You are hereEutanasia a violadores e pederastas?

Eutanasia a violadores e pederastas?


23/10/2014

FRANK Van Dean Bleeken naceu no seo dunha familia numerosa con escasos recursos económicos. Por iso pasou grande parte da infancia e adolescencia en centros de acollemento. Desde os 6 anos foi vítima de abusos sexuais e aos 15 foi violado. Agora, aos 52 anos, leva os últimos trinta en centros de internamento belga, sempre cun único horizonte temporal: a cadea perpetua. A súa carreira de delitos sexuais ficou interrompida por primeira vez aos 20 anos cando foi detido por tres violacións -dunha brutalidade abominábel-, unha delas a unha nena de 11 anos. Padecía -e aínda padece- un trastorno mental polo que na altura foi declarado non responsábel dos seus actos e recluído nun centro psiquiátrico penitenciario. Unha medida destinada a protexer a sociedade das súas atrocidades e a ofrecerlle os coidados necesarios para a súa hipotética reinserción. Decorridos sete anos, e ao considerarse que reunía os requisitos, foille concedida a liberdade condicional. O experimento resultou un fracaso que se saldou coa violación e o asasinato dunha moza de 19 anos. Non volveu gozar dunha nova oportunidade e só abandonou a súa minúscula cela, vixiada constantemente para evitar calquera tentativa de suicidio, con motivo do funeral da nai.

É o arquetipo de agresor agredido na súa infancia, un violador e asasino incurábel que non volveu aceptar unha reavaliación da súa causa para obter redución de condena argumentando que non desexa “arriscarse a provocar novas vítimas”. A súa única alternativa era tentar un tratamento psiquiátrico, mais a precariedade deste tipo de recursos en Bélxica facíao inviábel. Os tribunais europeos de Dereitos Humanos criticaron este país en múltiplas ocasións polas malas -apocalípticas segundo algúns- condicións en que vive a poboación recluída, situación que incide especialmente naqueles que padecen doenzas mentais: edificios obsoletos en que o ateigamento é a regra e que carecen de persoal e recursos imprescindíbeis para os tratamentos.

PENA DE MORTE VOLUNTARIA

Un escenario que motivou, hai tres anos, a solicitude do seu traslado a un centro holandés especializado onde si era posíbel recibir a terapia que precisaba. Engadiu, ademais, unha condición que podería ser calificada de manipulativa se non fose pola gravidade que implicaba as súas consecuencias: no caso de non lle ser concedido o traslado demandaba que se lle aplicase a eutanasia, xa que era “incapaz de tolerar o sufrimento psicolóxico que lle xeraba a súa privación de liberdade en condicións inhumanas”. A Xustiza belga declarouse non competente para decidir sobre o traslado polo que de facto condenouno a unha pena de morte voluntaria.

Durante o pasado ano foron realizadas cinco eutanasias diarias en Bélgica. 1.800 persoas que, amparándose na estrita regulamentación que a regula, puxeron fin á súa vida por sufriren un padecimiento físico ou psíquico constante e insuperábel ocasionado por unha condición patolóxica grave e incurábel. Van Dean Bleeken é o primeiro preso que o solicita, alegando sufrimento psicolóxico: “Son un ser humano e con independencia do que fixen, continuo a ser humano. Dádeme a eutanasia”.

Até agora as razóns psíquicas ampararan tres casos: os de dous irmáns xordomudos perante a perspectiva máis que certa de perderen a visión, o que levaría unha perda total de autonomía, e o dunha muller transexual que non aceptaba os resultados da cirurxía de mudanza de xénero á que se someteu.

Como eles, Frank será conducido a un hospital para que poida liberarse do seu tormento. Os tres psiquiatras que o examinaron consideraron que reúne as condicións para ser candidato á eutanasia por sufrimento psicolóxico, aínda que un deles manifestou as súas dúbidas acerca da etioloxía dese sufrimento, mais atribuíbel, segundo el, ás pésimas condicións penitenciarias que á súa doenza mental. Padece un trastorno de personalidade antisocial que é moi difícil de tratar e en que as terapias aplicadas durante a condena, xa foren psicolóxicas ou de castración química, obteñen escasos resultados. Un argumento que propiciou que nalgúns países -afortunadamente poucos se manteña a pena de morte ou a cadea perpetua sen posibilidade de redención.

Esta frustración polos escasos resultados impulsionou unha nova abordaxe do problema que exemplifica un coñecido -mediático- psicólogo, quen afirmou recentemente que a “algúns dos seus pacientes violadores en serie e pederastas lles suxeriu a posibilidade do suicidio como un saída ética, consigo mesmos e coa sociedade”. Logo matizou as súas palabras, acosado polo escándalo profesional que suscitou e, sobre todo, porque incitar ao suicidio é un delito.


PSICOLOXÍA E MORAL

O dano xa estaba feito. Para moitas persoas, un psicólogo con autoridade fora capaz de expresar o que o seu moral lles ditaba: a tendencia incorrexíbel a causar dano infinito en seres vulnerabeis e o “non pagar consigo mesmo ou coa sociedade” só se podía saldar co seu illamento total -e perpetuo- da sociedade ou a solución final da súa eliminación física.

Primeiro subtraeríanselles as oportunidades de reinserción, despois negaríaselles a dignidade e finalmente recomendaríaselles que solicitasen a eutanasia ou que se suicidasen. Aínda que, xa postos, por que non podería ser a Xustiza quen tomase a decisión no seu lugar? Unha pendente escorregadia que nos abocaría a xustificar a pena de morte.

Autorizar a eutanasia -suicidio asistido- no caso do violador belga ou recomendarllo a pederastas e violadores reincidentes obriga a elucidar inequívocamente que o sufrimento psicolóxico que o abafa é debido únicamente á súa doenza mental ou ao seu remordimento e non derivado da precariedade carceraria. En caso contrario, atopariámonos nunha conxuntura comparábel á dunha vítima que implora ao seu torturador que acabe coa súa vida. Todos os axentes implicados deben respectar o dereito a morrer con dignidade de todas as persoas mais sen autorizar -xustificar, recomendar- un suicido como saída ética (aberrante) ou como resposta a carencias estructurais que a mesma sociedade favoreceu.

Despois de eliminar estas e esgotar todas as posibilidades terapéuticas, se non se consegue a reinserción será necesario articular medidas xudiciais que protexan a sociedade do perigo que representan en liberdade.
A eutanasia non está destinada a resolver sufrimentos enmendabeis. Estamos moi afastados social e culturalmente de Bélxica, onde foi aprobada para menores de idade e onde a Sociedade Belga de Coidados Intensivos acaba de solicitar que se poida acurtar con medicamentos o proceso final da vida aínda que non exista sufrimento, mais a distancia non nos protexe. Se alí se abre a porta a esta pena de morte encuberta, o utilitarismo liberal dominante acabará por nos infiltrar centos de razonameentos que xustificarán, argumentando sufrimento psicolóxico, a liquidación doutras persoas que resulten socialmente incómodas.

A situación de Frank Van Dean Bleeken é escandalosa. Os progresos que se conseguiron coa regulación da eutanasia desaparecerían cando a súa aplicación for consecuencia da desidia da Xustiza ou da carencia de medios para aplicar unha terapia adecuada.

Orixinal: Derecho Penitenciario
 

Etiquetas