You are hereDos referendos

Dos referendos


18/09/2014

Os referendos, obrigatórios ou opcionais, representan unha forma de democracia directa de grande interese político, xunto con as iniciativas lexislativas populares e diversas modalidades de revogación de cargos públicos, sen menoscabo das instituicións clásicas da democracia representativa. Este ponto de vista alicerza en dous tipos de argumentos relacionados ambos con unha maior participación da sociedade na vida política.

Dunha parte, facer apelo à consulta popular mediante o correspondente referendo é unha forma de reducir a desviación que se manifesta entre as preferéncias da cidadania e as dos grupos politicos que din representála.
De facto, con frecuéncia, os principais grupos políticos que operan nas instituicións representativas da soberania popular defenden posicionamentos case idénticos entre si e à vez distantes dos anelos populares, constituindo os membros deses grupos unha sorte de “clase política”.

Unhas veces esa discrepáncia das preferéncias populares obedece simplesmente à vontade dos políticos de impulsionaren os seus próprios intereses materiais; outras a motivos mais opacos (e por iso mais perigosos) que se apresentan como razóns de prestíxio ou status. Aznar, por exemplo, argumentou que o seu apoio à invasión do Iraque baseava-se no desexo de “tirar España do recanto da história” (“sacar a España del rincón de la historia”).

Teoricamente, nos países de democracia parlamentar hai mecanismos, ben é verdade que de alcanzo limitado, para subsanar esta discordáncia entre as preferéncias de representantes e representados. Os cidadáns poden manifestar a sua disconformidade con a situación e poden, nas seguintes eleicións, tentar introduzir através do voto alteracións no cadro político. Non obstante, algunhas consecuéncias das decisións que entretanto tiveren sido tomadas contrariando as promesas eleitorais poden ser irreversíveis.

Alén diso, na altura das novas eleicións os votantes son obrigados a escoller un entre o conxunto de programas partidários que engloban mui diferentes temas e a partir dese momento só lles resta confiar en que, caso de triunfaren, os seus candidatos non atraizoarán as promesas eleitorais.

Deitemos agora unha ollada ao exemplo da Suíza, onde houvo entre 1848 e 1997 un total de 316 referendos. Nun 36% dos casos o resultado da consulta diferiu da opinión maioritária do Parlamento. Bruno Frey, notável economista político e non por acaso cidadán da Confederación Helvética, ao examinar esta cuestión polo miúdo pon en destaque que, no caso dos cantóns suízos, os estudos econométricos revelan unha correlación positiva entre o protagonismo das instituicións da democracia directa e o rendimento por habitante. Esta correlación positiva tamén se verifica entre democracia directa e moral fiscal, para nada dicer do feito de esas instituicións contribuíren a acrescentar as liberdades, aspecto que valeria a pena considerar como un fin en si mesmo. Conclusións semellantes poderían ser tiradas da análise do que acontece noutros espazos políticos, como Austrália e alguns Estados dos EUA, nomeadamente Califórnia, en que vigora a prática dos referendos.

En segundo lugar, o referendo proporciona información às persoas concernidas e estimula a comunicación entre os diversos posicionamentos en confronto. É útil portanto perspectivar esta figura con unha aproximación orientada ao proceso e non aos resultados. O referendo non se esgota no acto pontual da consulta popular porque hai un antes e un depois da votación: o debate que precede a consulta serve para modelar preferéncias, desvendar posicionamentos minoritários, pór de relevo as raíces das discordáncias, isto é: todo o que haverá que tomar en conta cando se estuden os axustes a realizar na fase post-referendo. Con certeza, é mais razoável afirmar que no confronto político entre ideoloxias distantes fraguan e cimentan socialmente xenuinas instituicións democráticas do que ver no amplo consenso entre os grupos politicos un requisito para o axeitado funcionamento desas instituicións. A maiores, os referendos colocan os grupos concernidos (“clase política” en primeiro lugar), perante as suas próprias responsabilidades. Vexan-se senón os obstáculos que se poñen à pretensión dos nacionalistas vascos e cataláns de realizar consultas populares na sua nación.

CRÍTICAS E RESERVAS

As reservas e críticas ao emprego do referendo como forma de democracia directa poden ser condensadas en tres pontos. O primeiro di respeito ao argumento de muitos votantes non estaren preparados para realizar umha escolla entre proposicións que apresentan aspectos técnicos complexos. A isto poderia responder-se: a ) todo sistema democrático toma as preferéncias dos indivíduos como normativas, lonxe de calquer paternalismo; b) as decisións que se adoptan nas consultas populares referense a aspectos básicos, remeten a xuízos de valor asentes nos esquemas axiológicos próprios de cada persoa; c) non se entende por qué o cidadán médio haveria de estar menos cualificado para tomar decisións do que os burocratas e os políticos (até poderia arguir-se que os políticos, polo seu tipo de traballo e as formas de promocionaren na “profisión” están mais fora da realidade que os cidadáns); e d) resulta mais doado realizar umha escolla nun campo concreto da vida social e trás um proceso de debate, do que optar entre partidos e programas globais avaliando a probabilidade de os programas gañadores se efectivaren. O segundo ponto crítico poderia resumir-se na afirmación de que os grupos de intereses ben organizados e con poder económico exercen unha influéncia desmesurada nos referendos e, en última análise, son capaces de decidir os resultados das consultas populares. Talvez, mais o problema non se pon nestes termos, dado que o poder económico sempre e en todo lugar se transmite nalgunha medida à esfera política, inclusive nas ditaduras.

