You are herePersecución penal da homosexualidade: crime contra a humanidade

Persecución penal da homosexualidade: crime contra a humanidade


13/02/2015

A persecución penal da homosexualidade é, sen dúbida, o crime contra a humanidade máis esquecido no momento actual. Porque, de feito, nin tan sequera se tomou conciencia internacional de que o sexa.

Mais éo, e de forma inequívoca.

É un crime de lesa humanidade de "persecución" tipificado no artigo 7.1.h) do Estatuto de Roma:

"1. Aos efectos do presente Estatuto, entenderase por "crime de lesa humanidade" calquera dos actos seguintes cando se cometa como parte dun ataque xeneralizado ou sistemático contra unha poboación civil (...)
h) Persecución dun grupo ou colectividade con identidade propia fundada en motivos políticos, raciais, nacionais, étnicos, culturais, relixiosos, de xénero definido no parágrafo 3, ou outros motivos universalmente recoñecidos como inaceptabeis en conformidade co dereito internacional, en conexión con calquera acto mencionado no presente parágrafo ou con calquera crime da competencia da Corte".

E é que a persecución penal por parte dun Estado é a persecución "xeneralizada ou sistemática" por excelencia.
E por iso cando se persegue publicamente e se priva da liberdade durante anos  -ou até da propia vida, porque en Arabia Saudita, Irán, Mauritania, Nixeria, Qatar, Sudán e Iemen a homosexualidade segue penada coa morte-, membros dun determinado colectivo social diferenciado e discriminado a respecto do resto da poboación pola mera orientación sexual persoal está a cometerse un crime de Estado. E un que atenta, ademais, contra a humanidade.

Porque cada Estado ten unha ampla liberdade para seleccionar aqueles bens xurídicos que deben ser xurídico-penalmente protexidos desde o seu Ius puniendi, si, tena. Mais esa liberdade non é absoluta.

E así a Alemaña nazi podía pretender penalizar os matrimonios con judios dentro do Estado alemán, mais iso, por moi recollido nunha "lei" que estivese non o facía máis conforme ás denominadas leis de humanidade.

Ou a antiga RDA podía autorizar "legalmente" os disparos no Muro de Berlín a respecto da súa orde interna, mais ante a orde internacional continuaban sendo asasinatos, como se encarregou de esclarecer o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos no histórico caso dos Tiradores do Muro.

E por iso a realidade é que ningún Estado ten liberdade absoluta para facer o que lle prazer cos seus propios cidadáns "internamente", e moitísimo menos despois de instrumentos internacionais como a Convención da Haia ou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, de eficacia juridica erga omnes, teren sido ratificados ou non polo Estado A ou B.
E nada disto son só palabras. Custou moitísimo esforzo e perseveranza que non o sexan.Mais hai que seguir perseverando para que o siga sendo en todos os casos, como no caso da vergoñosa persecución de lesa humanidade do colectivo homosexual en tantos lugares do noso planeta.

Por iso non se trata de que se teña que lexislar ou introducir nada novo, senón de aplicar con normalidade o que xa está en vigor.

Mais, como adoita ocorrer tantas veces en Dereito penal internacional, o problema para que non se termine de comprender a auténtica gravidade xurídico-internacional, a monstrosidade "xurídica" de que un Estado -máis de 70 en realidade-, aínda persiga penalmente unha parte dos seus propios cidadáns pola mera orientación sexual, continúan a ser carencias case de comprensión conceptual, máis que dos propios tipos penais internacionais en se.

Iso xunto a determinadas contradicións latentes, internas, máis aparentes que reais, de todo este novo sistema penal internacional e internacional nunha ONU verdadeiramente "primeriza" (70 anos non é nada, comparativamente as nosas figuras penais tradicionais, nacionais, veñen de séculos atrás de desenvolvemento...).

E, así, o terríbel paradoxo é que se máis de 70 Estados do planeta tipificasen nos seus Códigos penais a persecución penal, con medios xurídicos e policiais públicos, daqueles cidadáns "que tivesen os ollos verdes" - a penalización da mera natureza humana, de ser o que se é -, o escándalo internacional sería difícil de imaxinar.

En troca ante a tipificación penal, e a persecución con medios públicos, por parte de todos eses Estados dunha determinada "orientacion persoal sexual" imperan unha sorte de "aturdimento" e posicionamentos internacionais insuficientes, ante o que son crimes que atentan contra a enteira humanidade.

