You are hereA blasfemia non debe ser delito

A blasfemia non debe ser delito


10/01/2015

O 1 de marzo de 2006 ao nove e media da noite, un home colocou un explosivo nun palco do teatro Alfil: unha bomba caseira con metralla e pólvora, unida a unha garrafa con gasolina. Deixou a mecha acesa para que explotase unha hora despois, coa sala chea, durante a representación de Revelación, unha obra de teatro de Leo Bassi crítica coa relixión que recibira centos de ameazas por parte de ultras católicos. O atentado fallou por puro acaso: un controlador da sala viu o home escapar e puido apagar a mecha a tempo.

Onte á noite falei con Leo Bassi sobre aquela bomba. "É aterrador camiñar por unha cidade onde sabes que hai alguén que che quere matar", contoume.

O terrorista nunca foi detido nin tivo que responder perante a xustiza. Leo Bassi, si. Uns anos despois, en 2011, o cómico foi imputado por disfarzarse de papa Xoán Paulo II e repartir condóns no paraninfo da Universidade de Valladolid. O seu delito? Lean o artigo 525 do Código Penal.

1. Incorrerán na pena de multa de oito a doce meses os que, para ofenderen os sentimentos dos membros dunha confesión relixiosa, fixeren publicamente, de palabra, por escrito ou mediante calquera tipo de documento, escarnio dos seus dogmas, crenzas, ritos ou cerimonias, ou vexaren, tamén publicamente, quen os profesar ou practicar.

2. Nas mesmas penas incorrerán os que fixeren publicamente escarnio, de palabra ou por escrito, de quen non profesar relixión ou crenza algunha.

 
Despois de varios meses de proceso xudicial, o seu caso foi arquivado. O xuíz e a Fiscalía consideraron que a liberdade de expresión de Leo Bassi estaba por cima da suposta ofensa relixiosa. "A imitación do Papa da Igrexa católica non deixa de ser unha parodia mais sen chegar a conter elementos denigrantes ou humillantes por representalo cun andar escasamente áxil ou como unha persoa de avanzada idade". "O feito de non crer nos dogmas dunha determinada relixión ou pensar que non son certos e manifestalo publicamente, entra dentro da liberdade ideolóxica e da liberdade de expresión, polo que en si mesmo non entraña ningún comportamento censurable penalmente", di unha sentenza que hoxe convén repasar.

Tanto Leo Bassi como Javier Krahe -outro artista procesado por "ofender os sentimentos relixiosos"- libráronse da condena porque triunfou o sentido común. Hai anos que apenas se aplica, mais o anacrónico artigo 525 continúa no Código Penal español, como unha herdanza do vello delito de blasfemia. Continúa a ser unha espada de Damocles sobre a liberdade de expresión que en calquera momento podería volver ser activado. É unha innecesaria sobreprotección para a relixión, sobradamente amparada polo artigo 510 do mesmo Código Penal e que xa castiga os discursos de odio e a incitación á violencia por motivos étnicos, relixiosos ou pola orientación sexual.

Hoxe, cando toda Europa -mesmo o ministro de Interior- defende que a liberdade de expresión é o "corazón da democracia", a que espera o Goberno para abolir este delito medieval da nosa lexislación? Ou é que a liberdade de expresión só é sacra cando a relixión blasfemada non é a nosa?

Orixinal: eldiario.es

Etiquetas