Do que se trata é de saber que tipo de mecanismos institucionais son mais vulneráveis à influéncia deses grupos de presión e aqui os dados empíricos non xogan a favor da crítica ao sistema de referendos, xa que, alén do suízo, non é difícil achar exemplos ben ilustrativos: no referendo español sobre a permanéncia na OTAN o realmente significativo non foi que triunfase o si, senón que a percentaxe de votos en contra fose muito mais elevada que a percentaxe de escanos parlamentares pertencentes às formacións políticas que propugnavan o non, e iso apesar de todas as manipulacións que se produciron na altura. O mesmo, ainda que en menor proporción, aconteceu con a recente consulta a propósito da ratificación do Tratado da Unión Europeia, aprovada no conxunto do Estado español com o 76,7% dos votos emitidos e um 42% de participaçom eleitoral (na Galiza, apesar das aparéncias, o comportamento foi similar).

A actual situación do Tratado da Unión corrobora o noso ponto de vista. Depois de unha esmagadora maioria no Parlamento Europeu (500 votos a favor, 137 em contra e 40 abstencións), o Tratado foi rexeitado nos referendos francés e holandés, encanto en diversos Estados membros da Unión Europeia se tomou a decisión de aderir ao Tratado via parlamentos estatais, precisamente por desconfiarem os principais grupos políticos dos resultados que arroxarian as consultas. O caso da Alemaña é curioso, todo parece indicar que a opinión maioritária dos cidadáns non concorda con a dos políticos, mais estes poden amparar-se no feito de a constituición da RFA excluir as consultas populares mediante referendos, sen dúvida por esas consultas evocaren un tempo de plebiscitos lexitimadores de un rexime ditatorial (como, por certo, tamén acontecia na España de Franco).

Note-se, no entanto, que cando reximes dese teor baixan a guarda e convocan un referendo afrouxando o controlo politico da populación, poden perdé-lo, como aprenderon à sua costa os xenerais golpistas do Uruguai ainda non hai muito. E non deven confundir-se os referendos realizados en países en que existen liberdades democráticas formais, en Estados descentralizados a todos os níveis da estrutura política espacial, con convocatórias populares de tipo plebiscitário, impulsionadas desde os próprios Governos centrais a favor dos grupos que deteñen o poder.

Tamén non xulgamos que este instrumento da democracia participativa funcione adecuadamente cando se leva a extremos tais que acaba por trivializar-se. En 1990, por exemplo, os habitantes de Los Angeles foron chamados a unha consulta en que tiñan de realizar un centenar de escollas sobre asuntos díspares e nun tempo máximo de dez minutos. Interesa lembrar, porén, que no Estado de Califórnia triunfou recentemente unha consulta popular a favor da revogación do Governador, pertencente ao Partido Demócrata, hexemónico nese Estado, que viña sendo mui criticado pola sua xestión política.

O terceiro ponto crítico apoia-se na ideia de os referendos resultaren custosos. Ora ben, mesmo se asi fose, antes de emitir un xuízo en firme, haveria que cotexar os custos con os benefícios, xa comentados, desta forma de consulta popular. De outra parte, os custos a considerar son apenas os custos adicionais derivados de utilizar os referendos; porque as formas alternativas de adopción de decisións, através da maquinária dos partidos e o xogo dos parlamentos, tamén esixen recursos materiais e humanos. Alén diso, sempre cabe agrupar vários temas por referendo, realizar a consulta popular en dias feriados e pedir a colaboración e participación cidadá para o mellor controlo e cómputo dos resultados, o que non parece difícil de conseguir precisamente por este xénero de consulta popular suscitar a adesión dos grupos sociais directamente concernidos. No fin de contas, en países en que o ensino xeral básico está xeneralizado, na era da revolución informática, os custos dos referendos son asumíveis e tenden a reduzir-se.

No que à Galiza di respeito, ainda que agora a reforma do seu Estatuto foi adiada, parece necesário non demorar mais o debate sobre a introdución de esta modalidade de democracia directa no noso ordenamento xurídico-político.

 

Publicado no Boletim de EsCULcA correspondente ao 3º trimestre de 2005.

Reeditado em Sermos Galiza em setembro de 2014.