You are hereCensuras, torturas e mentiras na España constitucional

Censuras, torturas e mentiras na España constitucional


14/01/2015

Xa pasaron dous meses desde ese 9 de novembro de 2014 que, pase o que pase, entrará nos libros de historia. Nunca antes o catalanismo político expuxera un desafío destas características ao Estado. E non é que noutras circunstancias históricas non houbese tensións. Hóuboas e moi críticas, por exemplo cando o 25 de novembro de 1905 membros dunha guarnición do exército español asaltou ao berro de “Viva España!”, “Viva a nación española!”, as redaccións do semanario satírico Cu-Cut! e da Veu de Catalunya, portavoz da Lliga Rexionalista, por mofarse da suposta gallardía deses militares en África.

Lémbralles algo esta maneira de acabar coa sátira política? Pasan os anos e a bestialidade é agora patrimonio doutras intransixencias, o que non nos aforra nin a censura nin a tortura, nin mesmo que o Estado faga uso da mentira como recurso para abater o adversario.

Suponse que na España constitucional estas cousas xa non deberían pasar. Mais se revistamos un pouco as hemerotecas dámosnos conta de que si, de que a sátira e a opinión continuaron a ser perseguidas despois de 1978.

O caso máis flagrante foi a clausura por orde xudicial do diario vasco Egunkaria en 2003, que a policía relacionou maliciosamente con ETA. Finalmente, o 12 de abril de 2010, 7 anos despois da  clausura, a Audiencia Nacional absolveu os 5 directivos do medio procesados por pertenza a banda armada, entre eles o director Martxelo Otamendi, quen denunciou todo tipo de torturas: “O trato foi cruel e absolutamente inhumano. Non hai dereito ao trato recibido por Juan Mari Torrealdai, de 60 anos, unha eminencia da cultura vasca. Contoume que recibiu malleiras tremendas, a Xabier Alegría practicáronlle sesións de “bolsa”, a min fixéronmo o mesmo dúas veces” e no caso dos outros non sei, vin Iñaki Uria e Xabier Oleaga, mais non puiden falar con eles, non me transmitiron o ocorrido”.

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo, condenou en 2012 o Reino de España a pagar 24.000 euros a Otamendi por non investigar de forma efectiva as presumidas torturas que sufriu durante a súa detención a mans da Garda Civil. Non estamos a falar de hai mil anos. Só pasaron dous.

Na sentenza absolutoria de 2010 constatábase que “a clausura do diario non tiña habilitación constitucional directa e carecía dunha norma legal especial e expresa que a autorizase”, ao tempo que se dicía que “tampouco se acreditou nin directa nin indirectamente que o xornal defendese os postulados da banda terrorista, publicase un só artigo a favor do terrorismo ou dos terroristas nin que a súa liña editorial tivese sequera un rumbo político determinado”.

E despois disto, que pasou:  Nada, absolutamente nada. E das torturas tampouco non se acordou ninguén, nin ese xuíz xusticeiro chamado Baltasar Garzón, agora na órbita de Podemos, quen en xullo de 1998 xa propiciara a clausura doutro diario vasco, Egin, cos mesmos argumentos.

O famoso sumario 18/98 tamén quedou en case nada, aínda que non foi até o 2009 cando os tribunais resolveron, contrariamente ás anteriores resolucións, que a actividade de Egin non era ilícita, a pesar de que condenase a prisión o director e a subdirectora, Xabier Salutregi e Teresa Toda –os dous xa están en liberdade—e os membros do consello de administración Isidro Charanga, Patxo Charanga, Karlos Trenor, Xabier Alegria, Joxean Etxeberria, Pablo Gorostiaga, Jexux Mari Zalakain, Manu Intxauspe –todos eles en prisión-- e José Luís Elkoro “en prisión atenuada desde 2010.

Apòs sete anos de papelorio, encarceramentos e prohibicións, o que conseguiu o Estado foi pechar o xornal e Egin Irratia, a radio asociada ao proxecto, mais non tapar a voz dos abertzales. Aí están Gara e Berria para demostralo.

