You are hereAcasos xudiciais

Acasos xudiciais


02/12/2014

Domingo pola noite, publicamos en eldiario.es unha delicada información para o órgano máis sensible da xustiza española: o Consello Xeral do Poder Xudicial. O suplente da dimitida Mercè Pigem está imputado por falsidade documental. Está ou, máis ben, estaba.

 

Casualmente, poucas horas despois de que eldiario.es e máis tarde outros medios difundisen esta información, o xuíz instrutor desta causa penal decidiu arquivar o caso que complicaba o ascenso ao Poder Xudicial do até agora imputado, Antonio María Álvarez-Buylla, decano do Colexio de Procuradores de Madrid.

 

Casualmente, o auto é enviado na segunda-feira mais o xuíz data o auto catro días antes: na quinta-feira 27 de novembro. Casualmente na sexta-feira non se mandou.

 

Casualmente, o 27 de novembro é un día antes de que se coñecese o suceso andorrano da xa dimitida Mercé Pigem, a vocal nomeada por CiU á que sorprenderon na fronteira con 9.500 euros en efectivo.

 

Casualmente, o auto de arquivo suponse que non estará notificado até mañá 2 de decembro. Mais xa o está difundindo aos medios o Colexio de Procuradores de Madrid, a pesar de que formalmente faltan unhas horas para que o até agora imputado, o señor decano, saiba da súa existencia pola vía oficial.

 

Casualmente, é a segunda vez que o xuíz de instrución decide arquivar esta querela por falsificación documental. A primeira vez custoulle unha chamada á orde da Audiencia Provincial de Madrid, que lle ordenou reabrir a investigación.

 

Casualmente, o arquivo chega a pesar de que está pendente outro recurso “sobre unha ampliación da querela” que ten que decidir a Audiencia Provincial e que aínda non se pronunciou.

 

Casualmente, o oportuno arquivo permitirá que Antonio María Álvarez-Buylla se converta en novo vogal do Poder Xudicial.

 

Casualmente, Antonio María Álvarez-Buylla foi nomeado polo PP. Non como o seguinte na lista de suplentes que é de CiU, como a dimitida Pigem.

 

Casualmente, a oportuna dimisión, o oportuno suplente, o oportuno arquivo, a oportuna data e todas estas carambolas deste deporte que outros chamarían billar, permitirán que o PP amplíe a súa maioría no Poder Xudicial.

 

Casualmente, todo isto pasa xusto uns días antes de que o CGPJ teña de se pronunciar sobre se o incómodo xuíz Pablo Ruz ten que seguir na Audiencia Nacional.

Orixinal en eldiario.es