E, así, nunha recente comunicación sob a miña dirección perante a Fiscalía da Corte Penal Internacional lembrei respecto diso que, ademais, de entre eses máis de 70 Estados que hoxe continúan perseguindo "de forma xeneralizada ou sistemática" con medios públicos e sometendo a distintas penas a millares de seres humanos en todo o globo pola mera orientación sexual, 32 deles resultan ratificar formalmente o Estatuto de Roma nun ou outro momento dos últimos anos, co que, si ou si, calquera condutas persecutorias das tipificadas no artigo 7.1.h do Estatuto de Roma no seu territorio deberían resultar, para todos os efectos, materia da xurisdición complementar da Corte penal Internacional ou, cando menos, dar lugar ás correspondentes dilixencias de investigación  de non  apreciarse a existencia de investigacións a nivel nacional contra os autores (altos mandatarios do Goberno, funcionarios policiais, xudiciais, etc), como é exáctamente o caso.

Refírome, en particular, aos seguintes 32 Estados que continúan perseguindo penalmente a homosexualidade (entre parentesis a data da súa ratificación do Estatuto de Roma, un por un):

1)Senegal (2 febreiro 1999); 2)Trinidad e Tobago (6 Abril 1999); 3)Ghana (20 Decembro 1999); 4)Belice (5 Abril 2000); 5)Serra Leona (15 Setembro 2000); 6)Antigua e Barbuda (18 Xuño 2001); 7)Nauru (12 Novembro 2001); 8)Uganda (14 de Xuño de 2002); 9)Namibia (25 Xuño 2002); 10)Tanzania (20 Agosto 2002); 11)Bostwana (8 setembro 2000); 12)Dominica (12 Febreiro 2001); 13)Nixeria (27 Setembro 2001); 14)Illas Mauricio (5 de Marzo de 2002); 15)Gambia (28 Xuño 2002); 16)Samoa (16 Setembro 2002), 17)Barbados (10 Decembro 2002); 18)Afganistán (10 Febreiro 2003); 19)Guinea (14 Xullo 2003); 20)Burundi (21 Setembro 2004); 21)Liberia (22 Setembro 2004); 22)Güiana (24 Setembro 2004); 23)Comoras (18 Agosto 2006); 24)Bangladesh (23 Marzo 2010), 25)Tunes (24 Xuño 2011), 26)Maldivas (21 Setembro 2011); 27)Zambia (13 Novembro 2002); 28)San Vicente e as Granadinas (3 Decembro 2002); 29)Illas Cook (18 Xullo 2008); 30)Santa Lucía (8 Agosto 2010); 31)Seychelles (10 Agosto 2010); 32)Selecta (19 Maio 2011).

E iso en canto aos Estados que formalmente ratificaron xa o Estatuto de Roma por ser o primeiro paso para atacar xuridicamente toda esta situación desde o seu mellor punto de ruptura.

Mais, xunto estes 32 Estados, restará o problema dos outros máis de 38 Estados que perseguen penalmente a homosexualidade sen seren formalmente asinantes do Estatuto de Roma, como cuestión a ser integramente abordada xa, por tanto, desde a terceira vía de Dereito penal internacional - xustiza universal -. E restará a cuestión da "aquiescencia" desde outros Estados, que seica non perseguen abertamente a homosexualidade desde o seu propio Código penal, mais que toleran (ou mesmo alentan larvadamente), tales persecucións por parte de "actores non estatais" no seu propio territorio o que ha de suporlles, igualmente, toda unha esfera de responsabilidade internacional aínda sen abordar.

Suficiente tolemia e persecución, non "penal" senón "criminal", contra todos estes seres humanos simplemente por amar a alguén do seu mesmo sexo.

Máis tolemia, de feito, da que nunca xamais debeu consentirse tras os desenvolvementos xurídicos internacionais posteriores a Núremberg.

E, desde logo, máis tolemia da que resulta posíbel asimilar se, por un momento, cada un de nós se imaxinase na pel e as circunstancias de todas esas persoas, gais, lesbianas, transexuais, ou de calquera outra condición, perseguidas e tratadas como infraseres polos únicos e auténticos doentes, que son quen se permite perseguirlos. Os únicos, ademais, que realmente deberían acabar en prisión de conformidade coas leis internacionais, como en prisión acabaron os tiradores do Muro de Berlín que tamén "seguían ordes" xunto a todos aqueles responsabeis da "cadea de mando" da antiga RDA que llas impartiron.

Orixinal aqui.
________________________________________
Miguel Anxo Rodríguez Arias | Experto en Dereito Penal Inaternacional. Autor das primeiras investigacións xurídicas sobre as desaparicións forzadas infantís e de adultos da ditadura franquista e outros traballos en materia de responsabilidade penal internacional de empresas transnacionales por violación dos dereitos humanos; actualmente dirixe as querelas por actos de xenocidio e crimes de lesa humanidade contra os xefes de ETA na Audiencia Nacional.
 

Etiquetas