You are hereCriminalización da pobreza. A administración local na Galiza

Criminalización da pobreza. A administración local na Galiza


24/12/2014

Dentro do contexto global de adopción de medidas penais-sancionatorias para enfrentar problemas sociais e nomeadamente , para “regulamentar” a exclusión social , a Galiza non fica atrás. Excede destas liñas a análise de como  moitas das prestacións sociais previstas para persoas en risco de ou en exclusión social conteñen regulacións con modelos policiais . A Risga é un exemplo deste paradigma asistencial de fonda intervención na vida dos usuarios e usuarias.

Mais estamos a aludir a aqueles casos en que por medio de regulacións explicitas ou pola sua interpretación extensiva , un Poder establece ou adopta medidas en relación á pobreza de contido policial e cunha finalidade de ”limpeza” do espazo urbano. Non son novas estas técnicas. Os ourensáns lembramos ben como nos anos noventa do pasado século, e aproveitando o costume en Ourense de regar as rúas  pola noite polo rigor do  clima no verán, un concelleiro do PP ordeou que esta práctica chegase as zonas da cidade onde durmian as persoas sen teito.

De volta no túnel do tempo , Esculca ven seguindo con atención o que acontece no CONCELLO DE CORUÑA, gobernado polo PPdeG , onde a memoria da POLICIA LOCAL que recollia as actuacións do ano 2013  sinalaba na sua páxina 81 que houbera 19 actuacións policiais por “manipulación do contentor de lixo”. Neste ano 2014 , diversas informacións xornalisticas falan de 50 actuacións nesta materia , por infracción da normativa en materia de limpeza viaria , calificando o proprio  corpo policial local as persoas obxecto desta actuación como indixentes que rebuscaban comida dentro dos contentores. Segundo as fontes publicadas , desas 50 persoas 33 serían de nacionalidade romena.

A actuación descrita, obviando valoracions éticas , presenta serias eivas de contido técnico xurídico é determina unha praxe policial escasamente respectuosa cos dereitos fundamentais e  cun sesgo xenófobo. O artigo 112.s c) da ORDEANZA DE XESTIÓN DE RESIDUOS MUNICIPAIS E LIMPEZA VIARIA , que sinala como sancionabel   manipular os residuos unha vez depositados nos contentores . Obviamente , a finalidade da norma é utilizar estas potestades regulamentares para garantir a limpeza do espazo urbano , non para perseguir persoas sen recursos que precisan comida . Resulta evidente que están a utilizarse potestades regulamentares cunha finalidade disímil das que tiñan previstas na súa norma de creación (a ordenanza) .Esa figura en dereito administrativo chamase DESVIACIÓN DE PODER.

Por outra parte , o carácter xenófobo na aplicación policial da norma é diáfano por recaer sobre persoas dunha nacionalidade concreta , nun fustigamento policial que actúa por medio de perfis nacionais ou étnicos. De feito , sinálase nas xustificacións destas actuacións por parte da policía local (segundo informacións xornalísticas) que hai  redes que “venden os alimentos que encontran” o que , alén de recoñecer que a finalidade real destas  actuacions policiais  está desvinculada das de limpeza e medioambente (para as que están previstas na ordenanza) , deseña a  coñecida técnica político-policial de crear un inimigo “perigoso” sobre o cal aplicar políticas sancionadoras ainda que sexa violentando o teor regulamentario.

Algo semellante acontece no concello de Betanzos, gobernado polo PSdeG, onde a decisión do poder local é impor unha sanción de 100 euros por procurar comida nos caixotes de lixo. A ordenanza prevé como infracción a “selección,clasificación ou separación de calquera clase de material de refugallos depositado na vía publica” .De novo a tipicidade é moi discutibel en relación ás condutas que se pretende sancionar . Mais o que non resulta discutíbel  senón diáfano é que a finalidade desta infracción era protexer o medio ambente e non fustigar policialmente e sancionar persoas en exclusión social.

Dende un ponto de vista de cultura de dereitos e liberdades, debemos preguntarnos se queremos vivir en vílas e cidades nas que a probreza fruto de desigualdade social en que se fundamenta o noso sistema (non de agora , non dende a crise , xa de hai tempo ) teña que agocharse pola presión político policial en vez de o poder local promover políticas sociais de cercanía para solucionar estes problemas. Mais semella que estamos distraídos noutras leas e esquecemos o impagábel diálogo saido do inxenio e do debuxo de Quino hai decenios entre Mafalda e Susanita , aquel en que esta propuña ocultar os pobres fronte aos argumentos da inxenua Mafalda que porpuña darlle pan, teito e traballo.

Mais na Galiza , nos nosos concellos, melloramos o orixinal: non os escondemos , obrigamolos a se esconderen eles mesmos por medo a policía local.

Orixinal: Sermos Galiza (Semanario. 13-20/11/2014).