Está claro que se lles falo da clausura de xornais vascos ligados á esquerda radical, seguro que hai quen argüe a favor desa violación dos dereitos humanos que llo tiñan ben merecido. Mais poucos cidadáns son conscientes de que até o 2010, escribir en España sobre as andanzas, esmorgas e tretas económicas do Rei, os gastos opacos da Casa Real e mesmo as trapisondas de Iñaki Urdangarin e a infanta Cristina, e do outro xenro real, Jaime de Marichalar, hoxe ex da infanta Elena, estaba totalmente prohibido na maioría de medios de comunicación españois.

A decidida e honrada actuación do xuíz Castro no caso Noos e a desenvoltura de moitos xornalistas levou por diante moitas cousas, entre elas o vello e disoluto Rei, quen en 2011 comezou a aplicar a censura, para evitar o que despois foi inevitábel: a súa abdicación e esquecemento inmediato. Ao ex Rei tíranno de en cima os españois como os cataláns non queren saber nada de Pujol.

Non hai peor censura que a autocensura. Iso é o que pasou coa retirada do número da revista El Jueves sobre a abdicación. 

Con diferenza á da soada censura que a revista satírica sufriu en xullo de 2007 como consecuencia doutra portada relacionada coa Familia Real “naquela ocasión mostrando espidos e fornicando o príncipe Felipe e a súa esposa Letizia Ortiz”, nesta ocasión a retirada do número non foi por vía xudicial, senón que foi ordenada a propia editora da revista, RBA.

El Jueves censurado en 2014 chegou aos quioscos cun día de atraso e unha capa nova, protagonizada polo líder de Podemos, Pablo Iglesias, no canto da orixinal de Manel Fontdevila en que o rei Juan Carlos facía entrega ao seu fillo dunha coroa repleta de merda.

A portada sobre a “casta” foi substituída, olla ti por onde, por ese outro vendedor de marabillas, que debe gustar máis ao propietario de RBA, Ricardo Rodrigo, un ex guerrilleiro arxentino afincado en Barcelona desde o 1971, que en 1981 creou (con Carmen Balcells e Roberto Altarriba, de aí o selo RBA) un dos actuais grupos editoriais punteiros en España, con máis de 50 revistas de variada temática (Lecturas, El Mueble, National Geographic en castelán), cunha facturación recoñecida de 286 millóns en 2013.

A mudanza de capa provocou a dimisión en cadea dos debuxantes da revista. Tamén é verdade que o primeiro número da revista El Jueves, de 1977 e cando aínda non estaba na órbita de RBA, xa foi censurado porque as autoridades competentes consideraron a portada, onde se podía ler “Eleccións: España vai de cu”, unha ofensa á patria.

O número oito do mesmo ano, volveu ser censurado, neste caso por ofensas á Igrexa católica, en relación co “Cisma de Lefèbvre” e a “Fraternidade de San Pío X”. En fin, que a censura en España ten ese sabor natural que xa denunciou Mariano José de Larra, ese romántico español do século XIX que como escritor político e de costumes, como autor teatral e novelador, foi un ironista, que é o único que se pode ser ante quen quere pecharche a boca pola forza porque non comparte as túas ideas.

Mais ás veces acontece o contrario e a prensa convértese en adaíl do libelo e en mera correa de transmisión do poder, como cando se autoimpuña a censura sobre a Familia Real.
[…]
O que lles acabo de contar é o pan o noso de cada día e pode repetirse unha e mil veces. “Pensar, debater e escribir” na España constitucional, declarou o xuíz Santiago Vidal ante a proposta do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) de expulsalo da carreira xudicial por participar na redacción do borrador dunha Constitución catalá, non é que sexa difícil, é simplemente imposibel cando o que se pon en cuestión é ese relato de nación indivisibel que animou os militares de 1905 a destruír rotativas.

Texto completo aqui.
 

Etiquetas