You are hereLoitando contra a impunidade do Estado de Israel. O asunto Mavi Mármara

Loitando contra a impunidade do Estado de Israel. O asunto Mavi Mármara


30/07/2014

Con data de 17 de xuño, o xulgado Central de Instrución 5 ditou auto en que o titular, Pablo Ruz, acordaba non arquivar a causa que se instrúe contra varios responsábeis do goberno de Israel, entre eles, Benjamin Netanyahu, Ehud Barak e Avigdor Lieberman, querelados,  xunto con outros altos cargos do estado, polo asalto á primeira Flotilla da Liberdade, concretamente , ao buque Mavi Marmara. Un asalto en que os militares israelis mataron nove activistas e feriron outros trinta, entre eles Ugur Soylemez, que faleceu o pasado mes de maio despois de pasar catro anos en coma.
Os feitos que provocaron a querela aconteceron o 31 de maio de 2010 en augas internacionais do mar Meditarráneo. Na Flotilla da Liberdade, organizada pola coalición Free Gaza,  viaxaban  633 persoas de 37 países que pretendían levar 10 000 toneladas de axuda  humanitaria á Faixa de Gaza  e romper asi o  bloqueo imposto  por Israel ao territorio  palestino. A mariña de Israel asaltou a frota en augas internacionais, confiscou os buques e, xa a bordo do Mavi Mármara, disparou contra activistas con munición de guerra. As persoas que non resultaron mortas ou feridas foron feitas prisioneiras e trasladadas a un centro de detención para seren  posteriomente deportadas. As tres que viaxaban con pasaporte español -Laura Arau, Manuel Tapial e David Segarra- interpuxeron, xunto con varias organizacións civis, querela por delitos de lesa humanidade contra os responsábeis do ataque ao abrigo de principio de xustiza universal. Estas querelas deron lugar as dilixencias previas 197/2010.
No seu auto, Pablo Ruz decribe como Netanyahu, Barak e Lieberman, todos eles na altura ministros do goberno de Israel e todos eles recibidos e agasallados polos sucesivos gobernos do Reino de España, planificaron coidadosamente xunto cos seus secuaces o violento ataque, con firme propósito criminal, frio e premeditado de infrinxir a lexislacion internacional que prohibe asaltar buques de axuda humanitaria. A descripción do xuiz Ruz impugna por tanto os argumentos do estado sionista, que sempre alegou lexitima defensa para xustificar a violenta actuación dos seus militares. E non esquezamos que falamos dunha resolución xudicial .
Pola súa parte, a Fiscalía dá mais unha vez mostras claras da súa interesada parcialidade. Embora non poda loxicamente descoñecer que Israel non suscribiu o Estatuto de Roma,  solicita o arquivo inmediato da causa e a súa (imposíbel) remisión á Corte Penal Internacional.

Mais o xuiz Ruz non pode acordar incondicionalmente a continuación da causa. A reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial deixa pouco espazo aos  xuizes da AN para manter a única función coherente do ponto de vista do garantismo xuridico conferida a este tribunal especial : a xustiza universal. Por iso, o xuiz eleva ao Tribunal Supremo a causa a fin de que este decida se debe rexer o principio de subsidiaridade ou complementareidade da xurisdición da AN. Isto é, afirma que inicialmente concorre a competencia do tribunal español porque os gobernantes israelís terian incorrido en delitos de torturas e contra a integridade moral de cidadáns españois e en crímes de guerra previstos na IV Convención de Xenebra. Han de ser portanto perseguidos por medio da agora limitada xurisdicción universal do Reino de España mais o xuiz debe someterse ao criterio do TS , que analizará se os procesos que se seguen por estes feitos en Turquia e Israel son preferentes (principio de subsidiariedade) ou poden coexistir co proceso na audiencia nacional (principio de complementariedade).
Non cabe albergar moitas esperanzas. Mesmo o menos avisado dos xuristas poderia ditaminar que Israel  non se mostrará disposto a colaborar nun proceso con garantías ao abrigo do dereito internacional. Antedentes como o affaire Al-Daraj , en que Israel deu información na comisión rogatoria que pouco tiña a ver cunha investigación xudicial independiente, mostram o camiño que seguirá o estado sionista.
Canto ao proceso en Turquia, haberia posibilidades técnicas para o TS  manter o principio de complementariedade  por medio dunha aplicación estrita do principio de identidade do caso . Mais é evidente que a presión política do goberno español sobre o TS vai ser forte  dado a subserviencia do poder político español a respecto de Israel. Só resta confiar pois na presión internacional, sobre todo en iniciativas civis como a campaña global BDS.
Mais unha cousa interesa non perder de vista: existe unha resolución xudicial que sinala o estado que se gaba de ser a única democracia do Oriente Próximo e de manter o exército mais moral do mundo como presumível autor de delitos de lesa humanidade, tortura, detención internacional e crimes de guerra previstos na IV Convención de Xenebra. Por se alguén ainda ten dúbidas acerca da natureza criminal e infractora da legalidade internacional do estado sionista. Dúbidas que, infelizmente, o pobo palestino, despois de ter enterrado 1.405 crianzas asasinadas por militares e colonos sionistas desde 2010, non pode permitirse