgánica de la Seguridad Ciudadana" que Gallardón e o seu equipo remitiu ás Cortes, facer deporte na rúa sigue sendo considerada "falta leve" pois vai contra a seguridade da xente. Ou sexa, que o partido de fútbol de toda a vida, improvisado en calquera patio ou campo ou rúa con poucos coches ou onde sexa, seguirá penado pola lei.

Lin a nova e quedei un chisco flipado porque non sabía que violentara tanto a lei cando era cativo. Sei que a vulnerei en moitas ocasións, moitas veces e dun xeito consciente e premeditado. Por exemplo cando entrabamos na da señora Munda a roubarlle as ameixas e ela saíanos detrás, aínda que sen moito convencemento, cunha vasoira para darnos na cabeza. Ou cando tiramos a estrutura aquela de madeira dunha casa en construción tirando por unha corda grandes e pequenos no barrio, unidos na inconsciencia feliz do ben que o estabamos pasando facendo abanear aquela tentación arquitectónica (imaxino que xa prescribiría) para ter leña para a fogueria de San Xoán. Si, dende logo, sei que vulneramos a lei cada vez que pola noite do 23 de xuño prendiamos a cacharela a pesar das advertencias da señora Juana de que iamos queimarlle as pereiras e que a policía xa nos advertira de que tanta madeira non. Pero prendiámoslle igual á fogueira. E viñan os bombeiros e a policía. E era unha festa... Pobre señora Juana.

Da miña infancia, un dos recordos que atesouro con máis pracer ten que ver cos partidos de fútbol na rúa. Todos aqueles que xogamos naquel irregular campo case que de herba (céspede salvaxe, con ortigas incluídas e moitos buracos onde incriblemente ninguén deixou nunca un nocello para sempre inservible), no que unha casa dunha parede que quizais algún día foi branca actuaba como linde e fronteira do saque de banda. Alí retamos os do meu barrio (A Rola, en Teis) aos de Vichita moitos sábados pola mañá, en partidos que duraban tempo e tempo e tempo e nos que ningún dos dous equipos tiña o mesmo número de xente e nos que sentiamos que nos xogabamos literalmente a vida en cada balón. Carlitos era o porteiro. E o dono do balón, por certo. Máis de unha e de dúas veces quedamos sen xogar porque se enfadou por calquera cousa e daquela levaba o balón para casa e acababa a festa. E lembro aquelas alineacións gloriosas de nenos con remendos nos pantalóns, greñas yeyés, e moita, moita ilusión. E a única vez que tivemos redes nas porterías, porque Pucho llas collera a alguén da súa familia, que andaba no mar. Montouse unha boa cando se descubriu o roubo. Pero tivemos redes. E lembro marcar un gol de cabeza rematando un córner. E lembro meter outro dende fóra da área que pasou por debaixo das pernas de tres xogadores e do porteiro. Ou igual non foi así pero quero lembralo así porque é unha lembranza fermosa. Tanto ten se non é exacta de todo. Tanto ten.

Xogamos moitos partidos de fútbol na rúa. E fomos felices. Non sabiamos que era un delicto. De sabelo, de certo que aínda había gustarnos máis.

Orixinal: Sermos Galiza