You are hereResiduos urbanos, astigmatismo político e sanción da pobreza

Residuos urbanos, astigmatismo político e sanción da pobreza


24/12/2014

Nos últimos meses, xusto cando a propaganda gobernativa proclama que a crise comeza a ser historia, xurde a noticia recorrente da sanción de persoas que fan do aproveitamento de obxectos abandonados no lixo o seu xeito de gañar a vida. Trátase dun fenómeno reproducido en diversos concellos, non por acaso sempre gobernados polo PP; no caso galego, especialmente os de Betanzos e A Coruña.

O patrón é común: sancionar por un uso indebido dos residuos urbanos en aplicación das ordenanzas municipais de limpeza, sen maior consideración ao substrato social dunha actividade coñecida –e regulada- en Sudamérica co nome de cartonerismo. Que ese substrato existe quedou recentemente de manifesto pola posición do concello de Sevilla, que tivo que mudar a interpretación da súa ordenanza, admitindo os motivos de pobreza.

Esta práctica de sanción require cando menos catro reflexións

A pacatería do modelo de cidade-escaparate. Esta política dos concellos da Coruña e Betanzos, este outros, resposta a formas de entender a cidade grotescamente obsoletas. Non é a menor desas obsolescencias a idea de cidade-escaparate. A razón fundamental da sanción do emerxente cartoneirismo é a visibilidade da pobreza. A pobreza visible considérase incompatible co modelo da cidade-marca, que pretende aproveitar a imaxe urbana para a súa valorización mercantilizada. Alén de que o modelo de cidade-marca é incompatible coa devastación do capital cultural levado a cabo polo austericidio do PP, ese esquema resposta a unha cidade soñada, non á urbe real. Como publicitara en primeira páxina o New York Times en 2012, as cidades españolas e galegas actuais  caracterizanse por unha pobreza ubicua, que se manifesta visiblemente de xeito capilar. Esas son hoxe as nosas cidades reais, que ven plasmada na súa fisonomía as consecuencias dun reparto desigual do empobrecemento que ten incrementado exponencialmente o desemprego, a miseria e a inequidade económica.

Probablemente resultaría moito máis axeitado admitir a cidade real, e pensar o cartoneirismo como o que é: un xeito de consecución de renda que, ademais, resulta moi defendible da perspectiva ecolóxica: non en van, constitúe un reforzamento da filosofía de xestión de residuos das 4 Rs. Non obstante, para iso habería que ter un modelo de política municipal bastante menos pacato que o dos gobernos do PP.

A admisibilidade política da xenofobia. Un elemento subxacente desta política de sanción da pobreza é que a persecución do cartoneirismo acaba recaendo de xeito moi maioritario en persoas estranxeiras. De feito, chama a atención que, como no caso do concello da Coruña, saliente que a práctica totalidade das persoas sancionadas non son de nacionalidade española. Alén de que determinadas comunidades migrantes se teñan especializado neste emerxente sector económico, semellaría que as informacións que relacionan a sanción do cartoneirismo coa estranxeiría están orientadas a tranquilizar os cidadáns con DNI, non en van case os únicos que poden votar. Sen embargo, resulta preocupante que unha vez máis se acabe admitindo, mesmo implicitamente, que a alteridade xenófoba pode constituír un argumento válido para a lexitimación das políticas gobernativas.

A culpabilización dos pobres. Outro elemento preocupante da persecución do cartoneirismo é a culpabilización dos pobres pola súa condición. De novo, trátase dun xeito de gobernar estrañamente obsoleto, que remite a cando New York puxo de moda hai dúas décadas as prácticas de persecución policial do incivismo urbano. Entón como agora, o subxacente é un discurso profundamente conservador e moralizante que lexitima a exclusión social e culpa os pobres da súa situación –coa cobertura, impulsada desde os EUA, da retórica da infraclase (underclass). O problema, unha vez máis, é que os reloxos non andan para atrás, e a pobreza non desaparece por moito que se negue e persiga. De feito,  o efecto que ten a sanción da pobreza é o aumento do conflito social. Aínda que só sexa por iso, a única alternativa viable é asumir que a pobreza é un problema de extrema gravidade, que só pode ser confrontado con medidas socioeconómicas.

O astigmatismo político do PP. Esa falta de comprensión da pobreza é un elemento máis dunha preocupante característica da forma do goberno do PP: a súa grave distorsión cognitiva no entendemento do actual momento político e social. Sustentado nunha estraña interpretación sobre a xénese da crise e acostumado a formas neoliberais-autoritarias de goberno, o PP non soubo ver que a crise ten devido acontecemento, que as súas vitorias electorais do inicio da crise tiñan moito de anomalía, que o réxime xurídico-político co que medrou non é eterno, e que non ía ter condicións para gobernar as consecuencias do austericidio. Sen embargo, ese ciclo electoral anómalo está chegando á fin, e o máis probable é que a falta de visión do PP o conduza a ser superado tanto pola devastación social que causou como, sobre todo, polo proceso de democratización que semella ter sido o mellor efecto do acontecemento da crise.

Orixinal: Sermos Galiza (Semanario. 13-20/11/2014).